Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Todas as sociedades, cando viven momentos difíciles, buscan un guieiro, unha especie de superhome clarividente que acabe co desacougo e a desorientación e que se erixa en garante do interese colectivo.
Isto acontece agora e tamén aconteceu no pasado. Ese foi o papel que lle asignou a tradición bíblica a Moisés, disque unxido por Deus para dirixir o pobo de Israel na súa travesía cara á Terra Prometida. Mesías, salvador espiritual, é tamén o papel que os mesmos textos relixiosos lle atribúen a Xesús Cristo, aínda que o seu reino non fose deste mundo. Mesiánica foi tamén a esperanza que a sociedade portuguesa depositou na volta de Dom Sebastião, desaparecido en combate no século XVI, e agardado polo pobo miúdo para solventar os graves problemas políticos e socioeconómicos que padeceu o reino desde que perdera o seu rei nas costas africanas. Ou o que pasou séculos atrás con Federico Barbarrossa na Alemaña, ou co Rei Arturo en Inglaterra, ou mesmo máis atrás aínda, no s. I a.c., co tracio Espartaco, na III Guerra Servil romana.
Pondo de parte a parafernalia de todo o proceso electoral e a teatralidade que envolveu o acto da súa toma de posesión, Obama acaba de ser aclamado como o Mesías dos nosos tempos. A diferenza do que ten acontecido con outros personaxes que asumiron antes ca el a presidencia dos USA, ese clamor ten agora dimensións mundiais, porque mundial é a dimensión que ten a crise cuxo ollo do furacán estivo e está na mesma sociedade que o acaba de escoller como líder.
Obama vaino ter difícil, moi difícil, para non defraudar á vista das expectativas creadas arredor del e o complicado contexto interno e externo que herda. Foi escollido para solucionar os grandes problemas que vive a sociedade americana, comezando pola crítica situación económica, mais tamén para atender a máis que deficitaria cobertura pública de servizos, como a sanidade e a educación, e para garantir os dereitos das minorías, entre elas a dos afroamericanos, como eufemisticamente din alí, á que el mesmo pertence, e que quere que a histórica chegada dunha persoa de raza negra sexa algo máis que unha cuestión de cor.
Na política exterior, os problemas que lle deixa o seu innomeábel antecesor, van precisar bisturí e paciencia. Guantánamo, Iraque, Afganistán, Palestina-Israel, son os focos que precisan dun cambio máis urxente e radical, comezando por desbotar o belicismo como medicina.
Con maior ou menor escepticismo, todo o mundo espera algo de Obama. El é consciente das expectativas e por iso no seu discurso de investidura fuxiu da personalización das solucións. Mais vai ter complicado facer comprender que a saída aos problemas está en que todos collamos o rodillo para pintar. Oxalá a obamamanía non derive en frustración planetaria.
