El Correo Gallego

Noticia 28 de 246 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A Veiga celebra o "Día da Montaña Galega" lembrando a "Aperta a Trevinca"

DEPUTACION OURENSE  | 15.06.2017 
A- A+

O Concello da Veiga celebrará o vindeiro 17 de xuño, o "Día da Montaña Galega" co XV aniversario de "Unha aperta a Trevinca", de cando por primeira vez soaron as gaitas en Pena Trevinca, como saúdo a tódalas montañas galegas desde A Cima de Galicia. A presentación tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o presidente do Club de Montaña O Trisquel de Trevinca, Antonio Fernández.

O deputado de Cultural, Manuel Doval salientou a importancia de levar a cabo este tipo de eventos porque "o medio rural galega e a montaña en especial, son un verdadeiro paraíso que é necesario coñecer e respectar", e engadiu "isto unido a outras actividades culturais como a música a través dese instrumento tradicional, a cornamusa, fan deste evento un completo día de celebración".

Pola súa parte, Juan Anta sinalou que o obxectivo deste evento é "institucionalizar esta celebración para os vindeiros anos e desenvolver actividades tódolos 17 de xuño en homenaxe a Trevinca, que debe ser o paraugas que abandeire o turismo en A Veiga". Asemade, o alcalde da Veiga destacou que este Día "queremos que simbolice o respecto ao medio e aos nosas montañas así como, o desenvolvemento sostible" e adiantou que continuarán a traballar para que o municipio da Veiga sexa "o lugar de referencia do turismo de montaña de Galicia".

O programa de actividades comeza o venres, 16 de xuño, ás 20.30 horas, coa proxección de "Unha aperta a Trevinca" polos gaiteiros de A Veiga, que por primeira vez na historia, o 1 de setembro do 2002 as gaitas soaron nunha homenaxe a Trevinca fai agora 15 anos. Ao día seguinte, o 17 de xuño, ás 9.00 horas, terá lugar a saída desde Vilanova ata Pena Trevinca, e ás 13.30 horas, será a quenda para a celebración en Pena Trevinca do "Día da Montaña Galega" e XV aniversario "Unha aperta a Trevinca" coa interpretación do himno do antigo Reino de Galicia por Adrián Cotado Rodríguez que volverá a emocionar a todos lembrando aquela inesquecible xornada de 15 anos atrás. Finalmente, ás 14.30 horas, realizarase a saída de Pena Trevinca e o peche da celebración en Vilanova.

O presidente do Club de Montaña O Trisquel de Trevinca destacou o papel dinamizador da montaña ao asegurar que é "un medio rentable capaz de que un territorio se desenvolva economicamente" e lembrou que a montaña "predomina en todo o territorio galego, pero especialmente na provincia de Ourense, onde se atopa a Cima de Galicia e o conxunto de montañas máis importantes da Comunidade Autónoma, en Pena Trevinca".