Inicio
![]() |
| Varias composicións de Moret-Art que levou os seus cadros a Art Madrid FOTO: Miguel Bertojo |
Mentres que en Arco se falaba da crise de identidade do propio espazo e do papel da feira no gran mercado da arte, outra voz autorizada terciaba na polémica. Manuel Borja-Villel, director do Museo Raíña Sofía, institución que adquiriu na feira 12 obras de nove artistas valoradas en máis de 600.000 euros, manifestou que "este modelo feiral está caduco. Quizais chegou a hora de pensar nunha nova estratexia".
O descenso no número de galerías presentes e a diminución de visitantes invita sen dúbida a unha profunda reflexión. Pero o certo é que ata cinco citas feirais simultáneas –Arco, Just Madrid, Art Madrid, Frecha e DeArte– e outros eventos vinculados prexudicaron a visita de posibles coleccionistas. En calquera caso, a presenza das galerías galegas achegou un lustre innegable ás dúas feiras de referencia: Arco e Art Madrid.
Menos visitantes e risco de marxinalidade
Máis de 200 galerías e espazos institucionais, distribuídos en tres pavillóns e en diferentes programas. Aínda así, "[…] demasiado espazo e escasa presenza de firmas estranxeiras de prestixio, que quizais non volvan o ano que vén. Non primou a arte, senón os aspectos mercantís e o curto prazo", afirmou Borja-Villel. Como resposta a semellante ballón, Lourdes Fernández, directora de Arco, anunciou "o compromiso de Ifema e, tamén, o das galerías presentes de repensar o futuro da feira". A galería Ad Hoc (Vigo) acudiu nesta ocasión con obras de 14 creadores, entre os que figuraban Xoán Anleo, Suso Fandiño, Juan Carlos Román ou Jorge Perianes, "o 70% das obras presentadas", expresou Inés Ramiro, a súa directora. "Se comparamos esta edición coa do ano pasado, moitísimo mellor; aínda que non falamos das cifras de 2007 ou 2008. As cousas empézanse a mover e estamos pendentes de pechar varias transaccións importantes…".
O programa Arco 40 contou coa presenza de Factoría Compostela (C5 Colección). Segundo Concha Fontenla, a súa directora, "contamos coa exquisitez plástica, a sutileza e a calidade de Jesús Pastor e Aimée García, artista cubana absolutamente comprometida coa identidade de xénero, e as imaxes do fotógrafo Manuel Sendón". Balance? "Estou moi contenta, aínda que son unha optimista compulsiva".
Aínda que o público respondeu moi ben e as vendas estiveron ao mesmo nivel, "foi o noso primeiro ano con caseta. A pasada edición estivemos noutro espazo da feira: Performing Arco; e, fai dous, en Expanded Box con Face to face, un vídeo de Ana de Matos coa moda como fío condutor. Concorremos a distintas feiras; é dicir, que nos esforzamos por defender a cultura do noso país noutros contextos, por establecer pontes...".
Arco 40 acolleu tamén a galería Bacelos (Vigo), con obras de Ángel Núñez, Ana Teresa Ortega e Íñigo Royo. "Foi un ano complicado, con todo, creo que valeu a pena asistir. Pasou moita xente interesada pola caseta e hai razóns para facer un balance positivo da presenza", manifestou a súa directora, Pepa Gómez Montesinos.
acolleu tamén a galería Bacelos (Vigo), con obras de Ángel Núñez, Ana Teresa Ortega e Íñigo Royo. "Foi un ano complicado, con todo, creo que valeu a pena asistir. Pasou moita xente interesada pola caseta e hai razóns para facer un balance positivo da presenza", manifestou a súa directora, Pepa Gómez Montesinos.No mesmo espazo tamén estreou presenza Raíña Lupa (Barcelona), dirixida pola coruñesa Rocío San Claudio. "Presentamos un proxecto moi coherente, aínda que quizais pouco comercial, con dous artistas consagrados, Francesc Torres e David Levinthal e dous emerxentes: Patricia Gómez & Mª. Jesús González, dúas valencianas que arrincan literalmente as paredes de lugares a piques de desaparecer, salvagardando así a súa memoria. Aínda que as vendas foron regular, estou contenta da nosa presenza", afirmou.
