Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 07.02.2010
Portada
atrás Engadir a Yahoo a nova Marcos Lorenzo, escritor: "Os galegos vivimos nunha sociedade moi castradora” Engadir a Del.icio.us a nova Marcos Lorenzo, escritor: "Os galegos vivimos nunha sociedade moi castradora” Engadir a Menéame a nova Marcos Lorenzo, escritor: "Os galegos vivimos nunha sociedade moi castradora” Chuza esta nova imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

ENTREVISTA

Marcos Lorenzo, escritor: "Os galegos vivimos nunha sociedade moi castradora”

18.06.2006

TEXTO: R. CANDAL FOTOS: ANTONIO HERNÁNDEZ

Antropólogo e economista. Nacido na Coruña en 1970 pero compostelán de adopción. É o xerente da Asociación de actores, directores e ténicos de escena de Galicia. ‘Liquidación de existencias’ é o seu primeiro libro libre e persoal. Con el inagura o xénero aforístico na comunidade. Reflexións, arquetipos e provocacións sobre o país e as persoas para unha lectura rápida e unha dixestión lenta

O protagonista Marcos Lorenzo ten coordinado numerosos programas orientados á integración dos inmigrantes FOTO: Antonio Hernández
O protagonista Marcos Lorenzo ten coordinado numerosos programas orientados á integración dos inmigrantes
FOTO: Antonio Hernández
Liquidación de existencias’, o primeiro libro de xénero aforístico que se publica en Galicia...
Vaia, iso é discutible. É máis unha licenza comercial que unha realidade. Nalgunha das críticas que se publicaron ata agora, por exemplo, en Tempos Novos, Forneiro, un profesor da USC, comentaba que había precedentes. Aínda que o certo é que é un xénero que non ten moita presenza na literatura galega . Digamos que o meu libro pode estar entre os pioneiros dun xénero que aquí practicamente non existe.

¿Por que te decantaches por el logo?
Nun principio non foi nada consciente. No meu libro recóllense anotacións, reflexións, emocións tal cal ían xurdindo ó longo de moito tempo e que ía gardando en libretas. Co tempo, xente que puido ter acceso a elas animoume a escribir. A consciencia de que estaba escribindo aforismo produciuse xa contra o final, cando xa case tiña rematado o libro e dixen que isto era un libro de aforismos e de microensaios, porque non había ningún xénero claro para o que eu estaba facendo nin me guiaba por ningún previamente. Eu o único que quería era expresar con todas as ferramentas literarias e de pensamento ó meu alcance as reflexións que me ían xurdindo respecto da miña vida cotiá, da xente que me rodea, da situación do meu país, do home e da muller contemporáneos, e das emocións que despertaban en min ó contemplarme a min mesmo e ó mundo.

Antón Baamonde di no prólogo que o seu libro é como situarse ante un muro de graffitis. En todo caso, o que si é e unha forma de expresión adaptada ós novos tempos...
É lóxico porque vivimos en tempos moi curtos, moi fragmentarios, os modelos de vida non son tan estables e permanentes como antes, cando nacías e morrías no mesmo sitio e tiñas parella para toda a vida, cuns compromisos e cunhas ancoraxes. Hoxe hai máis mobilidade e todo é moito máis difuso, polo que o normal é que as experiencias tamén se trasladen ó papel desa maneira e non a través dun relato fiado. 
Tamén é certo que cando eu estaba escribindo o libro quixen utilizar algunha das linguaxes que están presentes na sociedade con máis forza. Quixen empregar técnicas publicitarias cun obxectivo diametralmente ó do slogan convencional. Eu pretendía que cun formato de slogan atractivo, con pegada e con forza, se provocara un desconcerto no espectador e se activase unha reflexión nel. Digamos que xogo co que temos todos ó redor.

¿Por que usa galego e castelán?
Todas as temáticas que se tratan no libro e todos os estilos cos que traballo, a poesía, o aforismo, o microensaio, o debuxo, a caricatura,..., mostran a miña diversidade interior. Todos somos diversísimos e como din os antropólogos, a identidade é posicional. Un é un poliedro e, dependendo de fronte a quen  estea, mostra máis unhas ou outras caras. Non hai dualidade consciente, o que pretendo é mostrar que son múltiple, como un exemplo de caso do múltiples que somos todos.
No tema da lingua, eu na miña vida cotiá falo en galego e falo en castelán dependendo de con quén e do contexto, e penso que a inmensa maioría das persoas facemos isto, salvo algunhas moi militantes. Eu deixei que de forma natural o que me xurdiu en castelán quedase plasmado en castelán e o que me xurdiu en galego quedase plasmado en galego. Para min, o manexo das dúas linguas é unha riqueza. Se tivese un dominio maior do inglés tería escrito tamén en inglés. O único que pretendía era demostrar da forma máis fiel posible cómo me suceden as cousas e como vivo neste ambiente no que se entrecuzan dúas linguas, sen máis, dunha forma positiva.
Recibín algunhas críticas por mor disto, debido a que hai militancias lingüísticas, nas que a lingua se asocia a outras identidades. Eu quixen estar un pouco por riba de todos e non deixarme influenciar por iso para responder dunha forma máis fiel á miña diversidade.

