El Correo Gallego

Noticia 41 de 246 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Ponteareas achega a Ourense a festa das alfombras florais, declarada de Interese Turístico Internacional

15.06.2017 
A- A+

O deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, participou esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, na presentación das festas do Corpus Christi de Ponteareas, acto no que tamén participaron o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, a concelleira de Ensino, Cristina Fernández; e as alfombristas, Marta Amil e Victoria Amoedo.

Manuel Doval destacou que "as alfombras florais son símbolo de identidade do municipio de Ponteareas, unha tradición cultural na que participan os veciños da zona e que se transmite de xeración en xeración, facendo de Ponteareas un lugar único".

A festa do Corpus Christi de Ponteareas está declarada Festa de Interese Turístico Internacional desde o ano 2009 e "estamos a traballar para lograr o recoñecemento de que sexa declarada Ben de Interese Cultural Inmaterial porque reúne todas as condicións necesarias para este recoñecemento", puntualizou o alcalde de Ponteareas.

A celebración, que terá lugar os vindeiros días 17, 18 e 19 de xuño, conta con 160 anos de tradición, onde os alfombristas de Ponteareas confeccionan máis dun quilómetros de alfombras polas rúas do centro da súa vila e acollen, así mesmo, alfombras de localidades como A Orotova de Canarias, ou Monçao en Portugal. Como novidade, este ano acollerá unha alfombra dunha delegación da localidade italiana de Gerano, na área metropolitana de Roma, "sendo en total 21 alfombras, tres delas de entidades de fóra de Ponteareas", dixo Xosé Represas.

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolle hoxe e mañá, unha mostra das alfombras de flores que se realizan durante esta celebración en Ponteareas.