El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

con mil amores

MIGUEL SUÁREZ ABEL

Belvís, colleita do 63

25.05.2013 
A- A+

NA festividade de San Rosendo de 1953, o cardeal Quiroga colocou a primeira pedra. O edificio encheuse con 541 alumnos no curso 57-58, e o xoves 11 de setembro de 1958, día de San Pedro de Mezonzo, o Caudillo e a súa egrexia esposa, din as crónicas, inauguraron oficialmente o Seminario Menor de La Asunción. O acto estivo rodeado de aclamacións por parte da multitude congregada. As autoridades, contemplada a virxe obra do artista Asorey, escoitaron na capela o motete Bienvenida a la Sagrada Casa e pasaron ao salón de actos. Quiroga Palacios agradeceu a localización do colexio entre a Virxe do Portal e Santa María a Real do Sar, deu gracias a cantos coas súas axudas levantaran o edificio e declarou a súa finalidade: formar sacerdotes como predicadores da doutrina e distribuidores das gracias do Salvador.

O domingo 2 de xuño de 1963, con 10 anos e acompañado de meus pais, visito o colexio que me había de acoller o resto da nenez. Era a véspera da morte do Xoán XXIII, o papa que presidira a primeira sesión do Concilio Vaticano II. Realizado o cursiño preparatorio en xullo, en setembro ingreso en humanidades. Eramos máis de 100 rapaces en 1.º chegados de toda a diocese. A vida dentro estaba ben marcada: disciplina, silencio, oración, estudo, deporte, reflexión, compañeirismo, teatro, canto, veladas, días de visita, exercicios espirituais, duchas no soto, filas, exame de conciencia e outra vez silencio. Cando no ano 1965 se clausurou o Vaticano II, moitos xa abandonaran o internado. Era o preludio do que acontecería: pasar de estar cheo a case baleiro. O país estaba cambiando. O rural foi deixando de ser o viveiro onde captar tanto estudante. Belvís tivo que adaptarse: nunca máis acugulado de nenos analizando se a chamada da vocación petara nas súas almas. A maioría abandonamos aula, capela, patio de xogo, prédicas, meditación, ensaios e xeiras de estudo, pero co seu selo. Porque, agás aos escasos externos, privilexiados encargados do contrabando e das misivas amorosas, que non se vían tan directamente labrados, por pouco que permaneceses, Belvís marcaba. Por iso unha xeración de galegos (profesores, policías, artistas, sindicalistas, adestradores de fútbol, políticos, escritores, xornalistas, médicos, empresarios, mágoa que moitos menos técnicos e científicos) deben moito a aqueles anos. Hoxe reunímonos os da colleita do 63. Ha ter mérito.

Escritor e profesor de instituto