| |
|||||||||||||
![]() |
| O grupo de aforro de Brutesfa celebrou os catro anos de funcionamento exitoso FOTO: MARÍA REIMÓNDEZ |
![]() |
| Kabenesh puido enviar a dous dos seus irmáns á universidade e educar aos seus fillos grazas aos grupos de aforro de Mersa |
Cando Implicadas no Desenvolvemento comezou o seu traballo en Etiopia no 2003 o traballo con grupos de aforro era totalmente descoñecido no país. Esta metodoloxía supuxo unha innovación para a organización local Women Support Association (WSA) e sobre todo para as mulleres de Mersa. A metodoloxía dos grupos de aforro conta xa cunha longa historia no outro país de traballo de Implicadas, a India, onde é unha estratexia fundamental para rematar coa pobreza a nivel micro. As características son sinxelas en aparencia: formar grupos de entre 15 e 20 mulleres que deben reunirse de forma periódica (semanal en Etiopia) para aforrar de forma común. Unha vez que teñen un pequeno fondo, van collendo crédito dos seus propios cartos e devolvéndoo con intereses que elas mesmas deciden e que van aumentando o seu capital. Todo o proceso está en mans das mulleres, que resolven casos onde haxa máis dunha muller que precise o crédito de forma democrática e que ademais atopan nos grupos unha plataforma social onde poñer en común os seus problemas e onde resolver cuestións de tipo social.
![]() |
| Grupo Desta |
Outro atranco importante ten que ver precisamente coa historia do país, que padeceu ata o ano 1991 un réxime comunista que obrigaba ás mulleres a integrarse en grupos. A experiencia deixou malos recordos nas mulleres. Porén, a característica básica dos grupos de aforro como estruturas democráticas e voluntarias axiña van vencendo estas reticencias, sobre todo porque resolven un problema básico das mulleres: o acceso ao capital. Kabenesh explica como xestionaba o seu posto no mercado antes de pertencer ao grupo: pedía cartos á usura pola mañá para mercar a mercadoría e tiña que devolvelos ao final do día. A consecuencia: os ingresos non aumentaban nunca e ela non era quen de saír da roda da pobreza. Mais agora, grazas ao grupo, Kabenesh é capaz de pedir crédito e ilo devolvendo pouco a pouco ás compañeiras, o cal fai que non só puidese aumentar o seu negocio de forma considerable, senón que os ingresos lle desen para enviar a dous dos seus irmáns á universidade, mercar mobles para a súa casa e dar educación aos seus dous fillos. "O grupo é para min como ter cartos no meu propio peto", comenta. Historias semellantes son compartidas polas máis de 1.000 mulleres que están integradas nos grupos de aforro de Mersa na actualidade. Ninguén podía esperar, cando Implicadas puxo en marcha os dous grupos piloto, que ían pasar de aforrar 0,05 céntimos de euro cada semana con grandes dificultades á situación que describe Kabenesh en só catro anos. As cifras falan por si soas, a totalidade dos grupos manexan neste momento máis de 40.000 euros.
![]() |
| Clase de educación para adultas |
O efecto dos diálogos familiares vai alén das palabras, maniféstase sobre todo na dispoñibilidade de tempo das mulleres que asistiron coas súas familias a esta dinámica ata o momento. Os domingos celébranse as clases de alfabetización, unha materia pendente da maioría dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento. En Mersa, grazas ás actuacións en xénero, as mulleres teñen tempo de asistir ás clases pois os homes quedan coas nenas e nenos e encárganse da comida, libéranas de responsabilidades e crean tempo para si. É por isto que o obxectivo de proporcionar alfabetización a 150 mulleres quedou máis que curto. Hai demanda por parte de 300.
![]() |
| Yeshimol e Mulabai |
O camiño está agora aberto grazas ao traballo incansable dos primeiros grupos. Neste ano Implicadas e WSA crearon 10 grupos e a previsión é crear outros 10 para o próximo, continuando co resto das intervencións. Os desafíos, diversificar os negocios das mulleres e facilitar o seu acceso a maior capital. O obxectivo final, a autosuficiencia das mulleres que despois desta experiencia non queren oír falar de caridade xa nunca máis. O proceso está en marcha, dende o noso lado, a responsabilidade de acompañar.
Implicada no Desenvolvemento
![]() |
No campo literario publicou Moda Galega (Positivas, 2002) e en 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Positivas, 2004). En 2005 foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Xerais, 2006) e do Xerais con O club da calceta (Xerais, 2006). Foi finalista dos premios da Asociacion de Escritores en Lingua Galega como mellor novela do ano. + INFO: www.implicadas.org