El Correo Gallego

Noticia 44 de 310 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

O director de Transparencia da Deputación de Ourense, no comité técnico do IV Congreso de Cidades Intelixentes

Fernando Suárez participará neste importante cumio de innovación, que terá lugar en maio en Madrid, clave no coñecemento e intercambio de experiencias sobre a tecnoloxía dos territorios.

D.O.  | 22.01.2018 
A- A+

O director de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, foi designado membro do comité técnico do IV Congreso Cidades Intelixentes, o importante cumio sobre tecnoloxía, boas prácticas e xestión da innovación referido ás cidades, que terá lugar en maio en Madrid. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, felicitou a Fernando Suárez por esta designación -en calidade de vicepresidente do Consello Xeral de Colexios de Enxeñería en Informática-, para formar parte do comité técnico do congreso, integrado por representantes de alto nivel da Administración Pública, colectivos profesionais e as institucións máis representativas no ámbito das "cidades Intelixentes" en España.

O congreso terá lugar os días 30 e 31 de maio no Espazo La N@ve de Madrid, un encontro que potencia o intercambio do coñecemento e experiencias sobre as cidades intelixentes coa tecnoloxía e a innovación como ferramentas base do seu desenvolvemento. Esta cuarta edición, baixo o lema "Da cidade ao Territorio Intelixente: unha evolución necesaria", abrangue temáticas como a innovación social e a participación cidadá; destinos turísticos intelixentes; núcleos e territorios rurais intelixentes; economía, Big Data e xestión intelixente.

É o principal foro de referencia profesional sobre esta temática, que permite aos asistentes coñecer o espectro urbano, social, técnico, legal e de oportunidades das cidades intelixentes. O comité técnico do que forma parte Fernando Suárez ten como misión definir o programa do congreso, seleccionar aos relatores e as temáticas, velando pola calidade, representatividade e diversidade do contido do cumio.

"Integrar este comité permítenos coñecer de primeira man as liñas de innovación en materia "Smart", con particular atención a aquelas que afectan a territorios e non só a cidades, como recolle o título desta edición e, tamén supón estreitar lazos con entidades e empresas punteiras nesta materia", afirma Fernando Suárez, quen destaca que Ourense "ten un gran potencial e é unha das provincias pioneiras en estender o concepto "Smart" a todo o territorio provincial, polo que xerarán moito interese as achegas da Deputación de Ourense a este congreso".