Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 05.09.2010
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova Como facer unha curta documental sen “medios” Comparte en Del.icio.us a nova Como facer unha curta documental sen “medios” Comparte en Menéame a nova Como facer unha curta documental sen “medios” imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

MARCOS NINE EXPLICA OS PASOS NUN BLOG

Como facer unha curta documental sen “medios”

12.10.2008 Leva dez anos traballando no audiovisual, os últimos seis dirixindo documentais. A realidade é a súa preocupación e a súa fonte de ideas. Está rodando un filme sobre catro debuxantes galegos de banda deseñada e rematou outro sobre o peche dunha fábrica téxtil en Boiro, que deixou na rúa moitas mulleres da vila

VANESA OLIVEIRA

Marcos Nine levou un premio Mestre Mateo no 2007 por ‘Historia dunha parroquia’ FOTO: Marcos Nine
Marcos Nine levou un premio Mestre Mateo no 2007 por ‘Historia dunha parroquia’
FOTO: Marcos Nine
O realizador Marcos Nine (Illa de Arousa, 1977) cambiou o xornalismo polo cine despois de rodar en 2006 un documental sobre José Ernesto Díaz-Noriega (JEDN), o pai do cine afeccionado en Galicia. Comezara filmando os días de loita contra o chapapote do Prestige en Carcamáns (2003) pero non estivo seguro do que buscaba até que filmou JEDN. "Foi unha curta que me liberou de presións", asegura.

Marcos Nine leva dez anos traballando no audiovisual. Foi guionista de series como Mareas Vivas, As leis de Celavella ou Terra de Miranda e, dende hai seis anos, centra a súa actividade dirixindo documentais como Historia dunha parroquia –Premio Mestre Mateo no 2007– ou O premio da rubia, que se emitiu o pasado sábado no programa Galicia Documental da TVG. "Tivo un share do 11%, que veñen sendo uns 54.000 espectadores, o cal non está nada mal", conta Nine. Ademais, acaba de rematar un "minicurso" sobre como facer unha curta documental "sen medios" no blog que ten en Curtas na rede, onde participa co filme Soidade 3.

Entre as conclusións do seu curso acelerado, Nine di que "os medios son totalmente secundarios" e que o importante é "buscar fórmulas para contar cousas, ter paciencia, acostumarse á improvisación e ser rápido e curiosos", entre outras recomendacións. "Os que facemos documentais somos moi dados a teorizar, a min gústame escoitar a directores de documental e só o feito de escribilo, axúdache", apunta.

Nine está a traballar en dous novos proxectos documentais: A fábrica, sobre as mulleres que traballaron no sector téxtil, que se estreará o 2 de novembro en Boiro, e o que leva como título provisional Na procura da besta –aínda en fase de rodaxe– que aborda o proceso creativo de catro debuxantes de cómic: David Rubín, Alberto Vázquez, Diego Blanco e Kike Benlloch.

 

"Para vivir disto tes que facer máis dun filme ó ano"

Recoñece que vivir deste xénero en Galicia é case un privilexio porque non existen moitas canles para exhibir cine documental. "Síntome afortunado por vivir disto. É complicado, paradoxicamente, polos medios. É fácil facer filmes por 100.000 euros, pero pasarse diso é duro. Por iso, para vivir disto tes que facer máis dun traballo ó ano", explica. Nine divide os seus traballos entre os encargos que lle fan produtoras e os seus proxectos propios. Ao seu ver, o documental está "rexurdindo" en Galicia. "Nos últimos premios Mestre Mateo presentáronse máis documentais que curtas", asegura. Considera que hai dúas formas de facer documental: "dedicarllo á xente que está interesada no xénero ou facelo para todo o mundo. Eu creo que se pode facer para chegar a todo o público".

Malia que coida que "en España aínda non hai público de documental", cre que "a situación está cambiando", xa que "empeza a haber programas de televisión relacionados coa realidade como Callejeros’, apunta.

Co seu traballo comproba cada día como os medios de comunicación se centran só no "inmediato" e convértense así en "lectores superficiais das cousas". De feito, no documental O premio da rubia inseriu unha secuencia irónica na que, mentres gravaba o que dicía o presidente do club de fútbol, logo de concluír o xogo da vaca, todas as cámaras de televisión gravaban a bosta do animal.

 

A emoción, a recompensa "non económica"

"En O premio da rubia, a miña intención é chegar a entender como son esas persoas, do club de fútbol e do pobo, para chegar a facer iso". O mesmo pasa con Historia dunha parroquia: parte da actitude extravagante do cura da aldea para chegar ao que hai detrás diso: despoboación, envellecemento, falta de comunicación. Ademais, outra das recompensas "non económicas" que ten dedicarse ao documental radica en que "á xente lle produce unha alegría tremenda cando se ve".

De feito, un dos seus últimos traballos, A fábrica, que se estrea o 2 de novembro no Festival Acción de Boiro, advirte sobre "os perigos da globalización". "A xente que ten ou tivo contacto con algunha fábrica, séntese identificado co filme porque conta como a competencia imparable acabou arruinando unha forma de vida de moitas mulleres de Boiro", conta o director. É por iso que se trata dun documental "moi emotivo" –afirma–, xa que as mulleres da vila que o protagonizan traballaron toda a súa vida no téxtil, un sector que caeu en decadencia e as deixou irremediablemente na rúa.

MADE IN GALICIA

Comezan as votacións no Festival ‘Animacam’ de Ourense

Xa comezou a ronda de votacións no I Festival de Cine Internacional de Animación online, Animacam, organizado pola empresa Limaía, con sede en Sandiás (Ourense), acollerá a proxección de 160 películas procedentes de 26 países de todo o mundo.

As curtas de Omar Rabuñal e Sam Orti participan no ‘Boca de lobo’ de Madrid

As curtas de Omar Rabuñal –Da man da raíña vermella– e de Sam Orti –The Werepig– participarán no festival Boca de lobo en Madrid, entre 1189 curtas de 43 países. A metraxe de Sam Orti, producida pola coruñesa IB Cinema, fíxose co primeiro premio do Festival Animadrid.

Unha delegación galega participa xa no MIPCOM que se celebra en Cannes

O Consorcio Audiovisual de Galicia, a TVG e 16 empresas do sector participan dende onte na feira internacional MIPCOM, de Cannes, que se celebra até o 17 deste mes. A delegación galega disporá dun "stand-paraugas" organizados polas autonomías de España, que é país de "honra" do festival.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova Como facer unha curta documental sen “medios” Comparte en Del.icio.us a nova Como facer unha curta documental sen “medios” Comparte en Menéame a nova Como facer unha curta documental sen “medios” imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade