El Correo Gallego

Noticia 9 de 300 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

O PP ourensán proporá no pleno provincial do venres o seu apoio

Na moción destácase a importancia que ten a emigración na historia do noso país

REDACCIÓN  | 21.03.2018 
A- A+

Santiago. O Grupo Popular na Deputación Provincial de Ourense ten  previsto presentar, no seu pleno deste próximo venres, unha moción de apoio ao Manifesto pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires, co obxectivo de que sexa debatido no mesmo e todos os grupos poidan sumarse a esta iniciativa.

Unha proposta que xa fora anunciada polo seu presidente, Manuel Baltar, o pasado 9 de marzo, durante a entrega da Medalla de Ouro da provincia a título póstumo a Carlos Casares.

Naquela intervención, Manuel Baltar fxo referencia ao manifesto publicado íntegramente en EL CORREO GALLEGO dous días antes, e apostou pola adhesión da deputación ao mesmo “para continuar fortalecendo o compromiso desta institución coa nosa identidade e coa nosa condición de pobo emigrante”.

Na moción do venres, que será presentada polo voceiro do Grupo Popular na Deputación ourensá, Plácido Álvarez Dobaño falará da
preocupante situación pola que atravesa actualmente o Centro Galego de Bos Aires, “lastrado por unha gran débeda económica e intervido polo Goberno arxentino”, correndo neste momento un grave risco de desaparición ante a súa posible venda, o que desde o seu punto de vista “supoñería a perda dun símbolo identitario da Galicia universal”.

Tras lembrar que o centro foi creado no ano 1907 para prestar atención, “tanto no ámbito social como laboral e sanitario” aos miles de emigrantes que chegaban alí desde toda Galicia, e que na década dos corenta do século pasado sumou tamén o labor de difusión da cultura e a historia da nosa comunidade, subliñará que as instalacións do edifcio acollen o maior patrimonio cultural, artístico e histórico da emigración galega.

Unha emigración ante a que “a Deputación Provincial de Ourense, consciente da importancia que na nosa historia ten –e que deixará plasmada para as actuais e futuras xeracións nun museo– quere sumarse a esta iniciativa que xa reuniu preto de cinco mil frmas de apoio para pedir ás autoridades galegas e españolas que se impliquen na salvación do patrimonio inmobiliario, artístico e cultural deste centro”, explicará na
súa exposición de motivos.