O libro está editado en papel por Difusora das Letras pero tamén se pode ler e descargar en internet, na páxina de Arredemo. ¿Por que decidiu poñelo libremente ó alcance de todos e gratuitamente?
Porque eu creo, participo e apoio as iniciativas de libre acceso ó coñecemento e para min foi algo natural. Creo na libre circulación das reflexións e na idea de que se poida crear unha pequena rede ou tecido de intercambio. Iso contribúe a vertebrar a sociedade e a elevar o nivel de debate social, a crear cidadáns. Ademais, a pesar dalgunhas advertencias que recibín, nunca crin que fose en detrimento da venda en papel, é máis, pareceume que podía funcionar como unha fórmula máis de publicidade. De todos xeitos, o caso era facilitarlle ó lector o acceso ó texto. O que teña cartos para mercalo en papel, obviamente é máis bonito e de máis fácil lectura.

¿É rendible facilitar o acceso a todo o mundo?
Rendible economicamente nunca, pero é rentable vitalmente,  na medida en que atopas lectores inquietos, atractivos e interesantes que non coñecías de nada pero che mandan un correo electrónico e descobres que tiñas un feeling moi grande con eles. Ou sexa que che sirve para gañar amizades.

No primeiro mes descargáronse 2.500 copias da rede.
Si, agora deben de ir xa unhas 5.000 ou por aí.

Agardabas este éxito?
En absoluto. A filosofía, o pensamento, a poesía e o ensaio en xeral en Galicia ten moi poucos lectores e eu nunca imaxinei que poidera xerar ese interese. Había algúns sinais que me dicían que podía funcionar ben entre o público, porque é pensamento en pílulas, de consumo rápido e eu busco que sexa despois de dixestión lenta. Emprega moito o humor, busca as contradicións do que nos rodea, a frase con pegada... Parecíame que tiña a enerxía suficiente, pero nunca esperei a recepción que tivo e de feito, agora vai máis que ben en vendas e van empezar a saír críticas en revistas especializadas de pensamento. Saíronme apoios de varios filósofos postmodernos españois, cousa que eu non busquei, e hai incluso algunha conexión internacional. Isto é unha bóla de neve. O que eu agardaba é que sería unha cuestión de inframinorías e que me serviría para ter 50 ou 100 lectores e que se con algún me podía ir tomar unhas copas, fantástico.

No libro aparece moito Galicia e Colombia, esta última como o reflexo da felicidade.
Para min, Colombia é a reserva mundial de vitalismo. Alí vivín moitas experiencias e toda a xente que coñecín tiña unha actitude vitalista, enerxética, de apoio mutuo entre eles para conseguir os seus soños. Iso estaba no ambiente e producíame unha especie de estado hipnótico de euforia sostido no tempo, algo así como estar posto de alucinóxenos.
A miña estadía en Medellín serviume moito para reflexionar sobre a cultura galega entendida nun sentido antropolóxico, sobre a forma de enfocar a vida que temos os galegos. Serviume para detectar que Galicia é unha sociedade  tremendamente violenta, no sentido de que hai un lote de enunciados no ambiente que che din que non fagas locuras, non te lances, non vaias a por iso, ti estás tolo, queres que te prendan,... Hai múltiples razóns detrás disto, por exemplo, o tema da culpabilidade, que aquí ten un peso especial polo poder que tivo a Igrexa católica de forma máis agudiza que no resto de España. Ademais, esta era unha sociedade deprimida e atrasada onde moitos dos proxectos empresariais e sociais que se intentaron sacar adiante fracasaron. A sociedade galega ten un déficit de dinamismo, de apoio á vontade e desexo da persoa, hai uns freos e contrapesos no ambiente que sempre che están poñendo trabas á hora de lanzarte a calquera tipo de proxecto. O proxecto fracasado está moi presente e o acto revolucionario puro en Galicia é renunciar a unha praza de funcionario. A aspiración universal é ter un posto de traballo fixo e non lanzarse a ningún tipo de aventura. Vivimos nunha sociedade moi castradora.

No libro inclúense reflexións moi críticas como estas e malia iso dis que amas Galicia.
Si. Eu, como case todos nós son a transición entre un modelo cultural e outro novo, global, da cultura do espectáculo, do individualismo, do consumo, etc. Eu estou na transición cara a outras formas de concibir a vida e supoño que os nosos fillos xa serán plenamente fillos desta cultura global e universal.

¿Que me diría do Partido Popular Socialista Nacionalista?
Iso é unha pequena provocación que inclúo no libro a propósito dunha reunión que mantiveran Beiras e Fraga. Foi unha especie de manobra de Beiras, que despois de ter unha posición moi frontista con Fraga decide comer con el uns grelos con lubina e simbolizar un achegamento. Dalgunha forma era tamén o intento de desdemonizar o Bloque para que poidera homologarse como unha forza política en todo o Estado. Eu aproveitei aquel episodio, que foi unha anécdota pequena, para facer un pouco de sarcasmo respecto do funcionamento dos partidos. Toda a clase política e todas as forzas comparten para min certas cousas da cultura política tradicional e se ben é certo que unha das forzas pode ter unhas redes clientelares e de acceso a recursos públicos maiores, porque desde tempos inmemoriais usou esas formas, as outras forzas políticas participan tamén diso porque está na estrutura social, porque está no fondo de quén somos nós e de onde vimos. Galicia é, neste sentido unha sociedade por democratizar aínda. Fan falta moitos anos aínda para cambiar as mentalidades e ir desfacendo esas redes clientelares e substituíndoas por un comportamento cidadán democrático, onde as institucións non estean patrimonializadas por ninguén, non sexan dominio de ninguén e onde haxa unha sociedade civil dinámica e vertebrada, cousa que ata agora nunca houbo. Esa é outra das claves das que eu falo no libro. O grao de vertebración social que hai en Galicia é moi baixo e o resultado é que a xente está moi soa, o que nalgúns barrios é máis que evidente.

Falando da política vostede di: “Que en Galicia todos somos anarquistas nadie lo niega. Nuestro desdén hacia las instituciones se refleja abrumador en quienes elegimos. En esta tribu gobiernan los peores”.
É outra provocación. Aquí hai moita xente que está gobernando que é moi válida e moi capaz profesionalmente en calquera das tres familias políticas e fóra delas. Agora, se comparamos a clase política galega pola súa habilidade á hora de exercer o poder, pola súa formación democrática, pola súa capacidade para elaborar un discurso e defender un punto de vista, con outros territorios, como cos políticos cataláns ou vascos, vemos a diferenza. Agora houbo un cambio de goberno aquí, pero é verdade que nos concellos e na Xunta antes había algúns personaxes que eran doutra era, onde ves que o seu grao de formación política era inexistente e case nulo e daba lugar a personaxes pintorescos. A miña xeración creo que o viviu con desesperación, de pensar, cómo nos podían representar estes. Hai moitísima xente moito máis válida e que pode facer política de forma racional, non con base en ocorrencias e a megalomanías faraónicas e afastos. Iso atravesa tamén os tres partidos políticos, non é só patrimonio dun. Hai xente moi válida pero tamén é certo que boa parte de quen nos goberna e nos gobernou foron personaxes de cómic.
A afirmación que fago de que somos anarquistas é porque aquí para a maior parte da xente, a política non é un tema central nas súas vidas nin están implicados nela.

¿Que proxectos futuros ten?
Saquei este libro pero non teño programada unha carreira literaria. De feito, o que máis me molesta nos medios de comunicación en xeral, son estes tertulianos que falan e saben de todo e que de todo sacan libros. Creo que artisticamente é pobre cando un autor descobre nunha fórmula a súa propia linguaxe e se triunfa a explota indefinidamente. É como substituír ambición creativa, artística, por subsistencia. Fálase de máis e hai xente que escribe de máis, como algúns articulistas, que non teñen tanto que dicir. Paréceme que son un conxunto de farsantes e de charlatáns e que é pobre o que transmiten, malia aparentar unha gran seguridade de si mesmos. Eu seguirei escribindo pero non creo que o converta nunha sistemática, nun hábito. Con sacar tres ou catro libriños na miña vida, perfecto.

¿Que facemos para que se lea máis en Galicia?
Lese pouco en xeral e en calquera das dúas linguas. Pódense tomar moitas medidas e eu sempre son partidario das comunitaristas, é dicir, que as autoridades apoien a aquelas asociacións que poidan ter un labor en termos de difusión cultural, de incentivar os consumos culturais, ou a aquelas asociacións onde se estimula á xente para que poida crear e escribir, espazos onde a xente poida compartir a súa creación. Eu aposto por estas estratexias de ir creando caldo de cultivo e que dependen de que as administracións públicas traballen man a man co tecido asociativo. Polo demais, non creo nas grandes campañas, paréceme que só lles deixan réditos ás empresas de deseño gráfico e ás imprentas. Non creo que ninguén cambie os seus hábitos por ver unha marquesiña do autobús que pon que hai que ler. Irlanda e Brasil son potencias mundiais na música e non dependeron de grandes campañas, senón que se foi xerando un caldo de cultivo que ten que ver coa valorización da cultura e iso é o que facilita as producións posteriores. A nós fáltanos ter moitos e bos lectores e igual co teatro e a música, pero é un traballo de goteo, a longo prazo.

 
atrás Engadir a Yahoo a nova Marcos Lorenzo, escritor: "Os galegos vivimos nunha sociedade moi castradora” Engadir a Del.icio.us a nova Marcos Lorenzo, escritor: "Os galegos vivimos nunha sociedade moi castradora” Engadir a Menéame a nova Marcos Lorenzo, escritor: "Os galegos vivimos nunha sociedade moi castradora” Chuza esta nova imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade