ÁRBORE, XOANIÑA E SEMENTE, AS INICIATIVAS MÁIS SIGNIFICATIVAS DE GALICIA
Unha cesta da compra máis xusta e saudable
12.04.2009
Crean unha relación máis xusta entre produtor e consumidor, promoven os alimentos ecolóxicos máis respectuosos co ambiente e beneficiosos para a saúde, e favorecen os pequenos produtores da contorna. Son as cooperativas e asociacións de consumo responsable, unha outra forma de facer a cesta da compra dun xeito máis solidario
TEXTOS: REBECA FERNÁNDEZ FOTOS: ROSA VEIGA/EFE
Pilar Penín é unha das produtoras que abastece de produtos ecolóxicos a ‘semente’
Propician unha vida máis vinculada ó rural, poñen a disposición dos usuarios produtos frescos, saudables e respetuosos co medio e establece un compromiso entre produtor e consumidor a través dun modelo de produción máis xusto e solidario. Son as chamadas cooperativas e asociacións de consumo responsable, unha corrente presente en Galicia. A posta en marcha deste sistema nace dunha reflexión da necesidade de establecer unha outra forma de consumo, ó que se unen aspectos como criterios de saúde ou a posibilidade de adquirir produtos ecolóxicos dunha forma máis barata. Pero os seus membros logran algo máis: revitalizar as terras abandonadas e alimentar unha cultura que fomenta a necesidade de tomar unha maior conciencia do que comemos, como e cando o facemos e, sobre todo, de onde vén. Por iso, ademais de favorecer a adquisición de alimentos ecolóxicos, búscase a proximidade da súa produción, evitando intermediarios e longos desprazamentos.
Poden ser cooperativas, asociacións e mesmo grupos de amigos ou veciños pero a filosofía é común: o contacto directo co pequeno produtor. A ausencia de intermediarios e a proximidade entre os que cultiva as terras e quen come os seus froitos é fundamental para establecer unha relación máis xusta social e comercialmente. A súa forma de organizarse tamén é semellante, xa que os seus integrantes repartan as tarefas de mercar e xestionar os pedidos, de manter o local, da contabilidade e os contactos con outros grupos afíns.
Non obstante, e á marxe das consideracións xurídicas, as cooperativas van un paso máis alá das asociacións ou grupos de consumo responsable. O funcionamento destes últimos é sinxelo: unha vez á semana, os consumidores reciben unha cesta diferente con produtos de temporada a un prezo fixo que ronda os 10-15 euros. A distribución corre a cargo dos propios agricultores, que percorren pequenos traxectos ata o local de recollida en pequenas furgonetas. As cooperativas, pola súa banda, son claves na difusión dos produtos ecolóxicos, ó encargarse da súa venda en tenda e a través da rede. O seus produtos non se limitan á alimentación: cosmética, produtos a granel e libros forman parte da súa oferta.
AS EXPERIENCIAS GALEGAS
A viguesa Árbore, a pioneira no país
Promover unha economía social, ecolóxica e saudable. Con este propósito naceu na cidade olívica Consumo Consciente Árbore, Sociedade Cooperativa Galega, un proxecto empresarial pioneiro na nosa comunidade levado a cabo por consumidores co propósito de mercar e distribuír produtos de alimentación ecolóxicos, de fogar, de procedencia preferiblemente biolóxica, cunha óptima relación calidade-prezo. Promover o consumo consciente é a clave deste proxecto que apoia o agricultor galego e respecta o medio. A cooperativa conta cunha tenda propia onde poder mercar alimentos ecolóxicos e limpos co ambiente e produtos a granel a un prezo accesible, que está xestionada polos propios socios da cooperativa.
Rural sostible en Ferrol coa Xoaniña
Desenvolver o rural promovendo a agricultura ecolóxica. Con esta idea, no ano 95 xurdiu en Ferrol a cooperativa de consumo responsable A Xoaniña, integrada por 60 socios. Cun capital de 100 euros por persoa, A Xoaniña establece unha relación directa entre consumidores e produtores para evitar as marxes abusivas dos intermediarios, que quedaban co 75% dos beneficios. "Atendendo ás características minifundistas de Galicia, apostamos por unha produción sostible pequena pero diversificada", explica Xan Martínez, membro do Consello Reitor da Xoaniña. Para promocionar este tipo de consumo, a cooperativa conta cunha tenda de 80 metros cadrados con todo tipo de produtos: alimentación, coméstica, droguería e mesmo libros.
Sistema de cestas con Semente
Ourense conta, neste caso, cunha asociación de consumo responsable, formada por un grupo de persoas que buscan outra forma forma de facer a cesta da compra. Para iso, Semente decántase polo coñecido como sistema da cesta, a través do que os membros da asociación adquiren cada semana un lote de produtos ecolóxicos a produtores da comarca. Con dez euros á semana, fanse con alimentos de temporada que os agricultores trasnportan en furgoneta ata o punto de encontro: o centro social A Esmorga (na imaxe). A xestión das compras corre a cargo dos propios integrantes da asociación que adquiren outros produtos procedentes do resto de Galicia como queixos, leite, conservas, pan e carne ecolóxica ou produtos de comercio xusto.