![]() |
| A Vargas Blues Band con Javier Vargas (dereita) FOTO: JuanLu Vela/V. Aneiros |
O das definicións do blues, o xénero máis veces definido de todos os tempos, é un tema que paga a pena analizar e incluso coleccionar compulsivamente. Cada un ten a súa e todas conflúen no mesmo. Está a de "Señora, se llo teño que explicar, é que nunca o vai entender", que talvez sexa a descrición perfecta. Atribúeselle a Sonny Boy, pero tamén a Muddy Waters e incluso a Miles Davis, polo que case resulta preferíbel considerala anónima. Despois hai outras, como a de Lightnin’ Hopkins moito menos logradas: Blues is a feeling (o blues é un sentimento), que Memphis Slim matiza un pouco e afina: Blues is troubles (o blues son problemas). E logo está a pictórica do noso Víctor Aneiros: "O blues é esa canción que tocas na parte de atrás da casa". Moi visual. Sobre todo porque en Galiza chove once meses ao ano. Aínda así, semella preferíbel a outras máis melancólicas, máis tristes, máis blues, como aquela de "é unha enfermidade do corazón", ou "trátase dunha muller a chorar polo seu home", ou a de que "o blues é simplemente un tipo bo cando se sente mal".
O curioso de tanta explicación é que a maioría dos bluesman e dos seus sensíbeis seareiros consideran o xénero "imposíbel de definir con palabras". Xa ven. Será que o blues é así.
Bluesman galego versus latino
![]() |
| Marcos S. Yáñez, Manuel Gutiérrez, Víctor Aneiros e Xacobe Martínez Antelo FOTO: JuanLu Vela/V. Aneiros |
Dicir bluesman galego paréceme en realidade unha redundancia, un mero epíteto. Se nos cinximos ao seu significado literal, qué pode haber máis intrinsecamente galego que un bluesman, o home dos azuis, o señor das tristezas, o individuo das saudades? De tanto tributo á morriña naceu a fusión galega da Víctor Aneiros Band –canda Manuel Gutiérrez, Marcos Yáñez e Xacobe Martínez–, con letras de Rosalía e Curros, "dous grandes letristas de blues", segundo a opinión do músico. O sábado 8 de maio ás 21.30 horas, os galegos subirán ao escenario da sala Capitol de Santiago con temas do seu último disco, Heroe secreto. Será antes da actuación da Vargas Blues Band, de Javier Vargas, o alquimista do blues latino, "o único músico que logrou sacar en España o xénero do reducido gueto dos seguidores especializados", en palabras do xornalista valenciano Juan Puchades. Na sala compostelá, Vargas tocará por primeira vez temas do seu último álbum, aínda inédito, gravado en directo na sala Breogain de Vigo canda Devon Allman, raimundo Amador, Jorge Salan e Claudio Gabis. Aneiros desvela que pretenden culminar o concerto cun vis-à-vis entre ambas as dúas bandas: "O que de aí pode saír hai que velo".
