El Correo Gallego

Noticia 46 de 300 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

O Premio Ourensanía 2017, Miguel Ángel González, visitou In Tempore Sueborum

REDACCIÓN  | 28.12.2017 
A- A+

O exfutbolista ourensán, Miguel Ángel González, galardoado co Premio Ourensanía 2017, visitou hoxe a mostra In Tempore Sueborum, a máis importante de Europa sobre o mundo suevo, que organiza a Deputación de Ourense. O lexendario porteiro do Real Madrid e da Selección Española de fútbol non quixo perder a oportunidade de contemplar os tesouros nacionais que nos falan do tempo dos suevos en Europa Central e na Gallaecia. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañou a Miguel Ángel González na súa visita á exposición xunto ao asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; e ao presidente da Peña Madridista de Ourense, Emilio Gómez-Casasnovas Soto.

Durante a visita, Manuel Baltar destacou a importancia do proxecto In Tempore Sueborum, cunha exposición nunca vista no continente que supuxo un importante labor de investigación, tal e como reflexa a mostra, o catálogo e o libro de estudos que se publicará nunhas semanas e no que estarán recollidos os traballos científicos de 60 especialistas internacionais.

A visita, que estivo guiada por Jesús Manuel García, mostrou a Miguel Ángel González pezas como os axuares e depósitos funerarios de homes e mulleres da elite sueva ao longo de toda Europa, ata chegar á Gallaecia. Tamén coñeceu a Crónica de Idacio da Limia, exposta na mostra, as perspectivas deses movementos de poboacións no século V, migracións que no sur, incluíndo ao propio Idacio, eran vistas como invasións.

Ao remate da visita, González agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense a organización dunha mostra destas características que permite coñecer mellor unha época da Tardo Antigüidade da que aínda queda moito que investigar.

A mostra In tempore sueborum fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia entre os anos 411 e 585, sendo o primeiro reino medieval de occidente, situado en Ourense. A mostra reúne 262 obxectos procedentes de museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña, e expóñense pezas dun alto valor histórico e artístico, entre as que destacan xoias e elementos ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.