Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 26.06.2011
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova Felices como as carricantas Comparte en Del.icio.us a nova Felices como as carricantas Comparte en Menéame a nova Felices como as carricantas imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

NOVIDADES

Felices como as carricantas

26.06.2011 Organiza a túa axenda para este verán único e especial no que gozarás do sol, da praia, de andar ceibo e de comer xeados. Gárdalle un oco á lectura e potencia a túa creatividade. Editorial Galaxia elaborou para ti todo un feixe de excelentes propostas

TEXTOS: ROMINA BAL FOTOS: EDITORIAL GALAXIA

As vacacións xa chegaron. Todo o ano a traballar, esforzarse e erguerse cedo dá para que este verán teñamos tempo de rubir a árbores, xogar á pelota, ir á praia e enredar en mil e unha aventuras. Como non hai que descoidar a lectura teremos que organizarnos mellor que outros anos e ir pensando en como gozar dela. Se estamos un pouco lacazáns e nos apetece que nos conten as historias, podedes tranquilizar a familia, todos teredes unhas merecidas vacacións.

Editorial Galaxia pensou en todo para este tempo de relax. Pensou en valores, en boas lecturas e tamén nos preguiceiros, nos que queren que lles conten un conto moi ben contado.

Para agasallar a nosa vista presenta dúas novidades dentro da colección Os Duros. A orixinal historia de Miro Villar A cobiza do verme Noel abre as portas da imaxinación cunhas orixinais e divertidas ilustracións de Marta Álvarez Miguéns. Toda unha metáfora arredor do egoísmo e da necesidade de superalo, sobre todo nestes tempos tan individualistas. En Linguápolis habitan uns vermes moi curiosos e traballadores. E de todos eles, Noel é o máis cobizoso. E todo comeza a cambiar no que ata ese día era un mundo feliz.

O raposo Colabranca de Xosé Carlos Caneiro, con ilustracións de Federico Fernández fai fincapé na mesma idea do egoísmo pero desta vez porque o protagonista é un pouco narcisista. Xosé Carlos Caneiro, que se estrea como autor de literatura infantil, reflexiona sobre a tiranía da beleza e do superficial na relación entre os seres que poboan a terra.

O raposo Colabranca vivía só pendente de si mesmo e da súa branquísima beleza. Ata que a fraga enteira se puxo en perigo. Agora tócalle escoller: pensar só nel ou botar unha man aos que con el viven...A casiña de chocolate dos Irmáns Grimm é unha das dúas novidades da colección Audicontos que presentamos hoxe, inclúe un CD e conta a historia de como á beira dunha fraga inmensa vivía, cos seus dous fillos e máis a súa segunda muller, un leñador moi pobre. O rapaz chamábase Hänsel e a rapaza Gretel... Coas tenras ilustracións de Antonio Seijas. Todo un clásico feito noso da man experta e audaz de Ánxela Gracián, escritora galega, tradutora experta e crítica literaria con fondo coñecemento.Os tres osos, tamén dos Irmáns Grimm, adaptado á perfección por Xesús Carballo Soliño e con CD incorporado, narra como un día, tres osos saíron dar un paseo mentres arrefriaban as papas do almorzo. E foi nestas cando se lles meteu na casa Cabeciña de Ouro. Un tesouro de narración adobiada coas sorprendentes ilustracións de David Soler, que debuxa a trama a modo de cadros con pinceladas sutís que semellan de época.

Unha colección esta con moita enxulla.

Xa para os máis expertos lectores e dentro da colección árbore de Galaxia Marica Docampo volve pisar con forza en Noutra Dimensión para cativos de 12 anos que busquen divertirse e experimentar novas sensacións.

A autora mergúllanos nuha historia chea de maxia, misterio e de moitas aventuras fantásticas na mellor liña da narrativa de aventuras que lindan máis aló da lóxica. O propio comezo da novela xa nolo deixa moi claro sendo toda unha declaración de intencións:

"Debo comezar explicando como me convertín en vento. Eu era un neno e chamábame Cidre. Non, eu chamábame eu".

O comezo é poderoso e déixanos intuír por que Marica Campo é unha das autoras máis celebradas polos escolares de Galicia que sempre teñen os seus libros entre os seus favoritos. Non hai centro educativo onde Marica Campo non sexa coñecida e, en boa medida, moito teñen que ver historias como as que plantea en Noutra Dimensión, trama de aventuras e intriga que atrapa dende o primeiro instante.

