Viernes 06.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS

DEIXOUNOS Maruxa Boga. Porteña, filla de galegos. Tiña 95 anos. Enmudeceu aquela voz que nos chegaba por Radio Rivadavia, naquel "Buenos Aires querido", destino de tantos galegos. Unha voz cordial que asomaba agarimosamente milleiros de fogares, moitas veces acompañada pola do seu home Alfredo Aróstegui ou por Enrique González. A audición radial Recordando a Galicia, dirixida e animada por ela, foi unha cita semanal con todos nós ó longo de 40 anos.
Entrevistou a Castelao, Blanco Amor, Colmeiro, Suárez Picallo, Alonso Ríos, Maruxa Villanueva, Manuel Dopazo, e moitas outras personalidades. Tamén eu estiven na emisora, con Anisia, en dúas ocasións: cando fundamos a editorial Follas Novas, en 1957, e cando saíron, en 1960, os nosos primeiros libros, Dende Lonxe e Esta es Cuba, hermano.
Maruxa -que tamén era actriz- lía poemas de Rosalía, de Cabanillas..., informaba das actividades da colectividade galega e por veces, xunto con Enríque González ou coa colaboración do grande actor ourensán Tacholas, ofrecía escenificacións de textos de Lugrís Freire, Álvaro de las Casas, Rafael Dieste e outros dramaturgos. E recordo que presentaron un por un sucesivamente os capítulos de Os dous de sempre, de Castelao.
Con Maruxa téñome encontrado moitas veces en actos culturais galegos. Un deles foi na asociación vasca Eusko-txokoa, organizado polas entidades xuvenís de Galeuzca. Díxome que lle interesaba ver a danza vasca de San Miguel de Arexinaga e o baile catalán de bastonets. E de Galicia, as espadas de Redondela.
Maruxa era unha galega nacida en Buenos Aires. Repetiumo a última vez que nos vimos en maio de 1998, no Centro Lalín. Coido que nunca veu a Galicia, pero a cultura galega e a historia de Galicia estiveron nela de por vida. Amaba a súa patria anterior.
Escritor

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado