El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Cartas al Director

Xoán Rama Santiago

Torres e a vietnamita

29.05.2010 
A- A+

A vietnamita estaba tras un dos altares da Catedral. A ollada, a aquel home alto, grande e rexo, enriba do púlpito, cos brazos en alto predicando, semellaba estares ante o mesmo Torquemada imaxinario. Vaia alarde de vaidade. Disparaba palabras coma unha metralladora que atronaba todos e cada un dos arcos da Sé de Compostela. "Perante Deus todos valemos", pensaba el, pequeno, frouxo e ferreño; así e todo era o seu irmán. Magoábao e enfurruñábao.

"Un, varudo batallador das Cruzadas o outro, valente loitador dos humildes. As dúas caras da mesma moeda", laiábase el nos seus adentros.

A policía axexaba. No Seminario Maior corría o Vaticano II, a Teoría da Liberación, a galeguización da Igrexa, a actuación libre da Igrexa na sociedade, a defensa dos pobres... rexía aínda o cardeal Quiroga Palacios.

Chao, Moncho, Carballo, O Fuguillas, O cura de Aguiño que daba misa pola tardiña á hora que voltaba do mar cos seus mariñeiros ou Susa Juanatey e @s amig@s que andaban de misioneir@s nas aldeas do Monte Iroite a carón da base militar do Barbanza, carecendo os seus veciños até do máis estritamente necesario, e tantos e tantas outras ao traballo no longo do tempo (Coloquios, Encrucillada, Irimia, Romaxes, Encontros ... traballo coa comunidade a pé de obra). Parecían apóstolos: curas-mariñeiros, curas-labregos, ... curas-traballadores. Todo un bulir na sacro santa Casa.

E en plena xolda "fumata branca", cae Torres Queiruga en desgraza. O arcebispo Suquia apuntaba e coa valiosa "habilidade diplomática vaticana" saída de xente do seminario, desgaleguización da Igrexa, pequenos empuxes cara a porta de fóra aos "curas roxos", fuxida cara a América e a África á busca de osíxeno. Logo veu o bispo Rouco e seguiu a mesma liña doutrinal.

Hoxe máis de 50 curas valorosos do colectivo Encontros reivindican, de novo, derrubar, para aqueles que así o queiran, o muro do celibato tan daniño á plenitude do ser humano.

Segundo eles, o meu tan prezado Xoán XXIII co seu Vaticano II algo andou rosmando a prol do cambio e o Paulo VI algo deixou escrito, mais o Wojtyla preferiu derrubar o Muro de Berlín.

A ver se hai sorte e coa vida do Bieito XVI a Santiago, xa que xa non ten nada que esborrallar en Berlín, lles fai caso, fálanos en galego -feliz fará ao padre Isorna e aos galegos de seu- e abole o celibato obrigatorio.

O monseñor Barrio íalle quedar ben agradecido, xa que está, entre o eixe e a roda, pagando os custos daqueles "recortes".