A raíz dos artigos da profesora María Paz García Rubio sobre os problemas estruturais da USC, os docentes investigadores RyC e IPP queremos transmitir unha serie de propostas construtivas para tratarmos o problema dos desequilibrios docentes entre áreas, e buscar a unión de todos os sectores da USC para facérmonos mais fortes. En concreto, propoñemos o seguinte:
1. Co obxectivo de reducir os desequilibrios docentes, os profesores investigadores RyC e IPP ofrecémonos a cambiar de área e impartir docencia en áreas afíns con necesidades docentes.
2. Pensamos que a USC debe seguir apostando polos programas de captación de RRHH, tanto RyC como IPP, volcándose nas áreas deficitarias. Se estas áreas tivesen problemas para captar candidatos por non dispor de grupos de investigación consolidados, o goberno da USC debe poñer en práctica protocolos de actuación que minimicen eses problemas: por un lado, un compromiso forte de estabilización é un efecto chamada importante, e por outro, un plan estratéxico ambicioso de difusión das prazas a nivel nacional e internacional permitirá achegar a información a candidatos con elevada experiencia investigadora e con fortes posibilidades de seren seleccionados.
3. Os profesores investigadores RyC e IPP propoñemos romper coa dinámica de división e tensión entre áreas para construírmos unha Universidade mais unida, coa idea de termos unha voz forte e coherente á hora de negociar financiamento externo. Estamos abertos ao diálogo con todos os sectores da Universidade e, en particular, co reitor e o seu equipo.