El Correo Gallego

Noticia 91 de 237 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Manuel Baltar analiza cos seus homólogos da Fundación Democracia e Goberno Local o papel dos gobernos locais intermedios

DEP. OURENSE  | 18.01.2017 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Madrid na xunta do padroado da Fundación Democracia e Goberno Local, unha entidade que ten como obxectivo desenvolver iniciativas para o estudo, divulgación e asesoramento sobre o goberno local, e serve de punto de encontro para concellos, cabildos e deputacións para coordinar estratexias de cooperación entre as administracións.

Na reunión de hoxe, Baltar e os seus homólogos aprobaron os orzamentos da Fundación para o exercicio económico de 2017, e tamén a incorporación de novos membros de pleno dereito do Consello Asesor da Fundación Democracia e Goberno Local. Ademais de facer balance das actividades desenvolvidas en 2016, a xunta do padroado aprobou a formalización dun contrato coa Universidade Autónoma de Madrid para a realización de actividades formativas e publicacións en colaboración coa fundación.

Sobre a mesa estivo tamén o papel que xogarán as deputacións provinciais no futuro inmediato, un escenario para o que Manuel Baltar vén reclamando a modificación da Lei Electoral para que os cidadáns poidan elixir directamente en urna ao presidente e deputados dos gobernos provinciais, e tamén defende "a participación das deputacións nos ingresos dos tributos da comunidade autónoma, ademais de reivindicar que o mundo local teña representación no Consello de Política Fiscal e Financeira, nun momento no que deben abordarse simultaneamente, como dous subsistemas diferenciados, o financiamento autonómico e o local", afirma Manuel Baltar.

Asemade, na reunión tratáronse temas referidos á organización, xestión e prestación de servizos dos entes provinciais e ás novas canles de colaboración que no futuro máis inmediato terán que arbitrarse cos municipios para mellorar a eficiencia e a operatividade dos servizos que se lles prestan aos cidadáns, sinaladamente nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Na xunta do padroado tamén se analizaron os resultados da "II Conferencia de presidentes de gobernos provinciais", celebrará en Badaxoz en novembro pasado, cumio no que Ourense tivo un papel protagonista por ser a Deputación ourensán, a proposta do seu presidente, Manuel Baltar, quen puxo en marcha esta iniciativa pioneira dun foro de debate de presidentes de gobernos locais intermedios en España. Baltar afirma que o obxectivo desta conferencia -que en 2014 celebrou a súa primeira edición en Ourense- "é que os presidentes puidéramos debater xuntos o novo escenario dos gobernos locais intermedios, ademais de compartir experiencias de xestión e concluír o encontro cunha declaración conxunta das institucións provinciais". Precisamente hoxe, ao fío da conferencia de presidentes, acordouse que será Segovia, no mes de outubro, a provincia que acollerá a terceira edición deste importante cumio de presidentes provinciais.

A Deputación de Ourense vén sendo un dos membros máis activos da Fundación Democracia e Goberno Local, consolidada como o "think tank" máis importante do municipalismo español, que este ano 2017 cumpre o seu 15 aniversario. A importancia que para a Deputación de Ourense teñen as iniciativas referidas á vangarda na xestión administrativa ponse novamente de manifesto na organización da próxima xornada sobre "As deputacións do futuro", que na súa sexta edición, que se celebrará en Ourense no mes de maio, analizará temas referidos a transparencia e goberno aberto.