El Correo Gallego

Opinión » Cartas al Director

Juan Barro Arteixo

Humanización social

02.04.2013 
A- A+

Como ilusionados obreiros, a sociedade esforzouse en construír as paredes da democracia para protexerse das inxustizas e dos abusos que noutras épocas sufriu a liberdade. Pero, onde está a liberdade? Porque a democracia parece que non fixo máis que preparar o terreo para que medrasen os corruptos e outras bicharadas políticas. Quizais pouco políticas algunhas, pero si moi bicharadas.
Aquel pensamento de liberdade, aquela esperanza de construír un país próspero, tranquilo, varrendo a borralla do antonte, aquela ilusión de ir cara unha sociedade máis xusta, acabou por trocarse en rabia e noxo. E ata en sentimento de culpa por non saber, ou non querer (se alguén pensa que tamén por non poder, trabúcase!, porque poder sí se pode), domar as feras políticas (corruptas ou non corruptas), que destinan as nosas vidas, e que cada vez máis nos están lembrando (aos que podemos lembrar) as torturas infrinxidas á liberdade polo non tan antigo réxime.
En fin, a esperanza segue ahí, no corazón e no espírito, esperando que algún día chegue a cordura e entre todos reforcemos as febles paredes e prescindamos (Deus nos axude!) dos corruptos (e outras bicharadas políticas), e poidamos crear, por fin, un país e unha sociedade máis xusta. Entón poderemos trazar a bandeira da nova era patria. A era dunha sociedade máis humana.