El Correo Gallego

Noticia 74 de 246 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Músicos de Galicia e de países como Irán, Armenia, Italia, Alemaña e Portugal, na XXXII "Xuntanza Internacional de Gaiteiros"

05.06.2017 
A- A+

A XXXII edición da "Xuntanza Internacional de Gaiteiros", declarada de Interese Turístico e Cultural pola Xunta de Galicia, celebrarase en dúas xornadas, o día 10 de xuño no Castelo de Monterrei e o 11 de xuño no Castelo de O Bolo. A presentación desta tradicional festa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; e os alcaldes do Bolo e de Monterrei, Manuel Corzo e José Luis Suárez, respectivamente.

Rosendo Fernández fixo un repaso pola historia da "Xuntanza Internacional de Gaiteiros", a cal "naceu como complemento ás actividades da Escola Provincial de Gaitas da Deputación no ano 1986 no barrio da Ponte de Ourense, e desde entón foi percorrendo distintos concellos da provincia, achegando a nosa tradicional música a todos os recunchos da provincia". E engadiu: "Este evento, constituíuse ao longo dos anos como un foro internacional no que se dan cita destacados gaiteiros de diferentes países, traendo a Ourense desde as cornamusas máis primitivas ata as máis contemporáneas".

Nesta XXXII edición da Xuntanza "terán especial protagonismo as gaitas primitivas, coa participación de gaiteiros procedentes de Galicia e de países como Irán, Armenia, Italia, Alemaña ou Portugal", explicou o director da Escola Provincial de Gaitas. Ademais, o programa de actuacións tamén contará con gaiteiros da comarca de Monterrei para "poñer en valor a música que se conservou e que é a nosa imaxe", asegurou Foxo, e remarcou que a Xuntanza Internacional de Gaiteiros "achega o máis significativo do mundo da gaita de Galicia e doutros lugares do mundo, facendo que Ourense sexa un referente mundial".

O programa desta XXXII edición complétase con conferencias, exposicións e actividades de carácter científico. Asemade, este ano, a homenaxe será para José María Fernandez, Angelo Arribas e Henrique Fernandes, tres gaiteiros do norte de Portugal.

Manuel Corzo, mostrouse agradecido porque "unha das xornadas da Xuntanza se desenvolva no Castelo do Bolo, rehabilitado no ano 2000, porque nos permite promocionar o noso municipio", e o alcalde de Monterrei lembrou que neste ano 2017 "cúmprense dez anos desde que se decidiu que o Castelo de Monterrei acollera de maneira permanente a Xuntanza". Nun repaso pola evolución do evento nestes últimos anos, José Luís Suárez destacou que a declaración de Interese Turístico e Cultural deste evento "supuxo un salto cualitativo e cuantitativo para esta Xuntanza e permitiunos facer unha serie de actividades ao redor dela que lle dá máis vida".

Ao remate da presentación, actuaron as cantareiras Ana Belén Rodríguez e Cristina Pumar, xunto ao gaiteiro Marco Foxo, compoñentes da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.