"Con Francesc editamos distintas series –ou libros no argot da galería, aínda que máis próximos a unha obra de arte convencional–. Destaca sobre todo a de Belchite e o seu dobre escenario: as ruínas do pobo tras a guerra e as da rodaxe de Las aventuras del Barón de Munchausen; ou outra feita en Carnota sobre as pegadas do paso das lombrigas (miñocas) baixo a area, e que semellan caligrafías chinesas".![]() |
| FOTO: Miguel Bertojo |
Na caseta tamén figuraban algunhas fotos de Vari Caramés. "O 4 de marzo inauguramos My favourite things, en alusión ó tema xa clásico de John Coltrane, dedicada ó paso do tempo e ó
jazz. Trátase das súas tiraxes vintage dos 70 e 80, reveladas por el mesmo. É como unha volta á fotografía de verdade, sen artificios, sen manipulacións. Vari é un fotógrafo auténtico, un artesán e un mago do revelado. Non se sabe o porqué –a temperatura da auga…–, pero dúas fotos reveladas de forma manual nunca son iguais. E Vari xoga con este feito, provocando a aparición de auténticas pantasmas…".
Cinco galerías en Art Madrid
Pola súa banda, Art Madrid celebrou na Casa de Campo a súa quinta edición, dedicada sobre todo á arte contemporánea español. Un total de 65 galerías, o 90% españolas, entre as que figuraban: Atlántica (A Coruña), con obras de Xaquín Chaves e J. Morgan; ou verdadeiros clásicos como Trinta (Santiago de Compostela), cos últimos traballos de Berta Cáccamo, José Freixanes, Carlos Pazos, Pamen Pereira, Eva Lootz ou Chema Madoz; ou Marisa Marimón (Ourense), tamén marxinada hai dous anos de Arco.
"Tras 13 anos na feira, cumpría punto por punto todas as condicións... De feito, enviei un burofax a directora para coñecer as razóns de semellante ostracismo e aínda estou esperando a súa resposta…", comentou a propia Marisa Marimón. "Como non estaba disposta a perder os meus clientes, optei por acudir a Art Madrid: unha feira que aos poucos vai adquirindo un perfil profesional de verdadeiro nivel. É unha cita co tamaño ideal, semellante ás de Vigo ou Lisboa. O visitante non se esgota, dálle tempo a velo todo e, sobre todo, podemos traballar con tranquilidade". Nas paredes da súa caseta colgaban as obras de Salvador Cidrás, Vicente Blanco ou das ourensás Tamara Feijoo, Sara Fuentes e María Puertas.
No programa Young Art figuraban Moret Art (A Coruña), con obras de tres artistas galegos emerxentes: Héctor Francesch, Miguel Piñeiro e Xurxo Gómez-Chao. Segundo expresou Nuria Blanco, a súa directora, "buscamos o equilibrio entre fotografía e pintura, de autores tanto nacionais como internacionais. Art Madrid é unha boa aposta, coas dimensións idóneas; é dicir, cun tamaño a escala humana. A caseta funcionou e as vendas así o evidencian. O balance das dúas edicións ás que asistimos é realmente bo. Por outra banda, as galerías galegas deixaron o listón realmente alto".
O mesmo espazo tamén albergou a presenza de Metro Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), con obras de Olmo Blanco, Fruela Alonso, Sheila Pazos, Víctor Hugo Costas, Marcos Juncal e Nieves Seara, artistas galegos moi novos. "É unha aposta pola arte feita en Galicia, expresou Nieves Seara. "Case todos traballamos con elementos cotiáns reelaborados, co efecto collage a partir de obxectos reciclados. No meu caso concreto, con caixas de mistos, a escala ata diminuta... Cada unha das obras da caseta é como un conto atrapado... Levámonos unha boa impresión porque o público respondeu moi ben. Se todos os contactos que fixemos se concretan...". Aínda que as galerías galegas saíran ben paradas, a polémica seguirá tras semellante atomización: unha única cita?, dúas?, tres, quizais…?
