Ana Isabel Pereira, Paz Gil, Mary Carmen Insua e Yoli Del Rio. Son as gañadoras das catro entradas que sorteamos. Noraboa.
Xa están á venda as entradas para ver a Chayanne o 27 de agosto no Multiusos Fontes do Sar
O solista portorriqueño estará o venres 27 de agosto (22:30h) no Multiusos Fontes do Sar, nun concerto promovido polo Multiusos Fontes do Sar e patrocinado por Fundación Caixa Galicia e a Concellaría de Cultura de Santiago. Trátase da única actuación que Chayanne ten confirmada en Galicia. Dende o mércores 5 de maio, ás 13h, poderanse adquirir as localidades a través da web de Caixa Galicia (www.caixagalicia.es) e na rede Ticketmaster (www.ticketmaster.es; 902 15 00 25; e establecementos autorizados: Halcón Viajes, Discos Gong, Tipo, Fnac, Carrefour) a un prezo de 30€ máis gastos de xestión. As persoas que compren a súa entrada coa tarxeta Visa Electrón NetClub de Caixa Galicia gozarán dun 20% de desconto sobre este prezo.
Chayanne percorrerá varias cidades españolas na súa nova xira, entre as que se atopa Santiago de Compostela. O seu novo disco "No hay imposibles", gravado en Miami, Puerto Rico, Los Ángeles, Bogotá e Buenos Aires, saíu á venda o 4 de maio, e marca o regreso do icono portorriqueño á música logo de case tres anos involucrado noutros proxectos. “Me enamoré de ti”, o primeiro single, serviu de base para unha popular telenovela mexicana, “Corazón Salvaje”, que se está emitindo en máis de 60 países dende febreiro de 2010. En total 11 cancións compoñen “No hay imposibles”, con sons para todos os gustos, dende melodiosas baladas ata os seus inconfundibles ritmos rápidos e bailables. O disco mantén a esencia musical que caracterizou ao cantante, bailarín e actor portorriqueño. "As cancións máis rápidas e bailables invitan a ver a vida dun xeito alegre, con esperanza", indica Chayanne "mentres que as baladas se centran máis no amor, o desamor e a reflexión. É o Chayanne que á xente lle gusta escoitar...contemporáneo e fresco".
Despois do éxito do vixésimo disco da súa carreira, “Mi tiempo” (2007), que foi acompañado por unha extensa e exitosa xira mundial, Chayanne lanzou en 2008 o seu primeiro disco en vivo “Chayanne: Vivo”, que reuniu os seus grandes éxitos ("Y tú te vas", "Provócame", "Torero", "Dejaría todo"...) nun verdadeiro álbum de colección. En 2009 o artista regresou a un campo no que tamén destacou, no que os seus seguidores agardaban velo protagonizando a miniserie “Gabriel”. Para “No hay imposibles” traballou con Javier Díaz e con outros recoñecidos veteranos como Julio reyes, Sebastian Krys, Pablo Durán e René Toledo, sen esquecer a talentos emerxentes coma o compositor venezolano Paolo Tondo. O resultado é un álbum que, segundo afirma o cantante, reflicte a etapa da súa vida pola que transita nestes momentos, namorado, en paz e preocupado por facer algo no mundo que axude ao próximo. Un Chayanne disposto a volvernos a engaiolar coas súas novas cancións e cun gran espectáculo cheo de vitalidade e enerxía.
"En tu corazón... Valladolid" patrocina a xira No hay Imposibles. "En tu corazón... Valladolid" é a imaxe da promoción turística de Valladolid como destino e decidiu unirse á xira de Chayanne para proxectarse máis aló das súas fronteiras e dar a coñecer a todos os seus recursos e a súa riqueza. O concerto de Santiago de Compostela, o único que ofrecerá en Galicia, está patrocinado por Fundación Caixa Galicia e pola Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela.