El Correo Gallego Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
[Noticia 1334 de 2001] noticia anterior de Música Inicio

Naturalidade pop-folk

18.01.2009  Roi Casal sorprende con "Lendas douradas", o seu primeiro traballo discográfico en solitario, no que reinterpreta en clave contemporánea a música tradicional

5.0/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

LUPE GÓMEZ

Roi Casal pasou por Milladoiro, un grupo que lle permitiu aprender e ao que admira como símbolo da música tradicional do país
Roi Casal pasou por Milladoiro, un grupo que lle permitiu aprender e ao que admira como símbolo da música tradicional do país

O primeiro disco de Roi Casal, con matices pop e algo de rock, soa moi natural. Realmente sentes que escoitas seres humanos e non robots. Lendas douradas trae aires contemporáneos para unha cultura e un idioma antigos. Roi recoñece que el é perfeccionista e di que "vivo ensimis- mado no meu mundo". No trato é unha persoa amable. Fai música para unha nova xeración de galegos e galegas. Non quere adormercerse na estabilidade. Quizais por iso emprende unha carreira en solitario despois de ser harpista en Milladoiro. Xunto coa súa banda de músicos vai facer concertos, e espera moito dos directos porque di que "imos petar forte, como unha metralladora." Sempre se pensa que a música galega é lenta, pero Roi Casal achega forza e brío.

 

Cal é a esencia de "Lendas douradas"?

É un termo que vén dun poema de Curros Enríquez no que di que que "o valor, o carácter, as ideas, falas, costumes... son lendas douradas." Eses elementos caracterizan os seres humanos, que viven en colectividades e dan lugar a culturas que nos enriquecen. Eses valores son peculiares en min, e son o que fan que sexa atractivo escoitar outras músicas, outros idiomas. Vivo nesta esquina da Península Ibérica, e o que fago é valerme do patrimonio que temos para renovar a música tradicional.

 

Qué é para ti a música?

A música é unha forma de expresar sentimentos a través de ondas sonoras. É unha forma de crear un universo paralelo de emocións. A definición aséptica e deshumanizada da música é "a arte de combinar os sons co tempo." A visión do teclista da miña banda é que a música é "a arte de combinar os sons cos horarios". Porque é difícil xuntar a todos os meus músicos. Meu pai é Nando Casal, músico de Milladoiro. Este grupo naceu hai 30 anos. Eu teño 28 anos. Levo escoitando Milladoiro dende a placenta da miña nai. Na miña casa sempre houbo unha habitación dedicada para a música. Sempre estiven na "habitación da música." Milla- doiro é un grupo fundamental na historia da música deste país. Foi quen deu o salto cualitativo na música deste país, e incorporouna a un circuito cultural e europeo, estandarizándoa a nivel de Word Music. Foi o primeiro grupo que tivo esa impronta de dar un salto á modernidade e moitos galegos seguiron véndose representados nese salto. Milladoiro agora está no momento de facer o que lle dea a gana, e como queira. Non ten que demostrar nada. A súa impronta quedará para a Historia.

 

Ti agora emprendes unha carreira en solitario.

A min Milladoiro deume moitas oportunidades para aprender cousas. A diferencia xeracional que hai entre os seus membros e eu nótase. Eu para ser honesto comigo mesmo quero dar o meu punto de vista da música. A ética coincide coa de Milladoiro, que é ter respecto pola música tradicional e achegala ás novas xeracións. Esteticamente eu traballo de forma distinta. Estou moldeado por todo o que me rodea. Este disco é unha continuación do que vén sucedendo en Galicia dende fai trinta anos.

 

Hai letras túas no disco, e poslle música a poemas de Rosalía de Castro e Manuel María. Galicia ten bos poetas?

Dentro do mundo da cultura o que máis peso tivo para emerxer Galicia foron a música e a literatura. Rosalía é pioneira en moitos aspectos. Defendeu a lingua galega cando eso non sen contemplaba. Rompeu cos Séculos Escuros. Ela partiu de nada, e na súa casiña de Padrón creou un universo incríble. Ela é unha das heroínas galegas para min. Lin toda a obra de Manuel María e síntome moi identificado co seu pensamento.

