"Estase a facer apartheid lingüístico en nome da 'libertad'"
17.05.2009
O dúo compostelán de chamber-pop e indielectrónica Fanny + Alexander saca novo disco: ‘Alfaias’, unha sorte de antoloxía poética de escritores galegos da xeración dos 90. Fano de novo na factoría A Regueifa, con copyleft e fieis ao ‘faino ti mesmo’. Toda unha pancada á ortodoxia da industria musical
MARGA TOJO
Os composteláns Fanny+Alexander durante un concerto FOTO: F&A
Volven os reis do indie galego Fanny+Alexander. Fano cun coidado exercicio electrónico construído de novo "a base de machucar estilos, regras e etiquetas". ‘Alfaias’ (A Regueifa Discos 2009) é unha antoloxía case poética (hai un único texto narrativo ‘Tardes de domingo" elaborado a partir da novela de Diego Ameixeiras, Tres segundos de memoria) que podería facer de banda sonora xeracional dos nacidos nos 70. Para pórlle letra aos once temas que conforman o disco escolleron autores novos galegos. Ademais de Ameixeiras, están Mario Regueira, Emma Couceiro, Lara Dopazo, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán.
Parece que o indie tamén se pode facer en linguas periféricas. Como lle explica isto ao novo goberno da Xunta?
Sobre o galego hai dous factos evidentes e indiscutibles, que está en perigo de extinción e que é unha lingua tan válida como calquera outra para estar no mundo. O que non o quera ver ou ben non ten moitas luces ou ben quere politizar a cuestión lingüística para sacar réditos eleitorais. A protección e supervivencia da lingua, como ben máis prezado do patrimonio cultural dos galegos, deberia de ser cuestión de Estado, un tema de consenso que non admita discusión. Por desgraza nos últimos tempos certos grupos de presión estanse adicando a facer política coa lingua no nome da "libertad" pero o certo é que en calquera pais civilizado propostas coma a segregación dos alumnos nas aulas a modo de apartheid lingüístico non serían nen tomadas en serio. Como ben demostraron os islandeses Sigur Ros pódese facer ata en linguas inventadas! Bromas aparte, é certo que o ingles é tan ou máis dominante que no mainstream pero si que hai maior apertura de mente tanto nos músicos coma no público e cada vez somos máis as bandas que demostramos que o galego -igual que o catalán no caso de Antonia Font ou o euscaro no de Lisabo- é unha opción tan viable coma calquera outra.
No seu primeiro disco, ‘Lusco e fusco’, entre letras da súa impronta comezaron a incluír poemas de autores galegos. No segundo, ‘Finais dos 70s, comezos dos 80s’ todos, agás un, ‘Pánico’, eran temas letrados por poetas da Galiza. En ‘Alfaias’ xa non compuxeron ningunha letra.
A de incluír poeras galegos é unha decisión estética pero sobre todo estratéxica, de ligar música galega e poesia galega, retroalimentándoas mutuamente. Nos anos 60 e 70 era moi común que os grupos e artistas galegos musicasen poesía galega, chegando a popularizar a nosa poesía dun xeito masivo. Naquela xeración a xente chegaba a saber poemas de Rosalia ou Celso Emilio de memoria grazas ás cancións de Amancio Prada ou Suso Vaamonde e iso é o que tentamos facer, achegar a poesia galega actual á xente nova, levándoa ao campo da música contemporánea. Con ‘Alfaias’ seguimos esa mesma idea.
E por que ese nome?
Inicialmente íamoslle chamar "O alfaiate" porque asi é como nos sentimos coa nosa música, coma un xastre que colle teas e tecidos de distintas cores e orixes e con elas fai unha prenda nova e orixinal. O que pasa é que o de alfaiate soábanos bastante folkie asi que decidimos resumilo co de ‘Alfaias’, a risco de soar pretenciosos pola connotacións de xoias. Ademaishai pouco descubrimos que no Brasil unha alfaia é tamén un instrumento de percusión moi semellante ao noso tamboril, asi que perfecto.
Por certo, nunca lle perdoarei que no seu anterior disco físico non incluíse ‘Pánico’ (‘Merda de dj’) a miña predilecta, todo un himno.
Non foi culpa nosa, foi por ser coherentes coa licenza Creative Commons. O tema orixinal dos Smiths tiña copyright asi que era legalmente imposíbel incluilo nun disco que tiña licenza copyleft.
Creative commons é unha postura ideolóxica ou o único xeito de difundir a cultura hoxe en día?
As dúas cousas ao tempo. É un xeito de entender a arte e a cultura, como algo que é de todos e debe ser accesible para todos. Por suposto isto non significa perder o control da túa obra, precisamente o bon que ten a licenza Creative Commons é que protexe ao autor tanto coma o Copyright pero sen atalo xa que cada creador pode escoller exactamente o que permite que se faga ou non coa súa obra. Esta flexiblidade na práctica é o que marca a diferenza xa que non tes as limitacións que derivan de estar baixo o xugo dunha xestora de dereitos de autor tradicional. Ti creas a obra e ti decides o que facer con ela, asi de sinxelo. Por iso fixemos o disco no netlabel A Regueifa.
Defíneme netlabel.
