El Correo Gallego

Noticia 6 de 315 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Baltar propón presentar a Ourense como territorio creativo da Unesco

O presidente provincial analizou onte con Jordi Tresserras a nova fase na elaboración do Plan Provincial de Turismo Cultural e Creativo ourensán

Manuel Baltar, a dereita, onte na reunión con Jordi Tresserras en Ourense - FOTO: DdO
Manuel Baltar, a dereita, onte na reunión con Jordi Tresserras en Ourense - FOTO: DdO

IRENE JIMÉNEZ. OURENSE   | 21.06.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, propúxolle onte a Jordi Tresserras, director do Laboratorio de Patrimonio e Turismo Cultural (Labpatc) da Universidade de Barcelona e presidente da rede Ibertur, a posibilidade de presentar a candidatura de Ourense como territorio Creativo da Unesco, "tendo en conta a calidade e potencial da nosa literatura, co horizonte posto na celebración no ano 2020, dos cen anos da publicación do primeiro número da Revista Nós, salientou Baltar.

O presidente provincial ourensán reuniuse onte no Pazo Provincial con Tresserras, tamén director dos traballos de elaboración do Plan Provincial de Turismo Cultural e Creativo de Ourense, para realizar un balance do labor realizado no marco desta iniciativa nestes meses.

Nesta semana tiveron lugar diversos Focus Groups no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde expertos culturais de Ourense, xestores e representantes de diversas entidades, fixeron achegas e debateron sobre o futuro documento.

A elaboración deste plan é un dos compromisos anunciados polo presidente do goberno provincial no Debate sobre o Estado da Provincia, co fin de "desenvolver un modelo turístico e cultural que dinamice social, cultural e economicamente a nosa provincia e aumente a competitividade da súa actividade turística", explicou Baltar.

A formalización deste plan tivo lugar o ano pasado coa sinatura dun acordo entre o presidente do goberno provincial e Jordi Tresserras para a realización desta iniciativa que ten como obxectivo garantir a competitividade de Ourense dentro do destino Galicia e incrementar a repercusión dos beneficios na sociedade local, procurando que a actividade turística se realice de maneira integrada. Innovación turística, novos produtos e atraer segmentos interesados en ámbitos especializados como o turismo activo, o "laranxa" e o cultural, o gastronómico ou o arqueolóxico, son liñas de acción deste plan. 


Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt