Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 26.06.2011
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova A luz de Uxío Comparte en Del.icio.us a nova A luz de Uxío Comparte en Menéame a nova A luz de Uxío imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

Un raio de sol

A luz de Uxío

13.09.2009

LUPE GÓMEZ

O magnifíco poeta galego Uxío Novoneyra FOTO: G.H.
O magnifíco poeta galego Uxío Novoneyra
FOTO: G.H.
Uxío Novoneyra tiña moitísima luz interior. Gústanme as persoas que, cando falas con elas, teñen
unha grandísima amplitude de horizontes. Uxío era como unha casa moi ampla, con moitas portas e ventás. El tamén era unha montaña alta, ou unha illa perdida no inmenso océano.

Cando miro as súas fotos sigo sentindo unha emoción vivísima, unhas ganas de chorar que veñen do máis fondo da cultura e da Historia. Dalgún xeito é "un morto moi vivo". Os mortos seguen atravesando a luz co misterio azul da poesía. A palabra poética de Uxío segue tendo unha fermosura e unha plenitude que non se borran co paso do tempo. É como se medrase a emoción, como se seguise intacta nalgún lugar do Courel. As persoas que non coñeceron a Uxío tamén se emocionan cando ven a súa imaxe fráxil e poderosa. O seu pelo branco, cheo de sabedoría amable.

Coñecín a Uxío cando eu recitaba poemas na facultade de Xornalismo de Compostela. Fixémonos amigos rapidamente. El era o gran "dicidor" de poesía. Nos seus recitais as pombas voaban libres polo aire e a vida resultaba menos pobre, máis xusta. Manifestaba un gran respecto pola humanidade da palabra. Lembro que chamei a Uxío para contarlle que meu pai acababa de morrer, e pouco despois enfermaría Uxío. Estiven con el uns días antes da súa morte e deume leccións de mestre que nunca esquecerei. Tratábame como se eu tamén tivese pelo branco, como se eu fose do Courel. Din os paxaros que a morte non é cruel nin definitiva.

Uxío andaba polas rúas como se as rúas fosen praias. A súa muller Elba e os seus tres fillos sentían adoración por aquel home intenso. A bondade expresábase nos seus ollos atentos, no seu corazón de terra. Por eso aínda temos ganas de chorar cando sentimos a luz ferida e plena dos seus poemas. O sufrimento camiñaba coa alegría. Uxío morreu porque ás veces enchufamos moitas cousas xuntas e vaise a luz. Uxío morreu porque ás veces chegamos tarde ao teatro e perdemos todos os trens.

Se tivese que pintar a Uxío, se me mandasen ese exercicio na escola, eu pintaría un sol redondo cunha barriga grande e del sairían moitos raios de luz amarela. Pintaría ese sol co mesmo orgullo infantil con que facemos debuxos sinxelos no colexio. Sentiríame moi contenta porque tiven un pai na vida real –importantísimo para min– e tamén tiven a Uxío como "un pai na poesía". Na miña imaxinación sempre os penso xuntos, falando un co outro. Meu pai labrego –que case non sabía ler nin escribir– entenderíase ben con Uxío, porque os dous falaban no idioma da sensibilidade aberta.

 

Cegante Tokio

A última película de Isabel Coixet, Mapa de los sonidos de Tokio, aparece cegador. Nela vemos imaxes desa cidade que nos resulta poderosamente atractiva e magnética. Cóntase unha historia de amor que é como un poema de ritmo tranquilo, cores amables e música para chorar. Coixet é unha pomba moi orixinal. A súa forma de contar as cousas sempre é única, diferente. Por iso as súas películas sempre nos deixan un bo sabor no corazón, aínda que teñan malas críticas por parte deses críticos que cren sabelo todo sobre o cine, a arte e a vida. Nesta película comprendemos a importancia dos sons, a lírica transparente do ruído, o valor do silencio.

Tamén hai unha historia de amizade entre a protagonista e un narrador, que resulta hipnótica porque eles só están xuntos para facerse compañía, visitar cemiterios e escoitar música. Mapa de los sonidos de Tokio é unha película preciosista, virtuosa, elegante.

O romanticismo é unha pomba mensaxeira que envía mensaxes de tinta negra en papel branco. A intimidade dos namorados nace nun hotel que semella un vagón de metro. A muller asasina convértese nun mercado de peixe. As despedidas son momentos finais nos que todo volve empezar. Uxío Novoneyra era abraiante, máxico e colorista como a cidade de Tokio.

 

O abrazo do outono

O verán, que agora remata, estivo cheo de abrazos. Empecei a escribir un novo libro, sentindo que as palabras eran lúas de mel e abrazos de chocolate. Non viaxei a ningún lugar pero o Festival dos Abrazos trouxo a Compostela artistas de todo o mundo, e esas confluencias tamén eran viaxes. Foi un verán cheo de pombas luminosas, aínda que fixera frío, aínda que chovese. As rúas, as prazas, as igrexas e os bares de Santiago enchéronse con aires de emoción e liberdade. As festas de Fisteus foron apotéosicas. O cura subiu de noite ao palco da orquestra, cantou cancións de Maná e tocou a guitarra eléctrica. Unha cantante francesa interpretou cancións de Edith Piaf diante da Casa das Crechas. Uxía Senlle, Ugía Pedreira e Guadi Galego estaban guapísimas e esplendorosas na taberna do Dezaseis, bebendo viño e cantando con toda a xente, como se a música fose un perfume do pobo. A Fanfare Ciocarlia fixo unha revolución de amor e trompetas na Quintana. Bailei moitísimo e quedei como nova.

Agora chega o abrazo do outono, e xa logo van caer as follas das árbores. O mundo vai ser máis romántico, aínda que estea prohibido dar abrazos por causa do contaxio da Gripe A. Chegará un momento en que estean prohibidas as emocións. Prohibirán a poesía e o teatro?

En Galicia sempre houbo pouco respecto pola cultura pero parece que cada vez empobrecémonos máis. Prohibirán a fame e o pranto? Estará prohibido dar bicos e sentir amor? No outono agardaremos o abrazo de Uxío Novoneyra.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova A luz de Uxío Comparte en Del.icio.us a nova A luz de Uxío Comparte en Menéame a nova A luz de Uxío imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade