El Correo Gallego

Noticia 3 de 311 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A comisión de Economía aborda a ordenanza de prezos por servizos do "Paco Paz"

D.O.  | 16.05.2018 
A- A+

As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran esta tarde as súas reunións correspondentes ao mes de maio de 2018. Na comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase a ordenanza fiscal reguladora dos prezos públicos pola prestación de servizos e realización de actividades no pazo dos deportes "Paco Paz", e tamén abordará esta comisión a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora das taxas pola participación en procesos de selección de persoal da Deputación de Ourense.

Polo que atinxe á ordenanza do pazo dos deportes, sinálase que de conformidade co previsto na lexislación reguladora das facendas locais, a Deputación establece os prezos pola prestación de servizos e a realización de actividades no pazo dos deportes, e que están obrigadas ao pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza as persoas físicas ou xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan beneficiarias dos servizos ou da realización de actividades no "Paco Paz". Asemade, a Xunta de Goberno poderá conceder bonificacións nas tarifas por utilización cando concorran circunstancias como: que a actividade teña un claro interese público, social, cultural ou deportivo; condicionantes económicos da entidade; cando se trate de solicitude para uso ao longo da tempada deportiva, valorándose os anos de antigüidade utilizando o pazo dos deportes; a categoría deportiva dos deportistas para os que se solicita a bonificación e categoría da competición; e especiais circunstancias que redunden en beneficio do pazo dos deportes e dos usuarios, ou que supoñan un interese público ou social.

No que se refire á ordenanza reguladora da taxa pola participación en procedementos de selección de persoal, constitúe o feito impoñible a realización da actividade administrativa de xestión dos procesos de selección de persoal laboral e funcionario da Deputación de Ourense, incluídos os procesos de selección de persoal laboral temporal ou funcionario interino, en calquera das súas modalidades.

Por outra banda, na comisión de Igualdade, Benestar e Emprego darase conta do estado de tramitación do Programa BenOurense Infancia para o exercicio 2018.