El Correo Gallego

Noticia 5 de 241 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A Deputación de Ourense convoca o XIV Certame de Artes Plásticas

O goberno provincial destina un total de 7.000 euros en premios para este certame e os traballos poderán presentarse ata o 15 de xuño.

OURENSE  | 23.03.2017 
A- A+

 A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou a convocatoria do XIV Certame de Artes Plásticas da Deputación, que ten como obxectivo premiar e difundir os traballos dos creadores máis novos. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 24 de marzo.

O premio abrangue as modalidades de pintura, escultura, gravado, e calquera outro tipo de expresión artística como vídeo, arte dixital, etc. Poderán participar no certame todos os artistas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. En canto á temática esta será libre, admitíndose todo tipo de tendencia estética e aceptando o uso de calquera técnica e material na realización da obra. Así mesmo, cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras, aínda que pertenzan a distintas modalidades.

As obras deberán axustarse ás seguintes características: na modalidade de pintura non debe ser superior aos dous metros en calquera das súas dimensións. Na modalidade de escultura terá unha altura máxima de 1,80 metros e unha base que non superará un metro por un metro. Na modalidade de gravado e outras expresións artísticas as medidas serán libres.

Asemade, as obras non poderán estar premiadas con anterioridade en ningún outro certame artístico, establecéndose os seguintes premios sen distinción de modalidade: o primeiro premio cunha dotación de 3.000 euros, o segundo premio de 2.000 euros, o terceiro premio de 1.000 euros e dous accésits de 500 euros cada un. O xurado poderá conceder accésits honoríficos se así o considera oportuno, ou declarar deserto calquera dos premios. As obras que sexan premiadas con dotación económica quedarán en propiedade da Deputación.

En canto ao prazo de presentación, os interesados en participar poderán presentar as súas obras desde a convocatoria do certame no BOP ata o día 15 de xuño de 2017. As obras serán entregadas ou enviadas ao Centro Cultural da Deputación de Ourense. Para a súa identificación, as obras levarán en lugar ben visible un lema identificativo, que poder ser común ás obras presentadas polo mesmo autor. En sobre pechado, á parte, incluirá un boletín de participación no certame ou copia deste por cada obra presentada, debidamente cuberto e cunha copia do DNI do autor. No exterior do sobre figurará o lema da obra ou obras.

A Deputación realizará, no mes de setembro, unha mostra cunha selección dos traballos presentados xunto co correspondente catálogo. Os titulares das obras non premiadas poderán retiralas unha vez rematada a exposición, tendo para elo o prazo máximo dun mes.

O xurado do certame estará composto por un mínimo de cinco membros vinculados ao mundo das artes plásticas, os cales serán designados pola Presidencia do goberno provincial.

Plan Provincial

Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou dúas modificacións do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, unha delas relativa ao Concello de Montederramo, polo que se incrementa o orzamento total do proxecto, con cargo á achega municipal, en 46.227,70 euros, polo que a obra denominada "reforma iluminación pública en Alenza, Bustelos, Castiñeira de Seoane, Leboreiro...", pasaría a ter un orzamento total de 101.227,70 euros. A outra modificación do Plan é relativa ao Concello de Monterrei, que ao igual que o caso anterior, incrementa o orzamento total do proxecto, con cargo á achega municipal, en 100 euros, polo que a obra "pavimentación, saneamento e abastecemento na rúa Leiras", quedaría cun orzamento total de 82.600 euros.

Por último, na xuntanza aprobouse a expropiación forzosa para a execución da obra de mellora da estrada provincial OU-1017 Rebordondo (A-52) – Carzoá (OU-1020), no municipio de Cualedro.