Martes 18.06.2013
| Actualizado 20.24
Hemeroteca web
|
RSS
XUNTÁRANSE varios amigos para comer na finca dun deles, mesmo ao pé da praia. Como a comida foi consistente houbo que prolongala cunha demorada sobremesa de cafés, algunha copa de licor café e moita parolada. Os menos preferiron ir botar unha sestiña á area da praia. Alguén indicoulles aos demais a presenza dunhas señoras maiores que, refucindo os vestidos ou as saias, metían as pernas na auga ata máis arriba dos xeonllos. Deste xeito paseaban dun extremo ao outro da praia. Aos que eran daquela zona a escena lembroulles de contado as mulleres que viñan das aldeas do interior tomar as augas a aquela vila da costa. O maior de todos lembraba perfectamente como nas fondas lles preparaban os baños quentes con auga que traían expresamente do mar para aquel mester. Ao saíren da bañeira abrigábanse ben e mesmo cubrían a cabeza para que non as collese o frío e non se destapaban deica pasado un tempiño. A aquelas mulleres chamábanlles pouvanas e adoitaban chegar co mes de setembro, logo de deixaren a vila os señoritos e as señoritas da capital, éxodo que poñía fin á tempada turística. As pouvanas adoitaban botar uns dez días e marchaban renovadas para as aldeas de onde viñeran, a seguir cos seus labores de todos os días. Un dos presentes contou que durante nove días aquelas mulleres ían á praia antes do empardecer e metíanse na auga ata mollarse todas. Aclarou a súa muller que se trataba dun rito relacionado coa fertilidade. Pero non acabara o seu home de contar o conto. Polo visto, as pouvanas non poñían traxe de baño porque lles parecía roupa impúdica. Metíanse na auga cubertas unicamente cos bisos que levaban debaixo dos vestidos. Todos os días, ao caer a tarde, xuntábase unha boa morea de mozos e non tan novos que ían ver os corpos daquelas mulleres perfectamente debuxados por mor da roupa mollada que se lle pegaba ao corpo. Acabada a función cadaquén volvía para a súa casa. Os nenos, claro está, tiñan prohibido saír daquelas horas.
Escritor

19.06.2013
Basura tirada a pocos metros de una papelera
Exigen la limpieza de pistas y aceras en Ames
Pista con muy baja visibilidad por la maleza
Falta de mantenimiento en muchas aceras
Tapas de alcantarilla que son un peligro