Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 26.06.2011
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova O gramófono sensible Comparte en Del.icio.us a nova O gramófono sensible Comparte en Menéame a nova O gramófono sensible imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

Disonancias

O gramófono sensible

05.06.2011

LUPE GÓMEZ

Unha das ilustracións de Fino Lorenzo para ‘Recendos de aire sonoro’
Unha das ilustracións de Fino Lorenzo para ‘Recendos de aire sonoro’
Hai, en tendas de antigüidades, verdadeiras cousas doutro tempo que nos fan soñar con momentos únicos. Hai gramófonos que teñen vida propia na noite romántica das cidades. Soamente poden escoitar música as persoas moi ricas? A sensibilidade musical pertence a todas as persoas, a todas as culturas. Unha orquestra de gramófonos celebra un concerto para todos os animais da cidade.

A música, por ser un produto humano, é algo artificial. Pero nese artificio hai tantas marcas de naturalidade! Os desexos sempre son artísticos, sentimentais e musicais. O mundo das emocións é un tractor pequeniño que avanza para chegar a ser, no futuro, un piano. Non sei como será agora a educación musical dos nenos e adolescentes. Cando eu era pequena non aprendiamos case nada de música. Só nos ensinaban a tocar, malamente, a frauta. Semellaba que a música era un reino que a nós non nos pertencía, que nunca nos pertencería. Agora os gramófonos están nas tendas de antigüidades e antes estaban agochadiños en lugares aos que os nenos non podiamos chegar. Cantar, bailar e aprender música aínda estaba prohibido. As cousas mudaron e agora os nenos bailan e cantan todo o día. Os pentagramas saíron do seu cárcere pechado e atoparon os músicos de Bremen nese camiño de insubornable beleza. A editorial Xerais ofrécenos a obra Recendos de aire sonoro de Antonio García Teijeiro, incluída dentro da colección Sopa de libros e ilustrada por Fino Lorenzo. Son pequenos poemas para celebrar a sensibilidade musical dos gramófonos. Son pequenas xoias feitas con palabras sinxelas, emocionantes, sinceras. O autor convértese nun neno que se sorprende con todas as marabillas dos instrumentos
musicais.

A vida é unha sorpresa continua, interminable. Nunca deixamos de abrir máis e máis os ollos ante os gramófonos secretos da noite. Este libro desprende unha luz única e pode axudar os nenos a querer profundamente a música que está escondida debaixo das camas, dentro dos armarios e na roupa que poñemos sobre os nosos corpos. Un zapato podería ser unha melodía transparente.

 

"Partitura de fantasía"

Un grandísimo mar de fantasía poética percorre este libro convertendo a vida nunha partitura íntima, democrática. A trompeta fala así: "¡Que trompeta tan sincera tan humilde tan sinxela! Voz dourada voz marela voz que sempre trompetea". Alguén debuxa no aire unha caricia para as árbores. "Violín e piano unha sonata sonata doce chea de calma". As ilustracións son colaxes que falan moitísimo sen diciren ren. Son imaxinativos debuxos que enchen o libro con cores doces, sentimentos luminosos, unha dourada fantasía. Lendo este libro dannos ganas de ser nenos outra vez para redescubrirmos os tesouros ocultos.

Se nos volvesemos totalmente racionais, pechando completamente os ollos á fantasía, estariamos un pouco mortos dentro da vida. Se os gramófonos se detivesen quedariamos sen nada nas mans. Se Antonio García Teijeiro deixase de imaxinar sinfonías lindísimas para os nenos, estariamos un pouco mudos, un pouco cegos. El constrúe, con palabras limpas, torres íntimas de cristal. Neste novo libro achégase á esencia da poesía pois a palabra poética sempre é un canto puro e libre. "Piano e violín e un violoncelo forman un trío morno e sereno". A música segue sendo, e será sempre, un misterio para os nenos, e tamén para os adultos. Nesa dimensión misteriosa García Teijeiro ofrécenos un mapa para que non nos perdamos, e sobre todo esperta a nosa sensibilidade, a nosa curiosidade intensa, o noso amor pola fantasía branca dos
gramófonos.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova O gramófono sensible Comparte en Del.icio.us a nova O gramófono sensible Comparte en Menéame a nova O gramófono sensible imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade