Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 26.06.2011
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova Todo o verán para a lectura; todo o verán para a aventura Comparte en Del.icio.us a nova Todo o verán para a lectura; todo o verán para a aventura Comparte en Menéame a nova Todo o verán para a lectura; todo o verán para a aventura imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

NOVIDADES DE XERAIS

Todo o verán para a lectura; todo o verán para a aventura

18.07.2010 Reinos diminutos enchidos de petiscos saborosos, mangallóns disque malísimos que ameazan pola súa compostura e toda unha intriga de fútbol e asasinato no Brasil. Tres propostas para tres idades diferentes que conforman unha boa oferta de verán. Ti tamén podes participar nun mundo cheo de imaxinación e que non ten límite ningún

ROMINABAL

 FOTO: Edicións Xerais
FOTO: Edicións Xerais
En pleno mes de xullo aínda hai tempo para a choiva, agradécese especialmente cando refresca o ambiente, pero o mellor é enrouchar no mar, esa sensación que lle queda a un cando leva unha porrada de horas dentro da auga.

O corpo pide sol e praia pero tamén quere froita, xeados e por que non, unha sopa, pero unha Sopa de xarope de amora. Este é o título da obra de Xosé A. Neira Cruz que acaba de tirar do prelo a Editorial Xerais e á que lle foi concedido o IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2009. Un bo petisco ou larpeirada que levar á boca nestas tardes de estío e coa que poderemos gozar nós, os maiores, e facer gozar aos nosos cativiños.

Segundo o ditame do xurado, "unha comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando
unha atmosfera que estimula a imaxinación". A "crítica social" supón"o trasfondo que está ao longo de toda a obra". A peza conta a historia do doutor Amorodo, un científico ao servizo das casas reais que recibe encargos estrafalarios e está namorado de dona Chismunda. "Son reinos diminutos, que lle darán ao doutor ultimatos para que consiga casar as súas fillas, ou senón decláranlle a guerra... O título vén da sopa que fai a súa ama de chaves, e el tenta descubrir cal é a receita..."

Esta magnífica peza está ilustrada por Marta Álvarez Miguens e serve para practicar dicción e oralidade, aspectos tan necesarios na actualidade.

A Xenaro Conese Maiúsculo complícanselle moito as cousas desta vez. Ademais de ter que se enfrontar cos irmáns Lourido, uns mangallóns disque malos malísimos, ten que aturar unha nena nova na súa clase, Sefi a madrileña. Por riba, o seu amigo da alma, Flipe Efes, compórtase dun xeito moi estraño, coma se agochase algún segredo.

Resolver o misterio da Horta dos Reis será o de menos para o Xe nesta nova aventura, unha andanza onde nada é o que semella, nin sequera a hucha do indiano.

Xa son 232 páxinas de lectura dentro da Colección Merlín para aqueles que xa saben ler. Unha oportunidade única para practicar unha miga a diversión e a capacidade de resistencia ante unha noveliña por capítulos algo extensa. Xenaro e a hucha do Indiano agocha ata un plano da Horta dos Reis e terás que ler esta aventura de Mar Guerra para ser quen de saber que hai alí.Para os xa mozotes, e dentro da inmellorable colección Fóra de Xogo, presentamos a reedición da novela de Manuel Rivas presentamos a reedición da novela de Manuel Rivas Todo ben coa que o escritor se iniciou na narrativa. Unha intriga que cumpre nada menos que vinte e cinco anos sen perder a súa forza e o seu enxeño. Todo ben ábrese coa noticia do asasinato de Andrés Fingoy, un rico emigrante galego aspirante á presidencia do Flamengo, no estadio de Maracaná do Río de Xaneiro. Na noticia incúlpase como principal sospeitoso ao xornalista Marcos Andrade, un náufrago e poeta namorado do fútbol.

Logo de intentar cambiar o mundo en varias aventuras periodísticas en Galicia, Marcos Andrade decidiu procurar novos horizontes no Brasil colaborando no xornal O Globo coas súas crónicas deportivas, nas que defende un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sur e de ideas longas coma as ondas do océano.

A obra mantén a cerna dunha historia que se move na serie negra, cunha singular localización no Brasil e coa corrupción no fútbol e na política como coordinadas temáticas principais. Unha feliz reexistencia da primeira novela de Manuel Rivas, o narrador galego máis aclamado do noso tempo e unha axeitada proposta para confeccionar un verán entretido e refrescante.

Tres propostas para tres idades diferentes todas divertidas e apetecibles.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova Todo o verán para a lectura; todo o verán para a aventura Comparte en Del.icio.us a nova Todo o verán para a lectura; todo o verán para a aventura Comparte en Menéame a nova Todo o verán para a lectura; todo o verán para a aventura imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade