El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Cartas al Director

cheíño Arteixo

Honestidade

07.07.2016 
A- A+

Para solicitar unha prestación, que con tanto esforzo ofrece o padrastro Estado, esixen cumprir certos requisitos, cousa lóxica, certamente, mais, o que non me parece tan lóxico, é que un deles sexa demostrar que te preocupas de buscar traballo coa entrega dunha certa cantidade de currículos co número de teléfono da empresa e o nome dunha persoa de contacto. Que, por certo, as empresas, nunha alta porcentaxe, néganse a pór un simple cuño, e aínda non comprendo por que.
En fin, segundo os que nos gobernan, debemos botar o día tirados no sofá.
Se tanta dúbida teñen de que non buscamos traballo, por que non mandan eles mesmos os currículos ás empresas? Non son oficinas de emprego? Así enterábanse de quen ten interese en traballar, aínda que sexa precariamente, e de quen ten máis interese en estar ao longo do sofá, vivindo coma un rei nunha cesta, a conta do Estado.
Cando alguén comenta nos mass media que os políticos son uns corruptos, replican moi amolados, agarrados ao nó da gravata, que non se pode xeneralizar. Entón, donas e cabaleiros, por que vostedes dan por feito que todos os que quedamos sen traballo pola crise, e fundidos na miseria, por mor das vosas paupérrimas políticas, convertemos o sofá, dun xeito raposeiro, no noso hábitat?
Non será porque o ladrón pensa que todos son da súa condición? Eu non apertarei o nó da gravata pero esixo presunción de honestidade