Inicio
O Foro Creativa de Artes Escénicas desenvolverase a partir de hoxe e até o próximo 18 de decembro na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo coa participación de 13 relatores galegos e portugueses, todos eles expertos en distintos ámbitos profesionais do teatro e a danza. O de Artes Escénicas é o primeiro dos catro foros de debate e intercambio que comprende o programa Creativa, xa que nos vindeiros días iniciaranse outros tres encontros similares dedicados á industria musical, á produción gráfica e á audiovisual.
Con financiamento a cargo dos fondos Feder da Unión Europea e organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e e a Direccão Regional de Cultura do Norte de Portugal, Creativa ofrece 12 días de actividade continuada en torno á industria cultural galega e portuguesa, a través de 16 mesas de debate. Presenta, ademais, unha carteleira artística a cargo de 13 espectáculos escénicos e musicais protagonizados por artistas galegos e portugueses en 10 espazos de Vigo e a súa área.
