Inicio
![]() |
| José Ramón Ónega, esda., e Roberto Varela conversan con Antonio Cervera, de Factoría Compostela FOTO: c.c. |
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, visitou onte, acompañado polo delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, a Feira Internacional de Arte Contemporáneo ARCOmadrid 2010, onde salientou a presenza de tres galerías galegas na feira de arte contemporánea máis antiga de España. En concreto, este ano acoden as viguesas Ad Hoc e Bacelos e a santiaguesa Factoría Compostela.
Tras o seu percorrido pola mostra, Roberto Varela destacou a importancia de promocionar a asistencia das galerías galegas ás feiras internacionais como ARCO, co obxectivo de dar a coñecer "a arte contemporánea galega creada por galegos". Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo manifestou a súa intención de potenciar a presenza de artistas galegos en foros que permiten "abrir a arte galega ao mundo, temos que marcarnos como prioridade amosar no exterior a creatividade e o talento que producen os nosos artistas". Do mesmo xeito, Varela recalcou que a Consellería de Cultura e Turismo apoiará sempre "aqueles proxectos que falen en galego, que conten coas empresas galegas e que axuden a internacionalizar a nosa industria cultural nun eido tan esixente e atractivo como é a arte contemporánea". Nesta liña de traballo, a Consellería de Cultura e Turismo ten previsto asinar un acordo coa Asociación Galega de Galeristas para colaborar na súa asistencia ás feiras de referencia no panorama internacional por un total de 40.000 euros.
A Feira de Arte Contemporáneo cumpre nesta edición 29 anos de vida cunha liña estratéxica que segue a atraer ao coleccionismo no nacional sobre ás galerías españolas. ARCOmadrid 2010 aposta este ano por Los Ángeles como cidade invitada.
