Os rapaces descobren a interculturalidade na súa vida cotiá
11.11.2008
No marco dun proxecto da USC, os alumnos de dous colexios de Compostela aprenden a gran variedade de linguas que hai no mundo e mesmo nas súas aulas
X.N. . SANTIAGO
Dende a esquerda, Inmaculada Mas, Teresa Díaz e Luz Zas, coordinadoras deste proxecto educativo e integrador da USC FOTO: X. NEIRA
A finais do ano 2006 tres profesoras da Facultade de Filoloxía da USC iniciaron en Santiago de Compostela unha liña de traballo da que saíu o libro Integración Lingüística e Inmigración, que foi presentado o 30 de outubro na Facultade de Humanidades, en Lugo. Pero isto non é un punto e final, antes ó contrario, porque como veremos, os proxectos que empezaron María Teresa Díaz García, Inmaculada Mas Álvarez e Luz Zas Varela cambiaron ó longo do tempo, reconverténdose, evolucionando, en definitiva .
Tal e como nos comenta Teresa Díaz, "hai aproximadamente dous anos, a finais do ano 2006 a Vicerreitoría de Cultura sacou a convocatoria para solicitar os cursos de verán da USC, e decidimos presentar un proxecto sobre ensino de linguas e inmigración, por varias razóns, unha delas que Luz Zas traballa como colaboradora na Cruz Vermella, na Coruña, impartíndolles clases de lingua española a inmigrantes, e tamén porque tiñamos unha preocupación, que viamos ó noso redor que cada vez hai máis rapaces nas escolas que non teñen de lingua materna nin o castelán nin o galego, e non hai medidas suficientes para atendelos, para garantir o seu acceso ó currículo escolar".
Así, continúa, "pensamos en facer ese curso de verán, que foi un éxito, pois tivemos máis de cen persoas matriculadas, moitas das cales mostraron o seu interese porque se continuase ofrecendo formación a través da universidade nese sentido". Desta idea xurdiu unha iniciativa distinta, e segundo nos explica a profesora Díaz, "pensamos tamén en facer algo con outros centros educativos, cos centros escolares, principalmente cos que están máis preto da Facultade, neste caso o CEIP Raíña Fabiola e o CEIP de Vite, de xeito que lles fixemos unha proposta de colaboración para montar unha actividade, coa utilización da biblioteca do centro como un espazo para traballar a interculturalidade, e é que nos cursos cos que se traballaba, de terceiro ciclo de primaria, pois había tamén nenos inmigrantes".
Os rapaces gozaron ó tempo que descubrían a diversidade de linguas que hai no mundo FOTO: USC
A este respecto apunta Inmaculada Mas que "a idea inicial era poñer de manifesto a diversidade lingüística mesmo na nosa vida cotiá, no día a día, e de feito atopamos, tanto nas aulas do colexio de Vite como do Raíña Fabiola a presenza de diversas linguas, á parte do galego e do castelán". No que se refire ó traballo de campo, explica Luz Zas que, "nestas actividades, aínda que somos nós as coordinadoras, participan fundamentalmente os estudantes, tanto os de Filoloxía como os da Facultade de Ciencias da Educación, un equipo interdisciplinar, e que integra estudantes, profesores de universidade e profesores de ensino primario". Este equipo preparou tres sesións, con distintos contidos: "a primeira sesión estaba dedicada a presentar a diversidade lingüística no mundo, a cantidade de linguas que se fala no mundo, e nela tiñamos unha actividade chamada Palabras Viaxeiras, na cal se explicaba como as diferentes linguas van tomando palabras doutros idiomas e as van incorporando ó seu léxico, de tal xeito que os propios falantes acaban por non ser conscientes de que esas palabras que empregan de forma habitual proceden doutra lingua diferente; a segunda sesión estaba centrada nos sistemas de escritura, nos alfabetos, e os rapaces practicaron un pouco, dende escribir o seu nome ou unha frase curta, por exemplo en chinés ou en árabe; a terceira sesión estaba centrada en escoitar e falar outras linguas, e aquí incorporamos a lingua de signos, porque tivemos a sorte de que participaran na actividade dous alumnos xordos da Universidade que utilizan a lingua de signos española".
Tras a realización das actividades, e segundo explica a profesora Zas, realizouse unha avaliación dobre, "tanto polas mestras que participaron na actividade como polos rapaces mesmos e esa avaliación foi tan positiva que fixo que nos ilusionásemos, de xeito que presentamos xa este ano a segunda fase destas actividades colaborativas, nos mesmos centros".
Por outra banda, como indica Inmaculada Mas, "queriamos experimentar na liña da aprendizaxe de linguas fóra do ensino reglado, no cal están compartimentadas, con 50 minutos de clase de inglés, 50 de castelán ou 50 de galego: queriamos romper con iso e coa existencia de tres únicas linguas do mundo, e amosar a realidade, que é moito máis diversa mesmo nas aulas, no contorno cotián".
Ademais, apunta Teresa Díaz que o achegamento ós colexios da contorna serviu para que os rapaces coñecesen a Facultade de Filoloxía, pois "moitos nenos non sabían que era este edificio, pensaban que era da Xunta". Afortunadamente haberá máis oportunidades para afondar neste coñecemento mutuo, xa que, segundo nos explican as coordinadoras desta iniciativa, "en decembro comezamos coa segunda fase nos mesmos colexios, traballando sobre o conto tradicional como recurso para traballar a competencia intercultural e a conciencia lingüística dos rapaces".