El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

CARTAS ASOMBRADAS

CAETANO DÍAZ

Nin tutelas, nin tutías: AZUCRE!

08.10.2017 
A- A+

A Gonzalo Caballero e Xaquín F. Leiceaga, gañadores 'in pectore' das primarias do PSdeG

-

Miro a foto e aparéceseme co seu mantra Marshall McLuhan, o guru que nos abraiou aos estudantes de Periodismo nos volcánicos e electrizantes anos finais da década dos setenta: o medio é a mensaxe. Parece que tiña razón, porque esta curiosa fotografía, señores Caballero e Leiceaga, trascende o acto da presentación en sociedade da sólida alianza que as primarias de hoxe van refrendar, se non cambia o curso do Amazonas, e que abre as portas para unha renovación fonda do PSdeG.

Aí están ambos -don Gonzalo con cara entre a felicidade e o cachondeo, con rostro don Xaquín de isto é o que hai e Deus o pague- anunciándonos un futuro de azucre para un socialismo galego atrapado, perdido, en tempos de cólera e desamor. Porque a militancia que hoxe lles vai encargar a vostedes dous o goberno dun partido á baixa chegou até aquí desfondada, desangrada polas navalladas entre familias, enfrontada e crispada, hastiada das manobras dos baróns e necesitada, sobre todo, dun proxecto no que crer.

A mensaxe subliminal que deixan nesta foto, señor Leiceaga e señor Caballero, ben podería ser a de que collen prestada vostedes aquela enerxía lendaria de Celia Cruz, que converteu o berro azúcar! no símbolo inmorrente da salsa cubana, para confeitar o camiño que hoxe comeza a percorrer o PSdeG. Digo eu que para construír ese partido novo sen tutelas nin baronías -Manuel Fraga diríao, of course!, máis directo: nin tutelas, nin tutías!- van precisar moito fino azucre. Tamén moito sentidiño e moita valentía, si.

Artículo completo en El Correo Gallego (edición papel) y Orbyt