El Correo Gallego

Noticia 10 de 248 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

O Plan Director do mosteiro de Montederramo permitirá a conservación e o desenvolvemento sustentable do berce da Ribeira Sacra

Manuel Baltar participou xunto co conselleiro de Cultura, o alcalde e o bispo de Ourense na presentación do plan, cuxo obxectivo é "analizar o estado actual do edificio e as melloras que se deben realizar para potenciar turística e culturalmente este recinto do patrimonio histórico da provincia de Ourense", explicou o presidente da Deputación.

31.07.2017 
A- A+

O Plan Director do mosteiro de Santa María de Montederramo permitirá levar a cabo actuacións de conservación e iniciativas para o desenvolvemento sustentable deste espazo, berce da Ribeira Sacra, co obxectivo de "analizar o estado actual do edificio e as melloras que se deben realizar para potenciar turística e culturalmente este recinto do patrimonio histórico da provincia de Ourense", explicou hoxe o presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez, e o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, participou na presentación do Plan Director que desenvolve a Xunta de Galicia para este recinto do patrimonio histórico ourensán.

Manuel Baltar dixo que a Ribeira Sacra "é unha das contornas de Galicia de maior riqueza patrimonial, histórica e natural, na cal a Deputación de Ourense está a traballar coa Xunta de Galicia, coa Deputación de Lugo e cos concellos deste territorio para acadar o recoñecemento de Patrimonio Mundial por parte da Unesco, unha distinción á que, sen dúbida, contribuirá a xoia medieval do mosteiro de Montederramo", destaca o presidente do goberno provincial.

Pola súa banda, Román Rodríguez anunciou que, ademais do investimento de 101.415 euros xa realizado na redacción do plan e nas primeiras actuacións, "a Consellería de Cultura ten previsto encargar un proxecto para realizar actuacións de mellora dos espazos que ocupaba o antigo CEIP e das condicións de accesibilidade para as visitas culturais do mosteiro". O conselleiro lembrou a Chamoso Lamas, quen cualificara Montederramo como "o máis descoñecido dos vellos mosteiros galegos", destacando "que se trata tamén dun dos máis sobranceiros bens cos que conta a nosa terra", e explicou que as actuacións realizadas e previstas contribuirán a dar apoio técnico ao Concello para que poida solicitar unha subvención con cargo ao 1,5% cultural.

O Plan Director é un documento no que se define o estado actual do monumento, recollendo a información dispoñible e sistematizando as propostas para o seu uso, mantemento e conservación. O obxectivo é establecer o grao de conservación do ben e definir as liñas de actuación para o seu desenvolvemento sustentable, de xeito compatible cos seus valores culturais e de identidade.

No documento descríbese as características do monumento e as súas patoloxías construtivas e funcionais; as condicións para o seu mantemento e as necesidades de conservación e restauración; e tamén se analizan as potencialidades para o desenvolvemento dunha proposta de usos compatible cos seus valores culturais que permitan un desenvolvemento sustentable e que colaboren a súa posta en valor, como referente social e económico da comarca.

No último ano, no mosteiro realizáronse actuacións de conservación -melloras no tellado e protección fronte a filtracións-, co fin de dar resposta ao deterioro producido despois de que o inmoble deixara de albergar o antigo CEIP de Montederramo.