El Correo Gallego

Lo más » Lo + visto

76

Francisco Leiro

En espazos públicos ten obras como o ‘Sireno’ en Vigo, ‘Palabra’ en Alvedro e ‘Atlante’ en Sanxenxo

ESCULTOR  | 10.02.2007 
A- A+

Francisco Leiro Lois, nacido en Cambados en 1957 e fillo de canteiro, iniciou a súa andaina no mundo da escultura de forma autodidacta. Realizou a súa primeira exposición na súa localidade natal, desde onde posteriormente a levou a Italia, Francia e á Marlborough Gallery de Nova York, cidade na que reside desde o ano 1988.

Coa escultura tradicional galega de talla en madeira e as formas arcaicas como referentes fundamentais da súa obra artística, a figuración expresionista foi un selo de identidade inconfundible ó longo das diferentes etapas polas que atravesou na súa traxectoria profesional.

Nas creacións de Francisco Leiro hai cabida para o hieratismo exipcio-mesopotámico, a grandeza miguelangelesca e o expresionismo alemán.

A súa escultura combina formas figurativas con estruturas abstractas, dando orixe a pezas de connotacións alegóricas, nas que as referencias narrativas sitúanse máis aló da historia e da memoria, invocando con iso unha ficción que resulta irónica e atemporal.

En canto ós materiais que utiliza para desenvolver a súa actividade, cabe destacar que traballou tanto a pedra como o mármore ou o formigón, aínda que a madeira é a miúdo a súa principal elección por tratarse dun material que, desde o seu punto de vista, admite facilmente distorsións compositivas, e que presenta unha calidade especialmente expresiva, a través dunha talla fonda e incisiva.

Os seus traballos máis destacados e controvertidos atópanse no ámbito da escultura pública, como é o caso do Sireno (Vigo), Palabra (aeroporto de Alvedro) ou o Atlante, un xigante de catorce metros de longo e vinte mil quilos de peso, inaugurado en Sanxenxo. Entre as súas últimas actividades, a exposición que entre outubro do ano pasado e mediados de xaneiro acolleu a sede da Fundación Caixa Galicia na capital galega con sete esculturas pertencentes á Colección de Arte Caixa Galicia.

Ten diversos galardóns, entre eles o Premio Penagos da Fundación Mapfre, a Medalla ás Belas Artes da CEOE e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Realizou diversas mostras tanto nacionais como internacionais.