Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
Portada
atrás Comparte en Yahoo la noticia Vicente Araguas: “Xuvia-Neda é un libro agridoce” Comparte en Del.icio.us la noticia Vicente Araguas: “Xuvia-Neda é un libro agridoce” Comparte en Menéame la noticia Vicente Araguas: “Xuvia-Neda é un libro agridoce” imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

Vicente Araguas: “Xuvia-Neda é un libro agridoce”

30.05.2010 O escritor ferrolán publica en Xerais unha colección de breves relatos que lembran epifanías vividas no seu territorio fundacional

JOSÉ MIGUEL GIRÁLDEZ

Vicente Araguas, fotografado en abril por Kiko Delgado, en Ferrol.
Vicente Araguas, fotografado en abril por Kiko Delgado, en Ferrol.
Gran escritor. Gran columnista. Gran conversador. Entra Vicente Araguas directamente desde Madrid, vía telefónica. Na radio soa Bob Dylan. Soa Romance in Durango. "Eu tamén son moito da canción francesa, Brassens e así", sinala Araguas ao fondo, mentres Dylan, un dos seus ídolos, deixa que a súa América orixinal se escoite en segundo plano. "A verdade, tiña preparado a Roberto Alagna cantando a Luís Mariano, para recibirche, Vicente. Xa ves que non dou puntada sen fío", dígolle. "E moi ben que me parece", resposta un Araguas que semella entusiasmado, cargado de memorias e de frases inesperadas. "Luís Mariano é un dos ídolos da miña nenez, e desde logo é parte do libro Xuvia-Neda, do que creo", espeta retranqueiro, "que imos falar". Xuvia-Neda, en efecto é o último libro de Vicente Araguas, que vén de ser publicado por Edicións Xerais. O libro está formado por historias curtas, breves memorias, anécdotas divertidas e emocionantes. No libro hai moitas dedicatorias, unha delas, por exemplo, ao director deste xornal. "Simplemente é agradecemento a alguén que confiou en min nos meus momentos quizais máis baixos", subliña. "Eu gañei o premio Reimóndez Portela, un premio moi importante que otorga o Concello da Estrada, con cinco artigos publicados neste rotativo. Desde logo, hei de dicir que para min é un xornal fundamental. Que o foi xa desde a súa fundación en Ferrol, como é ben coñecido. Tiña unha delegación espléndida en Ferrol nos anos 50" explica Araguas, "estaba na rúa Real, onde hoxe está o Café Blablablá. Recordo que cando o Rácing xogaba fóra iamos ver os resultados nun taboleiro que poñía este xornal. No libro escribo: ‘na casa común de Preguntoiro 29’. Porque cando me instalei en Santiago non deixei nunca de estar moi próximo ao Correo. E por alí andaba, cos irmáns Alvite, claro, con Diego Bernal, por suposto... todos foron amigos meus. E desde o 93 son colaborador habitual do xornal. Así que, sen dúbida, segue sendo a casa común para moitos de nós".

 

‘Xuvia-Neda’, o obxecto principal desta entrevista, é, como dicimos, unha colección de relatos intensos, nos que o humor está moi presente. "Son dous ducias de relatos, e vaia, é certo que se trata do meu territorio fundacional. Neda, de onde son fillo predilecto desde hai un par de anos, algo que me ten marabillado, está sempre presente en min. Non quixen que se notase moito o lirismo, e ademais cos anos crece o escepticismo dentro de nós. Pero Neda sempre é para min o punto de partida. Os relatos, en principio son reais, pero a memoria os transforma. A memoria cámbiao todo, así que haberá cousas máis reais que outras. Pero hai dous relatos absolutamente pegados á realidade. Un deles é o dedicado ao ariete de España, Marcelino, que foi comer fronte á miña casa a un dos meus territorios míticos, o Hispano-Arxentino. E alí reunímonos douscentos rapaces, esperando a que aparecese Marcelino, o heroe do mítico gol a Rusia, que desapareceu rapidamente no seu Volvo, un Volvo que lle regalou o Marqués de Villaverde. Pero bueno, esa é outra historia". E Araguas, evidentemente, non se detén. A súa conversación é festiva e interminable. "Eu, iso está claro, non son Faulkner. Nin son Onetti. Nin son Joyce. Como ti dis, a miña única vantaxe sobre eses tres grandes bebedores é que eu estou vivo. Eles levan moitas millas de tinta e de alcol por diante de min. Eu sei que ti adoras a Joyce, hai pouco que cadramos na Universidade de Deusto para dedicar unhas palabras ao mestre. Pero en fin, claro, un, non é Joyce. Pero eu fixen como el. Joyce tirou directamente a Dublín, e eu, pois tirei pra Neda. Pra Xuvia-Neda. Sen nada no medio", remata con brío.

