Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
Portada
atrás Comparte en Yahoo la noticia Isto é unha novela, por Vicente Araguas Comparte en Del.icio.us la noticia Isto é unha novela, por Vicente Araguas Comparte en Menéame la noticia Isto é unha novela, por Vicente Araguas imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

Isto é unha novela, por Vicente Araguas

21.06.2009

VICENTE ARAGUAS

Ten fama Basilio Losada, entre os que gozan do seu trato, de home fantástico e fabulador. Anécdotas como esa que fai del piloto accidental dun aeroplano en dificultades, ou a que o sitúa nun cárcere brasileiro cos dous compañeiros de cela entregados a prácticas sodomíticas mentres ollan para el con apetencias, son un par de mostras da facundia oral de Basilio. Que non están, por certo, no libro no que rillei con gusto e proveito a última quincena: Do sentimento á conciencia de Galicia (Xunta de Galicia-Editorial Galaxia, Vigo 2009). Subtitulado "Correspondencia (1962-1984)", e recompilador do intercambio epistolar entre Losada e Ramón Piñeiro. Mais se non están esas chuscadas, hai outras coas que non parei de rir. Así a que pon a Basilio a piques de afogar, tentando poñer a salvo (sen saber nadar) a Carmina, a súa primeira muller, que nadaba "como unha sardiña". Ou cando o toman por terrorista nun aroporto brasileiro cando portaba un facón, agasallo dos emigrantes galegos na Arxentina. Rin como debeu de rir ao lelas Ramón Piñeiro, o socrático, o máis serio (Basilio tamén, aínda que ás veces disloque os pronomes átonos, pero doutra maneira). E é que neste voluminoso epistolario Basilio é informante polo miúdo de traballos e días desde ese mundo galeguista que se vai construíndo en Barcelona, con el como dinamizador entre emigrantes, alumnos, escritores e editores. Ramón Piñeiro, á súa vez, é quen contrainforma e alecciona desde Galicia, envía libros, aconsella sobre como abordar o persoal e –finalmente- contaxiado polo espírito lareteiro ("malgré lui") de Basilio cae tamén en pequenas maldades e díxome-díxomes. Así se Basilio chama a un membro de Voces Ceibes "putiña histórica", dun poeta prolífico di que é "pesadísimo", ou asegura dun coñecido activista cultural, practicante da poesía igualmente, "que é case analfabeto", Ramón Piñeiro tamén afía a pluma cando define unha poetisa como parcial dos "mesmos desvíos amatorios que caraetirizaban á gran poetisa de Lesbos". Quérese dicir que ambos a dous van facendo un percorrido ilustrado, ás veces maldicente e familiar, que nos leva aos grandes corresponsais do Século XVIII. E algo así me parecera sempre Piñeiro. Quen analiza polo miúdo certos autores; paradigmática a análise coa que peneira o territorio, dividido en tres anacos, risqueano. Ou preavisa dun futuro, talvez mimético,para a obra de Ferrín, de quen fora prologuista precoz. E critica abertamente o plantexamento poético de Manuel María, a quen ve cun interior "moi mol". Basilio Losada, máis posto sen dúbida no tema, mais non máis sensible, pespontea as afirmacións do seu paisanísimo (os dous do Concello de Láncara), e aprende del no "feed-back" mutuo que se trae esta estraña parella epistolar. Que van enchendo de historia esta historia de historias, ou sexa, novela. Pois tal lectura admite o tratado de amizades que o epistolario é. Confirmador de como a Nova Canción Galega tamén andaba no obxectivo de Ramón Piñeiro. Non menos controlador de canto na Galicia galeguista acontecía. Eis o papel (ou papelón) de Basilio Losada, o home en Barcelona da "Operación Galaxia". Da que saíran os primeiros discos, as versións galegas das maquetas catalás de Lluis Olivares e Jacinta. E neles esa xoia da resistencia antifranquista en Galicia chamada "Venceremos Nós".

 

A correspondencia Losada-Piñeiro demostra o xa sabido, que na Nova Canción Galega había varios grupos tentando levar a auga ao seu rego. Aínda así non creo que Manuel María pintase tanto, nin que andara con recadiños para o "moscovita" de Lugo. Si é certo, o que aquí non se di, enredado Basilio nunha extraña confusión entre Condes, Manolo e Alfredo, a quen se lle atribúe nula calidade ¡musical!, como xa ten sinalado o último, que foi el dos que lle pararon os pés a Claudi Martí, xerente de Edigsa, que viñera falar con nós como quen se move por terra colonizada.

 

E disparate total resulta outorgarlle (culpa, neste caso, de María Xesús Lama e Helena González, redactoras das notas a pé de páxina) a Margariña Valderrama, daquela esposa de Alfredo Conde, a personalidade de María. Voz feminina do dúo María e Xavier, intérpretes de "Brila raio de aurora" ou "Catro vellos mariñeiros", defensora xunto con Miro Casabella da canción deste, "Soia", no Festival da Canción de Barcelona de 1968. "Soia" quedara terceira e "A cara o creu", de Andreu e Borrell, cantada por Lluis Llach e Dolors Laffite, segunda. A letra fora peneirada por Basilio, quen chama a Miro "malísimo letrista" nunha das súas cartas. Que xunto coas de Piñeiro conforman deliciosa novela. Pois como tal ben se pode ler.

 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Isto é unha novela, por Vicente Araguas Comparte en Del.icio.us la noticia Isto é unha novela, por Vicente Araguas Comparte en Menéame la noticia Isto é unha novela, por Vicente Araguas imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de El Correo Gallego envíe un e-mail a info@elcorreogallego.es
Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies