|
| ||
| |
![]() |
| O director X.A. Perozo, ‘Ozo’ FOTO: Ozo |
Un dos principais retos da súa curta Auga é que non ten diálogos. ‘Ozo’ rodou en dúas noites no porto de Sada até 60 planos. "Ao tratarse de meterme no xénero do terror", explica o vigués, "necesitaba rodar moitos planos para que a montaxe tivese ritmo. Sei que facer 60 planos en dúas noites é unha auténtica maratón, é pasarse un pouco, pero tiven a sorte de que tiven un equipo moi competente."
De feito, ao carecer de diálogos, a música de Manuel Riveiro e a interpretación de David Perdomo e Marcos PTT Carballido son as bases sobre as que se sustenta o filme. "Para min, Marcos PTT é unha das grandes promesas do cine galego. Poucos actores teñen unha formación tan variada coma el. En ‘Auga’ aguantou unha noite enteira saíndo e entrando da auga do mar", di ‘Ozo’.
Na curta, dous ladróns intentan roubar no interior dun vello Seat Ibiza aparcado nun peirao ao ver dentro del un billete de 100 euros. Pero non lles vai resultar fácil, xa que o coche sabe defenderse... Baseada en La cabina dirixida por Antonio Mercero e protagonizada por José Luis López Vázquez que para ‘Ozo’ representa "unha crítica social da xente que non lle bota unha man ao que o necesita".
'Auga' é unha "historia sobre a claustrofobia", apunta o director que quixo facer unha curta en diálogos para "practicar a dirección de actores". De feito, carecer de diálogos resultou ser un aliciente para que a curta poida participar en festivais internacionais. Ao seu ver, en Galicia, "estamos nun momento de ebulición de festivais. Case todos os meses hai un festival de curtas pero isto non quere dicir que todo o que faga curtas en Galicia teña difusión. Tamén é unha axuda o programa da TVG e tamén axuda internet e YouTube onde a distribución é case infinita, xa que o que funcionan son as historias".‘Ozo’ viviu en primeira persoa a evolución do audiovisual en Galicia. Coida que os principais cambios que se produciron foron a nivel de formación. "Na segunda metade dos 90, cando se comezan a rodar longas, viñan moitos profesionais de Madrid ou Barcelona, que foron ensinándonos aos galegos os diferentes roles dun filme. En menos de dez anos, conseguiuse ter un número de técnicos e actores galegos que profesionalizaron o sector", apunta.
Director e guionista: X. A. Perozo Porteiro, ‘Ozo’.
Título: ‘Auga’.
Ano: 2007
País: Galicia
Tipo: Curtametraxe
Xénero: Terror
Música: Manuel Riveiro
Edición: Joserra Lorenzo
Son: O son de Tagalem
Intérpretes: David Perdomo / Marcos PTT
‘Pradolongo’ acumula xa 40.000 espectadores por toda Galicia
O filme Pradolongo de Ignacio Vilar leva xa 40.000 espectadores na súa traxectoria por toda Galicia, pelexando por ser exhibido. Polo de agora, xa se converteu no filme galego que máis alta recadación conseguiu. Esta fin de semana pódese ver na Estrada e despois irá a Monforte e Ribeira.
O certame coruñés de Marienbad abre a recepción de curtas fantásticas
Esta semana abriuse a convocatoria de curtametraxes fantásticas e experimentais que organiza na súa segunda edición a Asociación Videoclub Misterio. O pase de curtas do Festival Marienbad farase o vindeiro día 27 de xuño no Centro Galego de Artes da Imaxe.
O CGAC organiza un ciclo de cine para o verán dedicado ás celebracións
Pequena Miss Sunshine, Plácido, Os amigos de Peter, El ángel exterminador, El festín de Babette ou Atrapado no tempo proxectaranse no ciclo de cine que organiza cada verán o CGAC en Compostela. As proxeccións terán lugar do 9 de xullo ao 28 de agosto, ás 22.30 horas.