 

Os que coñecemos ben a Araguas como poeta e como tradutor (gran tradutor de Heaney, e de Joyce, por exemplo), sentímonos moi felices lendo agora este libro tan pegado ao territorio, tan real e tan fantástico ao mesmo tempo. "É, unha vez máis, o teu eterno retorno ao territorio máxico", digo "ao territorio onde todo empezou. Estes breves relatos aseméllanse moito as fotografías. Son instantáneas, snapshots, que hai que saber gozar". "Creo que é xusto iso que dis, sen dúbida", confirma Araguas. "Pero non son instantáneas tomadas cunha cámara Polaroid, como podería pensarse, senón viradas ao sepia. Están tomadas cunha cámara moi antiga, como as que manexaba Manuel Ferrol. Hai unha foto de cando eu era neno na contraportada, por certo, non sei se tés o libro diante (teñoo) feita por Manuel Ferrol... porque quedou dous anos nunha pensión da miña avoa, Carmiña Neira, en Ferrol. Fíxome a foto un día de Antroido de volta do baile no casino, vestido de vaqueiro. Manuel Ferrol, o gran fotógrafo da emigración, cruzouse así comigo, cando eu era apenas un neno. Vin fotos súas en Edimburgo, en Nova York, en moitos sitios. Alégrame acordarme de el. En fin. Este é o mundo que mellor coñezo, o máis próximo a min. E non só é a infancia ou a adolescencia. É toda a miña vida a que está aí, a que pasa por esas páxinas".

 

Estes breves contos memoriosos están cheos de maxia. Detalles pequenos que, co tempo, convértense nos detalles máis importantes da nosa vida. Contemplo o libro, que se abre cunha fotografía dos sinais direccionais do cruzamento coa autoestrada de Freixeiro, que indican cara a onde hai que ir. Cara a Neda, claro. Non hai outra portada posible porque o libro é iso: unha viaxe que sempre nos leva á orixe. "A foto da portada é simbólica, claro. Pero é real. Fronte a ese lugar viviu e traballou moitos anos o doutor e escritor Alvaro Paradela, que morreu atropelado en 1979. El foi quen puxo o nome de Ferrolterra a toda esta comarca. A foto é dun gran amigo meu, Pacucho Fernández Cagiao, que é precisamente o dono do Hispano-Arxentino. Xiana, da Radio Galega, dicíame o outro día que este é un libro ‘de escapados e escapadas’. E é moi verdade, porque hai contos nos que saen os maquis, os escapados, pero tamén hai un conto deses de escapada amorosa, de amour fou: unha parella escapa, vaise a Labacolla, atópanse con outra parella que volve, e os catro terminan en Casa Martiño, en Puentedeume. Ramiro Fonte, que foi gran amigo meu, na súa triloxía sobre a súa nenez e adolescencia en Puentedeume, fala sen parar deste lugar tan máxico. Hai sitios que son así. Nótalo de contado", conclúe Vicente Araguas.

 

"Hai unha frase de Joyce que me presta moito que é esa que di que para reconstruír Dublín, se desaparecese, o Ulises serviría. Eu estaría encantado de que o meu libro servira para o mesmo. Que calquera puidese reconstruír Xuvia-Neda só con lelo. Sen ser crónica, ten moito de crónica sentimental, para que imos negalo", di. "Non sei se é un libro só de recordos", dígolle. "Se tomabas notas, se tiñas papeis, debuxos cosas..." "Non, todo está tirado da memoria. Todo é lembranza. Pero non esquezas que se trata de algo así como da terceira parte dunha triloxía, despois de dúas coleccións de poesía Xuvia e Xuvia Revisitada. O primeiro non tivo o espallamento que eu desexaba, a pesar de que se fixo en Brais Pinto coa xenerosa subvención de Raimundo Patiño e César Arias. Logo reescribino, moitos anos despois, e iso foi Xuvia Revisitada. E agora non puiden parar, e aí temos Xuvia-Neda. Espero ter a arte suficiente como para contalo. Si que teño diarios, e dietarios, pero non nesta ocasión. Todas estas historias estaban xa no meu corazón, e coñézoas moi ben porque me acompañaron e me acompañaran sempre. Agora, tamén, a todo aquel que se achegue a lelas. É un libro agridoce, ten o seu punto acedo. Seino. Quizais non pode ser doutra maneira". O libro ten tamén o seu aire pop, BB (Brigitte Bardot), e todos os demais, e os temas anglosaxóns: cousas moi queridas por Araguas. Os seus grandes temas. "Pero como non vai aparecer a atmosfera pop, o aire pop, e a súa cultura?. Vivímola totalmente, profundamente. E máis que en BB, eu sempre penso en Norma Jean (cantada con crueza por Dylan, claro, mellor que o Elton John) Marilyn está moi no libro, é o mito erótico inevitable... Agora ben, BB deixoume abraiado no cinema Callao de Ferrol xa de neno". Aí queda, para nós, esta froita madura recollida directamente da árbore da memoria.

O PERSONAXE

Datos relevantes
Xuvia, Neda, en 1950. Estudou Filoloxía Inglesa en Santiago de Compostela e destacou como cantautor. É un dos fundadores do grupo Voces Ceibes en 1968. Deu clases de español en Glasgow e, como resultado da estadía, publicou ‘Paixase de Glasgow’. É columnista de El Diario de Ferrol e El Correo Gallego. Foi declarado fillo predilecto de Neda. A importancia como tradutor é tamén extraordinaria. Moi importantes as versións de Joyce (‘Retrato do artista cando novo’, Laiovento) e Heaney (‘Traballo de campo’, Xerais).

Publicacións
Vén de publicar ‘Xuvia-Neda’ en Xeráis. Outras publicacións: ‘Agora xa foi’, ‘Xuvia’, ‘Xuvia revisitada’

 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Vicente Araguas: “Xuvia-Neda é un libro agridoce” Comparte en Del.icio.us la noticia Vicente Araguas: “Xuvia-Neda é un libro agridoce” Comparte en Menéame la noticia Vicente Araguas: “Xuvia-Neda é un libro agridoce” imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad