Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
Portada
atrás Comparte en Yahoo la noticia Aquel crime, po Vicente Araguas Comparte en Del.icio.us la noticia Aquel crime, po Vicente Araguas Comparte en Menéame la noticia Aquel crime, po Vicente Araguas imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

agora xa foi

Aquel crime, po Vicente Araguas

10.01.2010

VICENTE ARAGUAS

Dicía unha canción italiana que de amor xa non se morre. Sígueo dicindo, que de cando en vez vou aínda ao picú reiterala. E non obstante de amor podemos, talvez cadre aquí o moi axeitado débemos, morrer. Para que a cousa non quede na consabida estadea de feridos de amor  que bulen mancados no tema de Pedro Ruy-Blas, “A los que hirió el amor”. E o conto´é que o sábado 20 de abril de 1974, un empresario vigués, Antonio Alfarem Baquet, caía rolando na alfombra do seu escritorio víctima de catorce golpes metálicos, de catorce feridas amorosas (once máis que as que Miguel Hernández asignara aos que aquí viñan). As que lle propinara o home da muller que se entendía con Alfarem e que se atopaba con el nunha pensión da Rúa Alfonso XIII, subido para a estación de Vigo. Unha rúa con locais ben clásicos para encontros amorosos clandestinos, poetizame o meu informante vigués preferido. Alfarem Baquet, cincuenta e sete anos daquela, como cincuenta solpores nas Cíes, era figuriña cidadá. E aínda extramuros, que a súa morte fora portada na “Hoja del Lunes” de Cádiz, do 22 de abril: a nova poisque se espallara Vigo adiante en domingo tivera que agardar ao día seguinte para saír nos xornais. Falo do gaditano porque é o primeiriño que me sae en internet segundo tecoleo o nome do finado. Por máis que a mín quen me informara fora Pepene Silva (fillo de Pepecillo), con quen compartía daquela docencias en San Roque, 6 (Santiago de Compostela). Pepene facía a estrada Vigo-Santiago con asiduidade, e falaba da man executora como pertencente a un tal Melitón. Non sabemos se fuxido dun drama de Calderón (de La Regenta, fose excesivo) ou dun poema de Quevedo, o que falaba do XVII, como do “século do corno”, mais pródigo en consentidos. E esa sería unha das hipóteses. Que Melitón tirase proveito da posición amorosa da súa señora, usuaria de autos e abrigos en disonancia coas posibilidades económicas do casal. E a propósito de lusismos, como este que axiña remite a camas (de Valença para abaixo), dígase que Alfarem Baquet adoitaba ir ao país veciño na procura de afrodisíacos, como extracto de iumbina (isto cheira un pouquiño a lenda urbana, como a que falaba de tan potente vigorizante -para vacas- introducido nos “cup” da época en que Melitón dera mulé a Alfarem Baquet, de Conservas Mau). Este suceso de amores contrariados, levados ata onde non chega senón a pá do coveiro (de Pereiró), está moi ben narrado por Xosé Cid Cabido en Unha historia que non vou contar (Edicións Xerais, Vigo 2009), un libro que rulará a eito por librerías e bibliotecas. Porque tendo forza de ficción acada a categoría de docudrama, desde as voces do morto (quen fala nada impostado), os ollos riscados de Cristina a dicir mentiras, máis o propio Melitón (dous anos de cárcere, tan só, porque a morte do dictador molificou penas máis amplas) dando a súa versión do acontecido. E poisque estamos diante dunha novela nela hai personaxes alleos ao tema central para xustificala. Que funcionan cal eslabóns dunha cadea realista. Como o sorriso de trasno de Pepene (fillo de Pepecillo), con aqueles seus acenos e andares de toureiro en activo, cando contaba na sala de profesores de San Roque, 6 o suceso tremebundo nun Vigo tremendo. Que espertara aquel domingo co cadáver de Antonio Alfarem Baquet, agardando autopsia en Pereiró. No interín eu pensaba en certa tenda de campaña grande, con recibidor e mucama con acento portugués, no cámping de Samil. Verán de 1967 e cáseque me parece que isto non era totalmente alleo a canto aquí veño explicando. E para o que me sirvo, básicamente, ademais da novela de Cid Cábido, da “Hoja del Lunes” de Cádiz, que o 22 de abril contaba en portada como viña de ser asasinado o “Presidente de la Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia”, don Antonio Alfageme del Busto. O día anterior a xente de Vigo falaba desta morte, por amores contrariados, que correra como a pólvora pola cidade e o seu rural. Facéndolle competencia á desfeita do Celta no Bernabéu; 6-1, que tampouco estivera mal. No interín Pepene Silva afiaba o sorriso branco que me informaría o luns, no patio de recreo de La Salle, San Roque, 6, Santiago de Compostela, de que de amor aínda se morría. Dous anos máis tarde Gianni Bella asinaría “Non si puó morire dentro”, ou sexa “De amor ya no se muere”. Outra historia.
 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Aquel crime, po Vicente Araguas Comparte en Del.icio.us la noticia Aquel crime, po Vicente Araguas Comparte en Menéame la noticia Aquel crime, po Vicente Araguas imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad