Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
Portada
atrás Comparte en Yahoo la noticia A cronobiografía dunha vida intensa
Comparte en Del.icio.us la noticia A cronobiografía dunha vida intensa
Comparte en Menéame la noticia A cronobiografía dunha vida intensa
imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

A cronobiografía dunha vida intensa

17.05.2006

1863

Nace na vila coruñesa de Sada o día 11 de febreiro, onde foi bautizado o día 12 co nome de Manuel Antonio Lugrís Freire. Nesta vila realiza os primeiros estudos e de moi novo comeza a traballar como escribán no concello veciño de Oleiros.

1880

Compón Nociones Generales de Mitología, obra en castelán.

1883

Emigra a Cuba chamado polo seu irmán Plácido. Traballa en distintas empresas, entre elas, Otamendi Amiel. Neste mesmo ano comezan as súas colaboracións na prensa americana. No número 72 de El Eco de Galicia aparece publicada a poesía Nostalxia.

1884

É nomeado vogal do Centro Galego da Habana. A través do xornal El Eco de Galicia temos noticia da que sería a súa primeira peza teatral: A costureira d´aldea.

1885

É nomeado socio de honra do Liceo Artístico e Literario de Regla e do Casino Español de Guanabacoa.
Funda, xunto con Armada Teijeiro, A Gaita Gallega, xornal de periodicidade mensual redactado integramente en galego. Lugrís e Armada Teijeiro serán os encargados da redacción e xuntos traballarán ata o número seis en que xa figura Chumín de Céltegos (pseudónimo de Armada Teijeiro) como único director.

1888

Comeza a traballar en Hermanos González y Cía.

1890

Empeza a traballar na firma Urisandi Álvarez.

1894

Publica na Habana Soidades. Versos en gallego, obra cunha carta prólogo de Manuel Curros Enríquez asinada na Habana o 28 de xuño de 1894. Inclúe vinte e oito poemas, algúns deles xa publicados na prensa, un aditamento en prosa que contén o relato Os primeiros versos e o artigo A fala gallega, xa publicado en A Gaita Gallega en novembro de 1885.
Participa na organización dos actos conmemorativos da homenaxe a Curros que se celebrou na Habana.

1896

Deixa Cuba e regresa a Galicia acompañado da súa muller, a cubana Concepción Orta.

1897

Nace a súa filla Socorro. Forma parte da comisión que dirixe Liga Gallega, e xunto con Uxío Carré e Salvador Golpe foi redactor do Regramento da Sociedade Liga Gallega na Cruña, que tiña como finalidade a defensa dos intereses morais, materiais, políticos, económicos e sociais de Galicia.

1898

Participa na homenaxe a Francisco Suárez Salgado.

1899

Falece a súa muller, Concepción Orta, o 30 de abril.
Participa o día 23 de abril na homenaxe que a Liga Gallega lles tributa aos Mártires de Carral e pronuncia un discurso en galego.

1901

Publica na Librería Rexional de Uxío Carré, Noitebras. Poesías, libro de versos dedicado á súa primeira muller.

1903

Traballa en Aguas de La Coruña. Sociedad Anónima, empresa á que permanecerá vinculado ata a súa xubilación, por enfermidade, cando xa ocupaba o cargo de Secretario do consello de Administración.
O 18 de xaneiro preséntase publicamente na cidade da Coruña a Escola Rexional de Declamación, que presidirá pouco tempo despois da súa creación en substitución de Galo Salinas.
Lugrís Freire publica nese mesmo ano A ponte. Drama en dous actos en prosa. Dividido en tres cadros, que foi estreado no teatro Principal da Coruña no mes de xullo.
Casado xa en segundas nupcias con Pura González Varela, profesora na Escola Normal da Coruña, nace o seu fillo Manuel.

1904

Publica Minia. Drama n-un acto en prosa, representado no teatro Jofre de Ferrol o 19 de marzo.
Publica Mareiras. Drama en tres actos en prosa, estreada no teatro Principal da Coruña o 16 de outubro. Asiste á inauguración do monumento aos Mártires de Carral.
Membro fundador da Asociación de Prensa da Coruña.

1905

Nacen os seus fillos Secundino e María do Pilar.
Figura como membro fundador da Real Academia Galega.

1906

Publica os seu libro Esclavitú. Drama en dous actos en prosa, que non ía estrear nos escenarios ata o ano 1910 e que lle dedica a Andrés Martínez Salazar.

1907

Participa na fundación de Solidaridad Gallega.
O 6 de outubro ten lugar en Betanzos un mitin promovido por Solidaridad Gallega no que Lugrís pronuncia un discurso integramente en galego.
Traduce ao castelán Mareiras, que foi representada pola compañía Hompanera.
Traduce ao castelán A Ponte.

1908

Publica n´A Nosa Terra, La ofrenda ó los folletos verdes de don Pepiño. Sainete rápido. Nace o seu fillo Urbano.
Participa na homenaxe póstuma a Curros.

1909

Publica na Litografía e Imprenta Roel Contos de Asieumedre.

1910

Estrea Esclavitú. Drama en dous actos en prosa.

1916

Acode ao chamamento de Antón Vilar Ponte e participa na fundación da Irmandade da Fala na Coruña.

1917

Publica a comedia O Pazo, estreada en Vigo. Participa nas honras fúnebres de Pondal.

1919

Publica Versos de loita, no suplemento do xornal El Noroeste. Publica a comedia Estadeíña. Comedia en dúas xornadas en prosa.

1922

Publica a Gramática do Idioma Galego, a primeira na nosa lingua, na Imprenta Zincke Hermanos da Coruña.

1923

Ingresa como socio correspondente no Seminario de Estudos Galegos no mes de maio, e o 20 de novembro pronuncia o discurso de ingreso sobre a figura de Pondal. O discurso recóllese como epílogo na obra que a Real Academia Galega preparou en 1935, Queixumes dos pinos, y poesías inéditas de Eduardo Pondal, Imp. Zincke Hermanos, A Coruña.

1924

Participa na Homenaxe que a Real Academia Galega lle tributa a Luis de Camões con motivo do cuarto centenario do seu nacemento.

1926

Participa nos actos de homenaxe organizados polo Seminario de Estudos Galegos a Carolina Michaëlis de Vasconcellos.

1927

Publica o poemario Ardencias.

1928

Publica na Imp. Zincke Hermanos da Coruña As mariñas de Sada. Homenaxe â sociedade Sada y sus contornos.

1931

No ano da proclamación da II República Española, Lugrís publica a segunda edición da Gramática do Idioma Galego, editada pola Imprenta Moret da Coruña. Participa nun acto en homenaxe aos Mártires de Carral.

1932

Forma parte da comisión encargada de redactar o anteproxecto de Estatuto de Autonomía.

1934

Ocupa a presidencia da Real Academia Galega.
Participa na inauguración do monumento a Curros Enríquez.

1935

Renuncia á presidencia da Real Academia Galega por motivos de saúde.

1940

Morre o día 15 de febreiro na súa casa da Coruña.

 
atrás Comparte en Yahoo la noticia A cronobiografía dunha vida intensa
Comparte en Del.icio.us la noticia A cronobiografía dunha vida intensa
Comparte en Menéame la noticia A cronobiografía dunha vida intensa
imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad