El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

a festa da cultura

O Día das Letras estará dedicado ó recordado polígrafo, Ramón Piñeiro

O plenario da Real Academia Galega acordou onte dedicarlle o vindeiro 17 de maio de 2009 ao pensador, editor, político e activista cultural // "A dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións"

AGN • SANTIAGO   | 06.07.2008 
A- A+

Ramón Piñeiro na famosa mesa de braseiro da súa casa de Santiago

O plenario da Real Academia Galega, reunido onte en sesión ordinaria, acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro López (Lugo, 1915-Santiago, 1990).

Ramón Piñeiro naceu en Láncara (Lugo) o 31 de maio de 1915 e morreu en Santiago de Compostela o 27 de agosto de 1990. Segundo o texto no que a RAG fixo público o seu fallo "a dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións".

Os seus traballos sobre pensamento e filosofía, maiormente os dedicados á saudade, así como as súas traducións en colaboración con Celestino Fernández de la Vega das obras de Pokorny e Heidegger, supuxeron no seu momento un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber, superando a súa cualificación como lingua "rural e poética" na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois da posguerra.

A Real Academia evoca tamén o seu labor ensaístico recollido parcialmente nos libros Olladas no Futuro, Galicia, A Linguaxe e as linguas, e Lembrando a Castelao reflicten os eixes fundamentais do seu pensamento, que salientan a necesidade da reafirmación cultural de Galicia como camiño fundamental para a súa realización como pobo.

O seu labor como promotor da normalización da lingua galega nos anos difíciles da posguerra fica recollido en numeroso artigos e actividades, de entre as que se poderían citar feitos tan sinalados como o da publicación do Diccionario Enciclopédico de Don Eladio González (1958-1961).

Como director literario da Editorial Galaxia, á que se incorporou desde os seus primeiros tempos, contribuíu á publicación de numerosos libros en galego, "enchendo este baleiro, coma ningunha outra institución, nos anos anteriores a Transición", sinala o comunicado da Real Academia.

A institución que preside Xosé Ramón Barreiro Fernández destaca asemade "o labor de animación cultural galeguista que tamén desenvolveu Galaxia, a iniciativa de Piñeiro, deu lugar a actividades tan singulares como a colección Grial e posteriormente a Revista Galega de Cultura do mesmo nome, na que se recolle a maioría do traballo ensaístico galego da posguerra".

As claves

Sobre 'A linguaxe e as linguas'

En 1967 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega. O seu discurso levou por título A linguaxe e as linguas. Vencellado ao Partido Galeguista, participou na súa reorganización e tamén na súa autodisolución en 1950. Formou parte do primeiro parlamento autonómico como deputado pola provincia da Coruña, entre 1981 e 1985, como independente dentro das listas do PSdeG-PSOE.

"Por enriba das opcións de partido"

Piñeiro participou na creación do Consello da Cultura Galega en 1983, do que foi o seu primeiro presidente ata o seu pasamento en 1990. Segundo a RAG "non cabe ignorar o seu intenso influxo na normalización política do galego, facendo a nosa lingua patrimonio común por enriba das opcións de partido".

Un importante "labor socrático"

"Non menos importante foi o seu labor socrático, exemplarizado nas conversas na súa mesa de braseiro, na súa intensa e xenerosa correspondencia epistolar dentro e fóra de Galicia, moi en concreto en relación coa xuventude, tanto nos tempos inmediatos á posguerra como, posteriormente, con toda persoa que tivese Galicia como referente das súas actividades ou ideais" .