Viernes 06.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Leva razón Alfonso Guerra cando di que a ministra de Igualdade está facéndonos perder o tempo coa proposta de incorporar o palabro membra ao dicionario da Real Academia Española. Até podemos intuír que o vello dirixente dos socialistos e das socialistas españois e españolas se vai decatando de que a ministra ten moi pouquiño que aportar e que parece como se houbese moitos ministros e moitas ministras de máis no novo gabinete e na nova gabineta.
Estas cousas e estes cousos pasan sobre todo cando os discursos e as discursas son moi rudimentarios e rudimentarias e por iso este vaivén e esta vaiveña serve para un roto como para un descosido, tanto como para unha rota como para unha descosida. E así se entende que o Vicepresidente nacionalista da Xunta, como di poucas ideas e poucos ideos con substancia e con substancio case sempre, pois que as mande dirixidas e dirixidos, sen falto e sen falta, unha e mil veces e vezas, aos amigos, ás amigas, aos compañeiros e ás compañeiras, até que todo fica niso, en nado e en nada. Pelillos al mar e a la mar.
Eu non sei se en Andaina estarán de acordo con esas propostas, pero estráñame. Andaina é unha asociación feminista moi seria que cumpriu agora vinte e cinco anos e acaban de celebralo cunha fermosa edición antolóxica da revista, na que se pode ver, ler, o tremendo esforzo do movemento feminista galego desde a negrura franquista deica agora. Cando por exemplo tiñan que explicar entre burlas e insultos, que unha violación non é unha heroicidade masculina; cando os xuíces sentenciaban pensando aínda no dereito de pernada, dito sen esaxerar.
Moitos historiadores afirman que a única conquista con resultados durante o século vinte en todo o mundo é a da muller. Ninguén o podería sospeitar hai trinta anos. Daquela criamos que a igualdade económica sería a grande achega desta época. A nós gústannos moito as mulleres de Andaina, porque manteñen posturas serias, firmes e contracorrente, porque abren camiño desde o lugar menos vistoso, que é o da análise e o das propostas sen conto, no espazo da sociedade civil, da que se fala menos canto máis engordan os cus.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado