El Correo Gallego

Noticia 48 de 300 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A Deputación de Ourense destinará 6,2 millóns de euros para obras e servizos nos concellos da provincia en 2018

O pleno de hoxe aprobou o Plan provincial de cooperación, que inclúe obras municipais, rede viaria, e réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta. // A corporación provincial aprobou tamén a proposta de dispensa ao Concello dos Blancos da obriga de prestar determinados servizos mínimos e asunción destes servizos pola Deputación de Ourense. // Asemade, crearase a Rede provincial de andainas, para fomentar o deportiva e o turismo no territorio provincial. A rede incluirá un calendario de actividades e o pasaporte AndOU, co que os camiñantes conseguirán un selo que acredite a súa participación nas diferentes rutas.

26.12.2017 
A- A+

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria de hoxe, correspondente ao mes de decembro, o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2018, polo cal a Deputación de Ourense destina un total de 6.200.000 euros para obras e servizos nos concellos da provincia de Ourense. En concreto, o goberno provincial achegará 4.008.000 euros para obras municipais, 192.000 euros para o réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta, e 2.000.000 euros para a rede viaria da Deputación.

A corporación provincial tamén aprobou a proposta de dispensa ao Concello dos Blancos da obriga de prestar determinados servizos mínimos e asunción destes servizos pola Deputación de Ourense. Así, aprobouse solicitar do Consello da Xunta de Galicia autorización para que a Deputación de Ourense asuma a prestación dos seguintes servizos mínimos obrigatorios de competencia municipal: abastecemento domiciliario de auga potable, saneamento, pavimentación de vías públicas e acceso a núcleos de poboación, e iluminación pública.

A Deputación de Ourense asumirá con respecto a estes servizos o exercicio de todas as facultades de ordenación e xestión dos mesmos, incluídas as facultades de imposición e ordenación de taxas. Os bens que sexan de dominio público afectos a estes servizos quedarán adscritos temporalmente á Deputación e reverterán ao concello unha vez rematado o período de asunción de servizos.

Ademais, a Deputación subrogarase, por sucesión de empresa, como empregador do persoal laboral municipal adscrito aos servizos obxecto de asunción. No momento en que cese esta situación, estes traballadores serán subrogados polo concello.

Por outra banda, o pleno de hoxe aprobou crear unha Rede provincial de andainas como instrumento de ordenación e coordinación destas actividades, nunha estratexia definida de fomento do deporte non competitivo e promoción turística que permita a dinamización económica do noso territorio. A Rede incluirá un calendario de actividades e o pasaporte "AndOU", co que os camiñantes conseguirán un selo que acredite a súa participación nas diferentes rutas, para optar así a premios que motiven e fidelicen aos participantes. Ademais as rutas que formen parte da rede deben fomentar a educación ambiental e contar con persoal que explique as características naturais por onde discorren as rutas.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

RESOLUCIÓN DE ALEGACIÓNS E APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA REGULADORA DO SERVIZO INTERMUNICIPAL DELEGADO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS URBANOS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Acordo:

1º.- Desestimar integramente a alegación formulada polo Concello de Maside, xa que a recollida ordinaria separada en puntos limpos non constitúe unha contraprestación pola recollida das fraccións de envases lixeiros, papel-cartón e vidro.

2º.- Aprobar definitivamente a Ordenanza reguladora do servizo intermunicipal delegado de recollida de residuos urbanos da Deputación Provincial de Ourense.

3º.- Ordenar a publicación do texto íntegro da Ordenanza no BOP, para a súa entrada en vigor.

MODIFICACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ASINADO ENTRE A CHMS, A DEPUTACIÓN DE OURENSE E O CONCELLO DA VEIGA, PARA O FINANCIAMENTO, EXECUCIÓN E ENTREGA, PARA O SEU MANTEMENTO E CONSERVACIÓN DAS OBRAS DO PROXECTO DE ACONDICIONAMENTO, PROTECCIÓN E MELLORA DA CONECTIVIDADE DAS MARXES DO RÍO XARES AO SEU PASO POLOS NÚCLEOS DE XARES, PONTE E BAÑOS

Acordo:

1º. Aprobar a modificación do Anexo I (programación inicial das anualidades previstas) do convenio de colaboración entre a C.H. do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de A Veiga para o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación, das obras do proxecto acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños.

APROBACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A CHMS, A DEPUTACIÓN DE OURENSE E O CONCELLO DE VILAMARÍN PARA O FINANCIAMENTO, EXECUCIÓN E ENTREGA, PARA O SEU MANTEMENTO E CONSERVACIÓN, DAS OBRAS DE MELLORA DO TRATAMENTO NA EDAR DO PARQUE EMPRESARIAL DE VILAMARÍN

Acordo:

1º. Aprobar o convenio de colaboración entre a C.H. do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de Vilamarín para o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación, das obras de mellora do tratamento na EDAR do Parque empresarial de Vilamarín no Concello de Vilamarín (Ourense).

O presente convenio ten por obxecto determinar as condicións que rexerán a posta a disposición dos terreos, financiamento, redacción do proxecto, execución e posterior entrega para o mantemento e conservación das obras e instalacións que se contemplan no proxecto titulado "Mellora do tratamento na EDAR do parque empresarial de Vilamarín (Ourense).

O obxectivo da actuación recollerase no "Proxecto de mellora do tratamento na EDAR do parque empresarial de Vilamarín (Ourense)" que será redactado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e consistirá no deseño das melloras do proceso de depuración ca EDAR existente precisa para, mantendo o seu punto de vertido, facer viable o desenvolvemento do parque empresarial ata o límite hidráulico da instalación existente. En calquera caso, as actuacións a proxectar, farán viable a incorporación do vertido das industrias que se instalen no parque empresarial durante varios anos.

PROPOSTA DE DISPENSA AO CONCELLO DOS BLANCOS DA OBRIGA DE PRESTAR DETERMINADOS SERVIZOS MÍNIMOS E ASUNCIÓN DESTES SERVIZOS POLA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Acordo:

1º.- Solicitar da Consello da Xunta de Galicia autorización para que a Deputación de Ourense asuma, ao abeiro do previsto no artigo 84.2 da Lei de administración local de Galicia, a prestación dos seguintes servizos mínimos obrigatorios de competencia municipal:

- Abastecemento domiciliario de auga potable.

- Saneamento

- Pavimentación de vías públicas e acceso a núcleos de poboación.

- Iluminación pública.

A asunción dos servizos terá efecto a partir do dia seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da súa aprobación polo Consello da Xunta, por un prazo inicial de dous anos. Non obstante, a Deputación de Ourense poderá propoñer a prórroga sucesiva da asunción dos servizos por períodos de dous anos durante o período de vixencia do plan axuste do Concello dos Blancos, no caso de que subsistan as causas que a motivaron e non existan fórmulas alternativas para garantir a prestación dos servizos no marco do plan de axuste.

A Deputación Provincial asumirá, con respecto aos servizos obxecto da asunción, o exercicio de todas as facultades de ordenación e xestión dos ditos servizos, incluíndo as facultades de imposición e ordenación de taxas, no caso de que estas procedan.

Os bens de dominio público afectos aos servizos obxecto de asunción de titularidade do concello quedarán adscritos temporalmente á Deputación Provincial durante o período de asunción, correspondéndolle á Deputación o exercicio dos actos de conservación, mantemento e administración dos ditos bens. O bens reverterán ao concello unha vez rematado o período de asunción de servizos.

A Deputación Provincial subrogarase, por sucesión de empresa, como empregador do persoal laboral municipal adscrito aos servizos obxecto de asunción, nas condicións xerais establecidas no artigo 44 do Texto refundido do Estatuto dos Traballadores. No momento en que cese a situación de asunción de servizos, estes traballadores serán subrogados polo concello. Para estes efectos, os acordos individuais ou colectivos que poida acadar a Deputación cos traballadores durante o período de asunción que supoñan melloras das condicións laborais destes traballadores esixirán a previa aceptación expresa por parte do concello.

Durante o período de asunción de servizos pola Deputación, o Concello dos Blancos non poderá obter subvencións nominativas da Deputación Provincial, agás nos seguintes casos:

a) Subvencións teñan por obxecto investimentos que permitan a redución dos gastos de prestación dos servizos obxecto de asunción.

b) Subvencións cuxo obxecto sexa ou o establecemento de servizos ou equipamentos comunitarios que xeren empregos directos no municipio, sempre e cando non poñan en risco a sustentabilidade económico – financeira do concello.

2º) Asumir a prestación do servizo de depuración de augas residuais no municipio de Os Blancos, en réxime de competencia propia ao abeiro do establecido no artigo 36.1.c) da Lei de bases do réxime local.