Basicamente é o mesmo que unha editorial tradicional pero coa peculiaridade de editar só obras en formato dixital a traves da Rede. Hai algúns netlabels que continuan a publicar baixo copyright pero a maioría deles -coma os galegos A Regueifa Plataforma e Alga- editan baixo licenzas copyleft coma a Creative Commons e destes a maioría fano sen ánimo de lucro. A verdade é que son todo vantaxes, dende a parte ecolóxica -ao non consumir papel, plásticos e derivados ata a parte económica xa que as obras difúndense moito máis rápida e comodamente que do xeito tradicional, permitindo chegar a practicamente todo o mundo cun custo cero de fabricación, distribución e promoción.
Ten futuro a industria discográfica tal como está plantexada?
Non lle vexo moito futuro, a verdade. Ela mesma tampouco e por iso esta a se desprazar dende a edición ata a música en directo. A xente paga perfectamente vinte euros polo billete dun concerto pero nen se lle pasa pola cabeza pagar dez por un disco e iso xa non o vai mudar ninguén. O formato físico perdeu o seu valor e imaxino que rematará sendo gratuito, un simple obxecto promocional para que a xente acoda despois ao concerto, que é onde está o verdadeiro negocio. Antes dábanse concertos para promocionar a venda de discos pero agora é ao reves, canta máis xente teña o teu disco -mercado ou baixado, tanto dá- máis público teras nos concertos.
‘Alfaias’ véndese tamén en soporte físico. A xente cómprao por verdadeiro amor á arte?
O certo é que nos daba unha inmensa preguiza sacalo físicamente por todas as xestións que conleva pero ao final fixemolo, ademais de para os da vella escola que aínda mercan discos, porque aínda restan moitos ámbitos (radios, prensa especializada...) a onde non chegas se non tes algo palpable que presentar. De feito tamén está á venda en Itunes, o que non ten moito sentido podendo descargalo gratuitamente, pero é un deses sitios onde tes que estar para existir, polo menos para o mercado internacional.
No mundo electrónico deben sentirse como peixes na auga. De feito, escoitei dicir que xa non van facer máis concertos en directo. Non lles gusta o mundo carnal?
O certo é que para levar os temas do último disco ao directo cun mínimo de fidelidade precisaríamos unha banda de seis ou sete persoas e a verdade é que non estamos pola labor de sair do feliz amateurismo. Antes, ao dominar os temas electrónicos, sendo só dous aínda podiamos defendernos levando unhas bases pero coa cantidade de arranxos acústico que teñen agora as cancións xa non ten moito sentido asi que en principio non temos intención de dar concertos. Igual algun acústico en formato reducido pero pouco máis. A verdade é que preferimos investir o noso tempo en compoñer e gravar novas cancións que en ensaiar.
Fálase dun boom de bandas en galego. A isto contribuíron programas de radio como Aberto por reformas ou Extrarradio, do que vostede foi colaborador. Que pasará agora?
Programas coma Aberto por reformas, Extrarradio ou Radio Oceánica funcionaron coma espellos e altofalantes dunha realidade que viña abrollando dende 2004. O boom existía porque a verdade é que a escena galega nunca foi tan rica e copiosa coma nestes últimos anos pero tamén é certo que sen eses e outros medios tería pasado máis desapercibida para o grande público. Agora temos que perseverar.
Hai unha identidade xeracional nas novas bandas que cantan en galego?
Si, a inmensa maioría son post-bravu e nótase moito. O Bravú foi algo moi grande pero deixou tras de si alguns tópicos sobre a música moderna cantada en galego que cumpria desterrar canto antes. O galego só se podía normalizar no eido da música unha vez que fose válido para calquera estilo musical contemporáneo, non só para o folk, punk, rock e ska. E iso é o que aconteceu con esta nova xeración post-bravú, que logrou que o galego fose unha língua "posible" para o technopop, o hiphop, o powerpop, o noise ou calquera estilo que se puxera por diante. Neste sentido a batalla normalizadora está bastante máis avanzada no musical que nos outros campos da sociedadehai pouco descubrimos que no Brasil unha alfaia é tamén un instrumento de percusión moi semellante ao noso tamboril, asi que perfecto.
Moitos se queixan do declive das salas de concertos en Galiza, como ve o panorama?
Nos últimos anos colleu bastante vida grazas á Rede Galega de Música ao Vivo pero aínda queda moito camiño por percorrer, tanto polas salas coma polos grupos, precisando ambos dunha maior profesionalización da música en directo. E por suposto a cousa vai por barrios, por exemplo na Coruña e Vigo nos ultimos tempos hai unha programación excepcional, coma nunca na vida, pero en Compostela, onde sempre houbo a mellor oferta, a cousa está bastante mal.
A vostede que é de Santiago parécelle que a noite compostelá está a morrer? Ou seremos nós?
De novo vai por barrios, Compostela non é nen a sombra do que foi, con Coruña e Vigo convertidas na vangarda galega en canto a locais e ambientes musicais de calidade. Algúns culpan ao botellón pero de seguro que a polñitica de zonas saturadas do Concello ten moito máis que ver.
Editado por A Regueifa Discos e distribuido por Lonxa Cultural, os e as fetichistas do formato físico xa o poden mercar online ‘Alfaias’ en A Regueifa Tenda ou ben a partir de mañá en tendas de discos e sitios tipo Fnac ou El Corte Inglés. Tamén está xa disponíbel en tendas online de mp3 coma Itunes, algo que está pensado máis ben para chegar aos ouvintes estranxeiros que non dean atopado o CD ou o netlabel onde se pode descargar gratuitamente.