 

Coa túa voz e coas túas cancións transmites romanticismo. Ti es unha persoa romántica?

Sempre dixen que eu nunca escribiría unha canción de amor. Ás veces incluso peco de antiromántico. O romanticismo non é unha estética que me guste. Non me transmite nada e ponme inquedo. Cando escoito a Pablo Milanés síntome inquedo. Non comparto esa forma de facer música.

 

En "Lendas douradas" conflúen estilos como o folk, o pop, o rock...

É un disco de música tradicional pero é pop-folk. A instrumentalización é bastante contemporánea. Achega o carácter diferenciador da zanfona e da arpa, instrumentos que levan en Galicia dende antes da Idade Media. Bebe da música tradicional e fai que todo estea conectado. Os seus matices pop caracterizan a miña forma particular de facer música. É moi persoal.

 

Como é esa nova xeración de galegos e galegas aos que ti te dirixes?

É unha xeración que naceu nunha sociedade europea. Eu teño que loitar por moitas cousas, pero non teño un obxetivo de cambiar algo próximo na vida. As nosas aspiracións son máis globais. Non pasamos por unha Transición nin pola dura posguerra. Tivemos unha vida fácil. Pasamos de vivir na Idade Media a vivir nun país do Primeiro Mundo. Eso é unha bendición. Todo o que temos é grazas aos nosos pais e avós. Temos Internet.

 

Que posibilidades comunicativas ten a harpa?

Ten a ventaxa de que non é un instrumento moi usual, e esperta nos oíntes unha sensación distinta. Escoitar unha guitarra ou un piano case é normal. Coa harpa a xente queda prendida. A harpa céltica ten moitas posibilidades e conecta moito coa música galega. É o meu instrumento de cabeceira. Empecei como autodidacta a tocar a harpa sendo adolescente. Recibín despóis clases de Rodrigo Romaní, e estudei harpa clásica en Madrid. Síntome cómodo tocando a harpa. Tamén toco a zanfona e o bouzouki.

 

A voz da cantante Silvia Ferre achega calidez e sentimento a "Lendas douradas".

Foi un dos grandes descubrimentos da gravación. Ela é de orixe asturiana pero leva xa moito tempo en Galicia. Eu necesitaba a voz dunha muller e Silvia chamoume a atención. A súa voz achega sensualidade e a tímbrica dunha voz feminina. Aos homes a voz de muller trasmítenos o significado dunha nai, da túa muller, dos teus fillos. É esa parte feminina que aos homes nos fai tanta falta. É como o sal para a comida.

 

Na túa música apostas polo idioma galego. Cres que ten futuro?

Non aposto polo idioma. Eu falo o meu idioma, e deféndoo. O idioma que naceu aquí e está conectado coa xente de aquí é o galego. O castelán é de Castela, é estranxeiro. Temos a sorte de coñecer o castelán. Eu non son castelán nin francés nin ruso. Non entendo que o idioma poda ser un conflito. Parece que o raro en Galicia é falar galego. Cantar en galego non é unha forma de ir contra ninguén. É o máis normal do mundo.

 

Como valoras o momento musical que vive Galicia?

Hai moita produción, pero hai sobreprotección para cousas que se fan en galego. Para ser un país normal tes que criticar unha obra dende o punto de vista artístico e non dende o punto de vista político. Hai un exceso de proteccionismo a todo o que sexa galego. O máis sano sería ter autocrítica. Alégrome de que xurdan cousas interesantes pero tamén hai cousas que se fan por intereses comerciais e por ter acceso ao amparo das institucións.

 

Ti fas unha reinterpretación contemporánea da música tradicional.

É renovarse ou morrer. Son os vínculos entre as persoas e as culturas. A música tradicional galega hoxe en día está florecente. Eu penso que a música tradicional che axudan a comprender o país. Non é casualidade que os que nos dedicamos á música tradicional coincidamos en moitas cousas. É un camiño común. A música galega goza dunha saúde espléndida.

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS