El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ no pasar dos días }

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

Basilio Losada galardoado

02.12.2012 
A- A+

ESTASE a reformar a estrutura parlamentaria, conforme aos resultados da vontade maioritaria da cidadanía, e se procede a constituír un novo goberno galego como un esperado proceso da actividade das políticas públicas, cara a unha renovada etapa dirixida a resolver a problemática da súa situación económica-social e á mellor orientación das súas pretensións, da nosa cultura e da nosa lingua que tentan de seguiren adiante subsistindo entre a colaboración de entidades culturais de carácter privado e concretas actuacións oficias. Velaí a permanencia dunha serie de galardóns como os Premios da Cultura Galega 2012 (da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), os Premios da Crítica Galicia (instituídos pola Fundación Premios da Crítica Galicia), ou a concesión nestes días do Premio Otero Pedrayo (outorgado polas deputacións provinciais de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra co apoio da Xunta de Galicia). Segundo se di na convocatoria, este premio ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria do egrexio home de letras, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura, e promover os valores propios de Galicia.

Con fonda satisfacción recibín a nova de que o Premio Otero Pedrayo –na convocatoria do ente provincial ourensán– lle foi outorgado con todos os merecementos ao ilustre profesor Basilio Losada Castro, nado na Pobra de San Xiao, do concello lugués de Láncara, en 1930, terra da que emigraría con tres anos de idade a Madrid, a León e, dende o final da guerra civil, a Barcelona. Alí, Losada, traballou para estudar e licenciarse en Dereito e Filosofía e Letras; logo, daría comezo a súa carreira profesoral naquela universidade nas materias de Lingua e Literatura galega e portuguesa, pasando con posterioridade a desempeñar a cátedra de Filoloxía Galega e Portuguesa ata a súa xubilación no ano 2000. Participa en programas de distintas universidades norteamericanas e alterna así as tarefas de excelente tradutor e crítico literario cunha intensa dedicación á cursos e cursiños, conferencias e congresos por Europa e América

A nosa amizade vén de moi vello: Na primavera de 1964, coñecerámonos cando por razóns de traballo tiven que desprazarme un tempo a Barcelona (nun expreso que tardaba en chegar ¡trinta e seis horas!) Basilio, con quen estabamos en contacto, fora a agardarme amabelmente a estación, e naquelas datas tivemos ocasión de falar longamente. Lembro que na mañá dun sábado me presentara, na terraza dun restaurante da Praza Real a Fermín Penzol e a Blanquita Jiménez. Ultimamente, só vin a Basilio Losada o Día das Letras Galegas adicado a Ramón Piñeiro, en Láncara. Logo, me chegou unha carta súa a eloxiar o meu libro De Onte a Hoxe. Ensaios xornalísticos dende Compostela.

Luís G.Tosar escribía estoutro día de que Basilio é un gran contador de sucesos. É certo. Eu oínlle varias historias desas e quedei coa dúbida de si serían realidade ou fabulosos relatos. Hai case vinte anos, a falar de el aquí mesmo, referinme a cando de moi neno mercou o primeiro libro. É magnífica. Hai outra dun coitelo dos indíxenas brasileiros… Parabéns.

Da Real Academia Galega