El Correo Gallego

Noticia 32 de 315 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Adamczyk califica de gran acerto 'In tempore sueborum'

A embaixadora de Polonia visitou a mostra, pola que pasaron xa máis de 21.000 persoas

Baltar, Vieites Baptista de Sousa, López Qurioga e Marzenna Adamczyk, onte - FOTO: G
Baltar, Vieites Baptista de Sousa, López Qurioga e Marzenna Adamczyk, onte - FOTO: G

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 01.03.2018 
A- A+

A embaixadora de Polonia en España, Marzenna Adamczyk, visitou onte, xunto ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, In tempore sueborum, que organiza a institución provincial, unha mostra que xa superou os 21.000 visitantes, sendo a máis importante na historia da provincia.

A máxima representante do Goberno polaco en España mantivo unha xornada de traballo en Ourense xunto ao presidente do goberno provincial, na que abordaron temas do ámbito cultural, turístico, económico e empresarial, e participaron pola tarde nunha reunión no Pazo Provincial con empresarios e directivos da Confederación Empresarial de Ourense.

A embaixadora asinou no Libro de Honra da Deputación, visitou a catedral de Ourense e coñeceu os aspectos técnicos e históricos de In tempore sueborum, mostra que exhibe unha peza de gran valor histórico-artístico: o caldeiro con bustos de suevos de Czarnòwko, procedente do Museo Leborku, de Polonia.

Manuel Baltar afirmou que a visita da diplomática polaca a Ourense "supón un gran impulso para a promoción internacional da exposición, cuxa excelente acollida levounos a ampliar as datas de apertura ao público dous meses máis, ata o 6 de maio".

Agradeceu a colaboración polaca "por permitir acoller unha peza de destacada relevancia na mostra e pola colaboración que están a demostrar na divulgación e promoción desta única e singular exposición sobre o mundo suevo".

Adamczyk cualificou a In tempore sueborum como "todo un acerto porque achéganos información valiosa dunha época moi descoñecida que nos serve para decatarnos de que gran parte das nosas raíces están entre os suevos".