A novela está protagonizada por Cidre, un adolescente que non ten nin idea do que está a piques de lle pasar e que non sospeita que a realidade (e el mesmo, saltando de dimensión) se lle vais ir das mans.

A trama conecta moi ben co lectorado adolescente porque Cidre está atrapado nun problema desgrazamente actual como é as frecuentes rifas entre os pais que conducen aos divorcios e ás roturas das parella. Algo co que moitos adolescentes teñen que lidar.

En troques de se meter no seu cuarto a padecer e autocompadecerse, o mozo Cidre decide emprender a fuxida. E en troques de facelo collendo a porta para poñer quilómetros polo medio, o que fai é desaparecer.. literalmente, desaparecer saltando de dimensión, cambiando de realidade, converténdose noutra cousa, algo que nos sorprende.

Por suposto, isto non é algo que se poida facer así como así. Para que se obre a "milagre" é necesario botar man das apócemas máxicas do doutor Reichenbach.

Unha aventura fantástica que sorprende pola súa orixinalidade e pola súa capacidade de conexión, pois fará que non poidas deixar de ler páxina tras páxina.

Historias como estas son as que nos cativan e deixan pegada en nós. Achégannos experiencias e axúdannos a enfrontarnos a problemas futuros.

Á magnífica historia ideada e pensada pola extraordinaria imaxición da escritora do Íncio engádenselle as impresionantes ilustracións da galega Noemí Álvarez, que destancan pola súa perfecta feitura e que nestes momentos impregnan de vangardismo as páxinas de numerosos volumes da nosa literatura
infantil e xuvenil.

Aproveita os meses que tes por diante para afacerte á lectura e dominala. Todo o que leas deixará sen que ti o notes unha fonda pegada no teu interior e será fundamental no teu desenvolvemento como persoa. Aínda que hai moitas máis cousas que poden servirte para a diversión, a lectura é ao longo te fará especial.

IMPRESCINDIBLE NA TÚA CASA

Para agasallar os nosos oídos e potenciar a nosa creatividade

Editorial Galaxia conta cunha colección feita á medida daqueles que queren contar contos e non saben como facelos. Aqueles que prefiren acompañar as ilustracións cunha boa e precisa entoación.

A colección Audiocontos presenta os contos de toda a vida en formato libro e tamén gravados nun CD. Para gozalos doutra maneira. Todos soan diferente a partir de agora!

De momento a colección consta de seis libros e neste número de Cativadas presentamos en novidade dous deles. Todos teñen algo en común que é que están magnificamente adaptados á nosa lingua, o que pon de manifesto a calidade inmensa do ronsel de profesionais cos que conta esta editora, todos contan con algo noso aínda que veñan de moi lonxe.

O Galo Quiquirico, adaptado por Xavier Senín con ilustración de Noemí Álvarez; Branca de Neve e os sete ananos, dos Irmáns Grimm, adaptada maxistralmente pola escritora Ánxela Gracián; Os catro amigos tamén dos Irmáns Grimm de Xesús Carballo Soliño con ilustracións de Kristina Sabaite ou Os sete cabuxos, dos Irmáns Grimm adaptado polo mesmo autor.

As novidades que comentamos hoxe son A casiña de chocolate e Os tres osos os dous nados do universo literario deses dous monstros da literatura infantil universal que foron os Irmáns Grimm.

A característica común a todos eles é que se trata dunha colección única que merece a pena mercar por que son contos de sempre e que, en maior ou menor medida, todos coñecemos.

Ampliando fronteiras

novela de Francisco Castro, Chamádeme Simbad, publicada por Galaxia, acaba de saír traducida ao castelán e ao catalán en Tàndem Edicións, con novas ilustracións a cargo do tamén galego Xan López Domínguez.

Na súa orixinal edición en galego, esta obra dirixida a un público infantil, e da que xa gozaron máis de 7.500 nenos de Galicia, recibiu o Premio Frei Martín Sarmiento. Francisco Castro é un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. Nacido en Vigo en 1966, traballa desde hai anos como cronista cultural en varios medios galegos, e na actualidade na propia Editorial Galaxia. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que publica Galaxia. En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica O ceo dos afogados que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova Felices como as carricantas Comparte en Del.icio.us a nova Felices como as carricantas Comparte en Menéame a nova Felices como as carricantas imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade