El Correo Gallego

Noticia 27 de 315 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Carlos Casares recibe, a título póstumo, a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense

Manuel Baltar entregou aos fillos do escritor e a seu irmán o máximo galardón que outorga a Deputación de Ourense, definindo ao escritor como "un creador de linguaxe comprometido co seu país"

El presidente de la Diputación de Ourense, Manuel Baltar (c), entrega la Medalla de Oro de la provincia de Ourense, al hermano y al hijo del escritor Carlos Casares, Xavier Casares (2i) y Hakan Casares Berg (2d), respectivamente, durante el acto celebrado en la Deputación de Ourense.  - FOTO: EFE/Brais Lorenzo
El presidente de la Diputación de Ourense, Manuel Baltar (c), entrega la Medalla de Oro de la provincia de Ourense, al hermano y al hijo del escritor Carlos Casares, Xavier Casares (2i) y Hakan Casares Berg (2d), respectivamente, durante el acto celebrado en la Deputación de Ourense. - FOTO: EFE/Brais Lorenzo

OURENSE  | 09.03.2018 
A- A+

O escritor e intelectual ourensán Carlos Casares foi recoñecido hoxe coa Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, a título póstumo, o máximo galardón que concede a Deputación de Ourense. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, entregou o galardón aos fillos do escritor e a seu irmán, nun acto celebrado no Salón de Plenos do Pazo Provincial no día no que se conmemora o 16º cabodano do intelectual ourensán, falecido en 2002.

A concesión do galardón foi aprobada en sesión plenaria pola corporación provincial o pasado 24 de novembro de 2017, ditaminando conceder a Carlos Casares o dito recoñecemento. O expediente de honra, ao que deu lectura o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, sinala que se lle outorga esta distinción "como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria cultural e social marcada polo seu carácter conciliador que forxou na súa etapa máis ourensá". Tamén destaca o expediente que as meritorias circunstancias persoais e profesionais que concorren en Carlos Casares "son determinantes para avaliar as calidades que honran a este persoeiro", e é obrigado deber da Deputación "promover a exaltación dos fillos ilustres da provincia de Ourense que dedicaron a súa vida e as súas actividades a prol do noso desenvolvemento, tanto cultural, artístico, musical, social como económico".

O acto, presidido por Manuel Baltar, contou coa presenza de familiares de Carlos Casares e de representantes dos ámbitos institucional, cultural e social, sendo a laudatio a cargo do escritor Luis González Tosar, e contando no apartado musical coa Coral de Ruada, que interpretou Ourense ao lonxe como apertura do acto e o Himno Oficial da Provincia de Ourense, Ourense no solpor, como peche. En nome da familia, Hakan Casares, fillo de escritor, agradeceu esta distinción que lle outorga a Deputación de Ourense á memoria do seu pai, e tivo tamén palabras de agradecemento para a cidadanía de Ourense, "que fai posible estes homenaxes", lembrando así mesmo a importancia da tradición cultural da nosa provincia, "porque a cultura galega e Galicia –dixo- non se entenden sen Ourense".

"Escritor comprometido co seu país"

No seu discurso, o presidente da Deputación de Ourense definiu a Casares como "un escritor creador de linguaxe, comprometido co seu país", engadindo que Casares non escatimou esforzos cando tivo que mediar para resolver conflitos. Fíxoo convencido e desde a razón, con sensatez, buscando solucións pactadas, chegando a consensos que permitisen avanzar na difícil tarefa de dotar a Galicia das institucións das que carecía".

"Ese foi –afirmou Baltar- o gran mérito de Casares, asentar os alicerces da convivencia democrática, o que el, xunto con Ramón Piñeiro, consideraba mellor e máis útil, sen atender a provocacións ou delirios extremistas. Carlos non foi un intelectual diletante e vaidoso, con ansia de poder, aceptou responsabilidades para abrir camiños e ofrecer posibilidades, non para acaparar e exercer o dirixismo".

Manuel Baltar destacou de Casares os valores que sempre defendeu "os cales cómpre recuperar mediante un diálogo fluído, flexibilizando rixideces moitas veces ridículas, ensinando a escoitar e a razoar, evitando coa forza da palabra conflitos irreparables", e agradeceu á familia Casares-Berg e á Fundación Carlos Casares, "a súa boa disposición e colaboración permanente co goberno provincial. Froito dese entendemento é a publicación, en forma de libro, do número monográfico que a revista Raigame lle dedicou, no seu día, a Casares, publicado pola Deputación de Ourense".

"Para esta institución todos os anos serán anos de Carlos Casares. Velaí a súa forza. Por iso decidimos fixar a entrega da Medalla de Ouro da Provincia nunha data como a de hoxe -9 de marzo-, na que hai 16 anos nos deixou fisicamente quen permanecerá para sempre, grazas á súa personalidade, traxectoria e obra, na memoria colectiva dunha nación cultural como a nosa", expresou Manuel Baltar.

Apoio ao Centro Galego de Bos Aires

O presidente da Deputación destacou no seu discurso o papel social e cultural da emigración ourensá e galega afirmando que "para continuar fortalecendo o compromiso desta institución coa nosa identidade e coa nosa condición de pobo emigrante, o grupo de goberno que encabezo presentará no próximo pleno desta corporación provincial a adhesión ao manifesto "Pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires", publicado no xornal El Correo Gallego o pasado día 7 do corrente mes".

Manuel Baltar considera que esta provincia, "sensibilizada desde sempre coa nosa diáspora, non pode permanecer allea á grave situación que atravesa a institución símbolo da galeguidade no mundo. Os ourensáns estamos hoxe co Centro Galego de Bos Aires, e faremos todo o posible para contribuír a unha solución digna". "Nos podemos esquecer que esa centenaria mutualidade foi o motor que mantivo aceso o facho da democracia e da identidade de Galicia en momentos moi difíciles, que superamos xuntos", dixo o presidente da Deputación, lembrando que o primeiro convidado ás Xornadas Patrióticas que o Centro Galego de Bos Aires organizou en 1945, foi Ramón Otero Pedrayo, e un dos últimos, en 1985, foi Carlos Casares. Entre unha e outra data, destacadas personalidades da Galicia territorial estreitaron, ano a ano, os vínculos con aquela Galicia Ideal, así denominada por Castelao".

Rematou Baltar sinalando que co exemplo de Carlos Casares e coa lembranza dos milleiros de mulleres e homes desta terra -que co seu traballo axudaron a engrandecer a casa común de todos os galegos a máis de once mil quilómetros de distancia- encaramos ó futuro con confianza: cremos en Ourense e cremos en Galicia".