PROXECTO DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS ORZAMENTARIOS 4/2017 DO ORZAMENTO DO CONSORCIO PROVINCIAL DE INCENDIOS

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación de créditos do expediente, co seguinte detalle:

SUPLEMENTOS DE CRÉDITO. GASTOS CORRENTES 

APLICACIÓN

EXPRESIÓN

IMPORTE €

136/22799

Outros traballos realizados por outras empresas e profesionais. Servizo de prevención e extinción de incendios

16.940,00 €

 SUPLEMENTOS DE CRÉDITO. GASTOS DE INVESTIMENTOS 

APLICACIÓN

EXPRESIÓN

IMPORTE €

136/62400

Elementos de transporte. Servizo de prevención e extinción de incendios

21.000,00 €

 RECURSOS UTILIZADOS 

Maiores ingresos recadados sobre os totais previstos no orzamento corrente. 30900

37.940,00 €

 2º.- Con cargo á aplicación orzamentaria 136/22799 Outros traballos realizados por outras empresas e profesionais. Servizo de prevención e extinción de incendios. 

Aplicación Orzamentaria

Finalidade

Importe

136/22799

Formación pilotos drons en situacións de emerxencia

16.940,00 €

Total aplicación orzamentaria 136/22799

16.940,00 €

 Con cargo á aplicación orzamentaria 136/624.00 Elementos de transporte 

Aplicación Orzamentaria

Finalidade

Importe

136/62400

Adquisición dunha aeronave híbrida. Aerohybrix con cámara HD

21.000,00 €

Total aplicación orzamentaria 136/62400

21.000,00  €

  3º.- De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno.

O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

APROBACIÓN DA QUINTA ADDENDA AO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA, A FEGAMP E AS DEPUTACIÓNS PROVINCIAIS PARA A CREACIÓN E IMPLANTACIÓN DOS GES

Acordo:

1º.- Aprobar a formalización da quinta addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e as catro deputacións galegas, en materia de emerxencias e prevención el defensa contra incendios forestais, para a creación e implantación dos GES, nos termos aprobados pola Comisión de Seguimento do convenio en data 4 de decembro de 2017.

2º.- Facultar ao presidente da Deputación Provincial para a formalización e subscrición da dita addenda, podendo, se é o caso, delegar a dita facultade en calquera deputado provincial.

APROBACIÓN INICIAL DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS 2018

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2018 (Plan Base), co detalle que figura na relación de obras para o efecto redactada, co seguinte resumo:

 PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN E ESTRADAS

 

DEPUTACIÓN

CONCELLOS

TOTAL

1.- Obras municipais

4.008.000,00 €

1.693.335,82 €

5.701.335,82 €

2.- Réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta

192.000,00 €

 

192.000,00 €

2.- Rede Viaria Deputación

2.000.000,00 €

 

2.000.000,00 €

TOTAL

6.200.000,00 €

1.693.335,82 €

7.893.335,82 €

PLAN COMPLEMENTARIO

 

DEPUTACIÓN

CONCELLOS

TOTAL

Obras municipais

3.530.000,00 €

110.882,40 €

3.640.882,40 €

Rede Viaria Deputación

1.180.234,47 €

 

1.180.234,47 €

 

2ª.- Darlle un prazo, adicional, de dez días naturais, ós concellos que non presentaron as solicitudes de obras dentro do prazo establecidos a estes efectos, co fin de que poidan achegar a súas solicitudes.

3º.- Someter o Plan a información pública mediante anuncio no BOP, para que se poidan formular alegacións ou reclamacións durante o prazo de 10 días. Se se presentan alegacións ou reclamacións o Plan debe ser sometido novamente a Corporación Provincial, para o acordo de aprobación definitiva. No caso de que non se presenten alegacións ou reclamacións, o Plan entenderase definitivamente aprobado, sen necesidade de novo acordo.

ADAPTACIÓN DO CONTIDO DO PLAN ECONÓMICO FINANCEIRO DA DEPUTACIÓN PARA O CUMPRIMENTO DA REGRA DE GASTO Á PLATAFORMA PEFEL

Acordo:

1º- Dotar ao Plan Económico Financeiro por incumprimento da regra de gasto na liquidación do exercicio 2016 do contido previsto na plataforma PEFEL.

2º- Remitirlle á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Xunta de Galicia, o presente plan, segundo o artigo 23.4 da Lei 2/2012, no mesmo día da súa aprobación.

VÍA DE CIRCUNVALACIÓN DE ALTA CAPACIDADE EN OURENSE

Acordo:

1º.- Que a Deputación de Ourense inste á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento a planificar, dotar orzamentariamente e construír sen demora unha vía de circunvalación de alta capacidade na cidade de Ourense.

2º.- Que a Deputación impulse un convenio-acordo marco de colaboración coa Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e os concellos afectados para a construción e seguimento dunha vía de circunvalación de alta capacidade na cidade de Ourense.

3º.- Que a Deputación de Ourense inclúa no seu plan "Conecta Ourense" unha estratexia específica para a construción dunha circunvalación na área urbana que permita resolver os problemas de mobilidade e seguridade.

CONEXIÓN CON PORTUGAL A TRAVÉS DA BAIXA LIMIA E DESENVOLVEMENTO SOCIAL E ECONÓMICO DA COMARCA

Acordo:

1º.- Que se execute a segunda fase da estrada OU-540, desde o remate da actual autovía en Celanova (Casal do Bispo) ata a fronteira da Madalena, no límite do Concello de Lobios, tal coo estaba contemplado no Decreto 396/2009, do 8 de outubro, polo que se declarou a utilidade pública e se dispuxo a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do eixo de comunicación A-52 fronteira portuguesa, treito I VAC A-52-Celanova sur e treito II Celanova sur-fronteira portuguesa.

2º.- Planificación do Parque empresarial previsto no plan de solo empresarial de Galicia para a Baixa Limia, como infraestrutura comarcal estruturante.

3º.- Elaboración e execución do plan territorial integrado que estableza as condicións para o desenvolvemento integral da comarca, tal como se recolle nas directrices de ordenación do territorio de Galicia.

PEAXES AP-9

Acordo:

1º.- Instar á Xunta de Galicia a que siga á procura de todas as iniciativas posibles que faciliten a rebaixa das peaxes na autoestrada AP-9.

2º.- Solicitar ao Ministerio de Fomento que as obras que no futuro se executen na autoestrada AP-9 se realicen con cargo aos orzamentos xerais do Estado e non con cargo ás peaxes.

MODIFICACIÓN DO CÓDIGO PENAL PARA INTRODUCIR UN ARTIGO QUE PREVEXA E CASTIGUE O DELITO DE APOLOXÍA DO FASCISMO E DO TOTALITARISMO

Acordo:

1º.- Instar ao goberno do Estado e aos grupos parlamentarios das Cortes Xerais para que contemplen a modificación do Código Penal e fagan a pertinente introdución dun artigo que prevea e castigue o delito de apoloxía do fascismo e do totalitarismo.

2º.- Instar ao goberno do Estado e á Xunta de Galicia para que desenvolvan as medidas normativas específicas para que se impida o acceso de calquera entidade que practique a apoloxía do fascismo ás subvencións de carácter oficial de ambas as dúas institucións.

3º.- Desenvolver unha norma específica nas bases de subvencións e axudas desta Deputación que prohiba o acceso a elas das entidades que promovan os delitos de odio e fagan apoloxía do fascismo en calquera das súas formas.

4º.- Promover, entre os concellos da provincia, que se adhiran a un compromiso asinado polo cal se estableza a obrigatoriedade de introducir unha norma nas bases de axudas e subvencións municipais que impidan o acceso ás mesmas, das entidades que propaguen a ideoloxía fascista e/ou totalitaria.

5º.- Aumentar a dotación económica, actualizar e ampliar o contido do proxecto "A represión na provincia de Ourense" así como da web correspondente.

CREACIÓN DA REDE PROVINCIAL DE ANDAINAS

Acordo:

1º.- A Deputación de Ourense creará a Rede Provincial de Andainas como instrumento de ordenación e coordinación destas actividades, nunha estratexia definida de fomento do deporte non competitivo e promoción turística que permita a dinamización económica do noso territorio.

2º.- A Rede Provincial de Andainas incluirá un calendario de actividades e o pasaporte "AndOU", onde os camiñantes conseguirán un selo que acredite a súa participación nas diferentes rutas, optando a premios que incentiven e fidelicen aos sendeiristas.

3º.- Os camiños incluídos na Rede Provincial de Andainas deberán fomentar a educación ambiental, dando a coñecer con anterioridade ás probas unhas normas de boas prácticas medioambientais, así como promocionar as "rutas interpretadas", onde monitores especializados ou axentes de medio ambiente expliquen as características da natureza por onde discorren as rutas.