Viernes 06.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS

NA VILA había un casino no que se organizaban cada vez menos actividades de interese para acabar por converterse nunha sala de recreo particular para uso duns cantos señoritos que acudían todos os días a xogar a partida de subhastado e a tomar café. Cando se comprou un dos primeiros televisores que chegaron ao lugar, a afluencia de xente aumentou pola atracción que exercía aquela novidade. Pola tarde acudían os rapaces, cando non era tempo de escola, e pola noite os maiores vían series, películas e teatro. Unha das actividades que non faltaba naquel centro eran os bailes, os máis nomeados o de fin de ano e o do entroido. Este último celebrábase o domingo con orquestra que tocaba en directo e os directivos procuraban lucirse levando un grupo de sona. O sábado anterior había outro baile para os cativos con música de tocadiscos e premios aos mellores disfraces.
O baile de maiores ten causado máis dun problema gordo, comezando pola propia identificación dos asistentes. A natureza da festa facía imprescindible o disfrace e non era cousa de andar mirando persoa a persoa se quen entraba era socio ou non. Sempre que as directivas pretenderon levar algún control fracasaron polas protestas da xente que entendía que o anonimato pertencía á esencia mesma da festa. Un ano a cousa foi grave. Pasadas as doce da noite presentouse no lugar unha parella. Tratábase dunha moza ben preñada que ía do ganchete dun cura. A ningún dos dous lles faltaba detalle. Nada máis entrar na pista de baile formouse un rebumbio arredor deles. A cousa ía con moita intención. Corrérase pola vila que o señor abade deixara preñada a Lorena, por moito que esta o negaba pero tampouco non confesaba quen fora o responsable. Alguén chamou a Garda Civil e non tardaron en presentarse o cabo e un número. Tarde de máis porque a parella, avisada por uns amigos, saíu pola porta de atrás e perdeuse polas leiras. Nunca se soubo quen foron por máis que se botaron contas de quen estaba e quen faltaba naquel momento. E os homes seica estaban todos.
Escritor

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado