Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
Portada
atrás Comparte en Yahoo la noticia Polo meu dereito a cagarme en todo
Comparte en Del.icio.us la noticia Polo meu dereito a cagarme en todo
Comparte en Menéame la noticia Polo meu dereito a cagarme en todo
imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

VAI DE BLOG ·· Por Fran P. Lorenzo

Polo meu dereito a cagarme en todo

08.02.2007 Arrepía que dous textos sexan "pretexto" para paralizar unha decisión xudicial errada ou impopular

FRAN P. LORENZO

Cando categorías externas á Xustiza e á súa Administración se filtran por entre os resortes da Lei e da súa aplicación provocan o mesmo efecto devastador ca unha pingueira de auga sobre un chan de caliza: enormes covas cársticas, labirínticas, ateigadas de sombras e de ecos que acaban por distorsionar as percepcións e a realidade.

Non sei se –á vista da batalla que se libra polo control de tribunais, consellos e organismos xudiciais en España–, alguén acredita aínda nesa tan proclamada independencia dos maxistrados e, moito menos, nesa infalibilidade que converte os xuíces en emisarios na Terra dun poder superior, contra o que non caben disensións nin protestas. A min, persoalmente, resúltame difícil crer nesa pureza de criterio cando asisto a un proceso imparábel de xudicialización dos conflitos políticos e de politización da vida xudicial.

A causa contra Iñaki de Juana Chaos é, quizais, o claro exemplo de que os poderes non camiñan por separado e de que, hoxe por hoxe, é posíbel construír unha causa ad hoc, un procesamento prêt-à-porter, para evitar que un preso que cumpriu a súa condena –delirante, desaxustada ou ínfima respecto da gravidade dos seus delitos– quede na rúa. O propio ministro de Xustiza arrogouse o peso desa decisión e sinalou que o Goberno traballa para “elaborar novos cargos” contra presos de ETA, denantes de seren excarcerados.

Leo os dous artigos publicados por De Juana Chaos, os que lle valeron unha extensión de pena de 12 anos e 7 meses de cadea e motivaron, como protesta, a folga de fame que agora mantén; doce anos: só seis menos que os que cumpriu pola súa participación en vinte e cinco asasinatos. Son, así o vexo, dúas diatribas que –fóra da alerxia intelectual que poida provocar en min a súa forma, o seu trasfondo, a súa dialéctica e o terrorífico aserto: “tenemos el escudo de la razón”– expresan unha opinión que é común a un certo sector dos presos etarras pero á que non é allea unha parte, poida que cada día menor, da sociedade vasca que, probabelmente, subscribiría as palabras deste preso terrorista sen ter que, por iso, ingresar nunha institución penitenciaria.

Por suposto, todo é argumentábel, polo dereito e polo revés, pero arrepía pensar que dous textos sirvan, nunca mellor dito, como pretexto para paralizar –por razóns de Estado, de estratexia política, presión mediática ou partidaria–, unha decisión xudicial errada ou impopular, utilizando, con tal fin, unha posesión, esta si sagrada, como é a liberdade de expresión.

Os defensores acérrimos desta medida son, quizais, os mesmos que non queren ver publicadas as fotografías de De Juana ou que claman contra a entrevista de The Times porque un terrorista –“separatista vasco”, segundo o cualifica o diario británico–, non debe ter dereito a falar. Eu, pola contra, si quero ouvir o que teña que dicir De Juana, aínda que sexa para disentir dos seus argumentos e actitudes. Non quero tutelas e, sobre todo, non quero silencios. Tampouco non esixiría o seu arrepentimento, porque iso é un sesgo relixioso que pouco representa nun debate político ou ético coma este.

Hai quen, inxenuamente, esixe actos de contrición dun terrorista. Eu non admitiría nin valoraría o seu mea culpa. Pero si llo esixiría a un político do Partido Popular, representante electo, que só considera xusta a xustiza que referenda os seus obxectivos. De principio a fin: do 36 a Iraq, que condenen aquela barbarie e pidan perdón por unha guerra ilegal e inxustificada, como non o fixeron até agora. Ou que non o fagan e que o argumenten por escrito, en senllos artigos de opinión indefendíbeis, para eu poder cagarme en todo e reclamar o seu dereito a se expresaren libremente.
franpl@galicia-hoxe.com

 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Polo meu dereito a cagarme en todo
Comparte en Del.icio.us la noticia Polo meu dereito a cagarme en todo
Comparte en Menéame la noticia Polo meu dereito a cagarme en todo
imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de El Correo Gallego envíe un e-mail a info@elcorreogallego.es
Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies